'Cantamos?': os contos clásicos tornan en música para a rapazada con Luis Vallecillo

Luis Vallecillo, durante un espectáculo © Xaime Cortizo

O bigote de Mimi, Cantamos un conto?, O mundo de Carliños ou Cantares das letras son títulos ben coñecidos para a rapazada de moitas familias galegas. O seu autor, Luis Vallecillo, prepara a presentación dun novo traballo, Cantamos?, o vindeiro día 30 (12:00) presentará no Museo Etnolúdico de Galicia, en Ponteceso. Cantamos? é un espectáculo infantil e familiar, pero tamén o primeiro traballo editorial de Vallecillo, xa que verá a luz en forma de audiolibro (Guindastre Edicións).

Nado en Madrid pero centrado na creación en lingua galega, Vallecillo volve cunha obra "tanto educativa como lúdica, chea de emocións, contos e cancións". Nenas e nenas xogan e bailan coa música e deixan voar a imaxinación cos debuxos. Os protagonistas da historia de Cantamos? son o propio artista e mais Rosi, unha monicreque que gusta da música e dos contos. Os dous convidan os cativos "a cantar e a descubrir unha fantasía na que todo é posible".

Os contos clásicos son o eixo central do proxecto, pero "dun xeito diferente, transformados en cancións". O audiolibro trae consigo un CD con música e audiocontos e ademais, "pictogramas para facilitar a lectura a persoas con necesidades especiais e prelectores". Así este traballo "trata de ser tamén unha ferramenta inclusiva e integradora".

A escritora, actriz e contadora Blanca Millán é a autora dos textos deste audiolibro e as ilustracións son obra de Blanca Millán. O traballo bota a andar no Museo Etnolúdico de Galicia porque as súas instalacións foron o escenario da gravación do primeiro videoclip do proxecto, no que ademais participaron o CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso e mais a Fundación Ricardo Pérez y Verdes, que centra o seu labor en conservar e recuperar o patrimonio lúdico, cultural e deportivo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.