0 Gardados para despois

Luz Darriba: “Se algo está cambiando no mundo, ten a ver coas mulleres”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


“Artista multidisciplinar”. Así é como adoita definirse a Luz Darriba, a creadora que vén de gañar o Premio da Cultura Galega na modalidade de artes plásticas. E multidisciplinar é, sen dúbida. Porque exerce a escrita, a pintura, a instalación, a acción… Mais é coñecida, sobre todo, polo que ela mesma chama macroproxectos urbanos. Intervencións na rúa para denunciar, sobre todo, as consecuencias do patriarcado. Ou para reivindicar un mundo no que o coñecemento se impoña sobre a barbarie. Entre as máis mediáticas, ‘Cumulum’, que rodeou a muralla lucense con libros. Mais Luz Darriba fixo moitas máis cousas, das que falamos nesta entrevista.

Foi moita sorpresa recibir a noticia do premio?

Xa estivera nomeada, cando o premio tiña dotación económica e chamábase Premio Nacional de Cultura. A verdade é que eu non contaba con el. O outro nomeado era, ademais, Paco Leiro. E as mulleres sempre o temos máis difícil… Pero tamén é certo que a el xa llo deran. Cando me chamaron si quedei así un pouco… como? Pero, ben, o importante é que é un recoñecemento a todo un traballo feito con moita dificultade, pero con moita coherencia, ou iso intento. Eu fun, ademais, a única muller premiada, e iso tamén é importante dicilo…

"Fun a única muller premiada, e iso tamén é importante dicilo…"

Podemos comezar polos teus anos de formación. Criácheste en Uruguay pero estudaches en Arxentina. E supoño que cunha orientación, en Belas Artes, que pouco tería que ver coa instalación, a acción…

Si, claro. Formación clásica pura e dura. E moi estrita, moi ríxida… Fixen os tres ciclos de Belas Artes. Pintura, escultura, gravado e debuxo, catro anos; despois especialidade en pintura e escultura, tres anos, e despois pintura mural, catro anos.

E por que te decantaches pola acción e a instalación na rúa? Penso que algunha influencia houbo das accións das Madres da Plaza de Maio…

Eu pintaba, facía escultura, debuxaba, pero, cando chegou a democracia, empecei a traballar cos macroproxectos das Madres de Plaza de Mayo. O Cumulum foi un intento de poñer en valor estas formas de intervención. Ademais, hai unha artista arxentina á que sempre cito, Marta Minujín, que foi unha pioneira absoluta neste campo, nos anos 60. Daquela, ninguén entendía o que ela estaba a facer. Ese tipo de macroproxectos son un intento de achegar a arte á xente, de que a xente participe do propio proxecto artístico. Sabendo que é arte efémero...

"Os macroproxectos son un intento de achegar a arte á xente, de que a xente participe do propio proxecto artístico"

Cando fixen Cumulum, eu nin sabía que a muralla de Lugo fora proposta para ser recoñecida Patrimonio da Humanidade. De feito, eu penso que me deron o permiso por iso, porque antes xa presentara outros proxectos e nunca me fixeran caso. A min déronmo, e ademais moi rápido. E mira: a Christo tardaron 20 anos en darlle permiso para facer a súa intervención no Reichstag…

O movemento feminista, nos 70, estaba a facer tamén performance…

Si, pero entón non era algo que estivese na Academia. Como che dicía, cando empezou Marta Minujín, que hoxe é unha artista recoñecida en todo o mundo, tomábana por tola… As feministas facían arte para denunciar a situación da muller, a violencia de xénero...

O tema máis presente -aínda que non exclusivo- da túa obra é a denuncia do patriarcado e do machismo, das distintas formas de discriminación das mulleres. Violencia de xénero ou escravitude sexual destacan entre os temas máis tratados, dentro diso. 

Si, sempre volvo a iso, tamén na escrita. Toda esa inquietude tamén ten algo de persoal, pero iso non é importante nesta conversa. De nena, en Uruguay, vivín moi de perto iso; coñecín vítimas da violencia de xénero… Supoño que por iso queda sempre unha especie de trauma, pero o efecto principal foi que comezase a darme conta de que había unha situación de emerxencia aí... En canto á prostitución, é unha das formas máis antigas de escravitude…

"A prostitución é unha das formas máis antigas de escravitude"

En moitos dos teus proxectos traballaches con libros. Por que?

Son moitos proxectos, si. A partir de Puerta de Alcalá. Una puerta hacia la Cultura, intervención con arredor de 80.000 libros neste monumento madrileño, tiven moitas ofertas para envolver con libros moitos outros monumentos españois. Pero eu tampouco quería quedar encasillada niso, e ademais o que fago ten que ter un sentido para min. Cumulum, o da muralla de Lugo, foi o primeiro: 659.000 libros, pero despois houbo moitos máis. Marguerite Yourcenar dixo que a patria son os libros. E para min foi así: eu non tiven televisión ata os 15 anos. Os meus pais regalábanme libros.

"Despois de Alcalá, tiven moitas ofertas para envolver con libros moitos outros monumentos españois"

Despois, hai algo que di a miña filla... Meu pai agochou os seus libros cando comezou o golpe do 1936. Exiliouse para sobrevivir, e xurou que non volvería ata que morrese Franco. Cando volveu, foi desenterrar os libros, que estaban deteriorados e comidos polos ratos. Miña nai dixo que nunca o vira chorar así. E a miña filla di que eu o que fago é devolverlle a meu pai os libros que lle quitaron no 36… Outro proxecto con libros foi o da homenaxe a Cortázar, Marelle de livres, unha instalación feita con miles de libros en Place Brugmann, xusto diante da casa onde nacera Cortázar.

Outro proxecto que tivo bastante repercusión foi o dos semáforos: Señales I e II, que engade iconos femininos aos semáforos.

Si, ese proxecto foi replicado en moitos lugares do mundo. Fíxeno con Micaela Fernández Darriba, un 8 de marzo. O significado é que as mulleres non estamos incluídas no xenérico masculino, que os detalles que parecen pequenos ocultan a metade da humanidade… Cando fixemos este proxecto, trouxérannos un semáforo para que puideramos tomar medidas… O proxecto saíra en El País e, si, tivera moita repercusión. Cando ía facer un proxecto semellante, polo Día do Orgullo Gai, tendo os permisos, a policía retívome durante unhas dúas horas e puxéronme unha multa de 180 euros… Así que mira como cambiaron as cousas do 2006 ao 2018.

"Houbo proxectos que puiden facer no pasado que hoxe non podería facer porque non me darían a autorización"

O retroceso en liberdades, supoño.

Si. E cun proxecto que dera a volta ao mundo, que se fixo en diversas cidades do Estado español… Mais si, penso que houbo proxectos que puiden facer no pasado que hoxe non podería facer porque non me darían a autorización. A policía local discutía coa nacional para a ver quen tiña a razón… E iso que era só un autocolante que se podía retirar facilmente. Mais si, para min foi unha clara reacción de retroceso.

Outro proxecto coñecido é o das luvas. Unha instalación feita fronte á catedral de Lugo. 30.000 pares de luvas.

Pois esa, Guante negro, guante blanco, é a miña instalación preferida. Moi especial para min. Fíxena con mulleres prostituídas que estaban nun programa que tentaba axudarlles. A idea era denunciar a violencia física e simbólica exercida contra as mulleres. Como ningunha empresa quixo facelo, tivemos que pintar nós mesmas de negro, con voluntariado, 15.000 pares de luvas, que se di pronto. Foran como 15 ou 20 días que acabaramos totalmente contaminadas pola pintura… Foi unha acción moi bonita.

"Guante negro, guante blanco, é a miña instalación preferida. Fíxena con mulleres prostituídas"

Facía moi mal día, as luvas estaban postas polo chan e as persoas que querían escribían nuns cadernos o que pensaban sobre a violencia contra as mulleres. Foi precioso, a verdade. Ao día seguinte eu tiña que ir a Málaga. No avión ofrecéronme o xornal, collino e… era portada de El País!. Empecei a berrar de alegría… Quedamos moi contentas, e orgullosas. Eran 30.000 pares de luvas tamén polo simbólico da cifra: os 30.000 desaparecidos da ditadura arxentina.

En Santiago fixeches varias cousas. Como o patchwork no Obradoiro. Para denunciar a violencia de xénero. 

Eu xa digo que o Obradoiro é meu porque intervín alí catro veces. (Ri). A máis coñecida pode ser, si, o patchwork. 8.000 metros de teas cosidas por persoas voluntarias. As teas, ademais, eran restos doados por deseñadores e deseñadoras de todo o Estado. Roberto Verino, por exemplo, que estaba encantado coa idea, deunos tea dos primeiros rolos que fixo. As teas en si eran auténticas xoias… Lembro que Néstor Rego, que era o concelleiro de Cultura naquel momento, dicíame, pero estás segura de que en dous días poderás encher a praza? Isto fora polo 24 e 25 de novembro. E o día 24 xa estaba chea a praza. O máis bonito foi a participación da xente…

"Roberto Verino, por exemplo, que estaba encantado coa idea, deunos tea dos primeiros rolos que fixo"

Iso é algo que buscas sempre. Como na acción na que, se a xente quería pasar, tiña que deixar un pensamento sobre os libros.

Iso foi Bibliotecas de Babel, polo Día do Libro. E foi moi bonito, si. A cambio de que desen un pensamento sobre o libro e a lectura, agasallabámoslles un libro.

Que pasa cos libros despois das instalacións? Unha parte foron enviados a América Latina…

Pois en Cumulum, por exemplo, parte dos libros perdéronse: houbo dous choques de vehículos contra os libros, viña xente en furgonetas e levaba libros, e unha parte deterioráronse. Pero moitas editoras doaron libros, colexios e institutos e bibliotecas recolleron libros… A UNESCO fixo unha escolla no máis dun millón de libros recollidos, que foron enviados a programas de alfabetización e fomento da lectura en América Latina. Eu sempre busco, claro, que os libros poidan reutilizarse. Na acción de Alcalá tamén foi así.

"A UNESCO fixo unha escolla no máis dun millón de libros recollidos, que foron enviados a América Latina"

Outro proxecto relacionado cos libros foi Palabras +, un crucigrama xigante instalado no Obradoiro, sendo Carme Adán secretaria xeral de Igualdade na Xunta. Foi polo Día contra a violencia de xénero tamén. Participaron centos de rapaces e rapazas de centros de toda Galicia. Eu fora polos institutos antes dando charlas. Puxeron os seus corpos baixo a chuvia un día que caeu o ceo…. 

"A participación da xente fora tamén moi importante en Flecha amarilla"

A participación da xente fora tamén moi importante en Flecha amarilla, no que fixemos unha frecha amarela, con persoas voluntarias vestidas con chuvasqueiros amaralos, para protestar contra a decisión da Xunta de cambiar o trazado do Camiño do Norte. Lembro en Sobrado dos Monxes, que a xente saía ao noso paso cos chuvasqueiros… Foi emocionante. O percorrido fora seguido desde o aire por unha avioneta da TIC que foi gravando…

Outro proxecto de libros foi Agora-Libros, feito en cinco prazas galegas polo Día do Libro e os 125 anos da morte de Rosalía. Consistiu en escribir con libros as estrofas de Negra sombra. En Barcelona fixen LIBing Room, unha casa feita con libros, polo Ano do Libro e o 400 aniversario de El Quijote de la Mancha.

Pero non todas as túas obras son macroproxectos ou accións de rúa. Tamén están os collages, por exemplo. Ou a pintura, da que falabamos ao principio.

Os macroproxectos son máis mediáticos e visuais pero si, hai un traballo menos visible. Os collages, un documental, varios comisariados…

E os libros. Como comezaches a escribir?

Estiven tres anos en Bruxelas. Eu non son asalariada, non teño un traballo fixo, e cando chegou a crise era imposible: todo era non. Entón marchei para alá tres anos. Cando volvín, non tiña nada. Nin un taller onde traballar, nin coche, nin nada. Estaba nunha situación moi difícil. E púxenme a facer o único que podía facer, escribir. Eu escribira toda a vida, en realidade. Empezara, ademais, Filosofía e Letras ao tempo que estudaba Belas Artes. Pero cando chegaron os milicos pecharon Filosofía e Letras…

"O que quero agora é comezar a publicar en galego"

Como che dicía, cando volvín de Bruxelas, estaba chea de débedas, tiña que pagar a hipoteca, tiven problemas de saúde… E escribín moito. Un día conteillo á miña amiga Helena Villar Janeiro. Ela amosou interese, leu cousas miñas e díxome que non estaba mal. Axudoume, ensinoume atallos do oficio, e a partir de aí comecei cos libros. Que para min supoñen un cambio de soporte, nada máis. Agora teño 6 novelas e máis de 100 contos, poesía… Todo traducido por min e corrixido por Marica Campo. O que quero agora é comezar a publicar en galego.

O último libro publicado é Lo que el viento no se llevó. Que ten que ver coas ditaduras arxentina e española…

Si. Fíxeno cunha amiga arxentina, Anahí Almasia, que é parte da querela que se puxo en Arxentina contra os crimes da represión franquista. No 2016 facíanse os 80 anos do golpe do 36 en España e os 40 do golpe militar en Arxentina. Recollemos unha serie de historias arredor diso. Fíxonos o limiar Pérez Esquivel, que foi profesor meu. Vai saír en galego tamén. Son historias da guerra e da posguerra, da represión…

Es moi activa nas redes sociais, escribes artigos xornalísticos… Celebraches moito o movemento das mulleres arxentinas polo dereito a decidir sobre os seus corpos e as súas vidas. Ou as manifestacións en Brasil. Parece que algo está cambiando…

Algo está cambiando para ben. Temos que estar esperanzadas, pero tamén moi alerta. Hai unha chea de mulleres novas, e tamén homes, que están a loitar moito. Pero temos que afianzar o que hai, non descoidar o conseguido. Porque están a meternos goles como o dos ventres de aluguer, que é unha barbaridade. Se algo está cambiando no mundo, ten a ver coas mulleres. Pero temos que permanecer alerta.

"Algo está cambiando para ben. Temos que estar esperanzadas, pero tamén moi alerta"

No 8 de marzo había moitas mulleres novas.

Si, é rechamante e emocionante. Hai 20 anos eramos poucas e sempre as mesmas. Sería impensable algo como o 8-M.

Traballas sobre todo en Galicia, onde vives, pero sempre hai unha ollada ao mundo. Pertences a organizacións coma The Feminist art Project, de New Jersey.

Si, son coordinadora para Europa e Latinoamérica de The Feminist art Project. Son parte de A caixa de Pandora, do Museo das Mulleres de Costa Rica e da comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Fixen parte de Foeminas -a primeira revista virtual de xénero- e de Donas de Nós.

Ter un perfil feminista tan público tamén creará problemas, supoño. Refírome á hora de pedir axudas para proxectos, ataques nas redes…

Nas redes cando recibo ataques bloqueo e punto. Pero si, hai moita virulencia, moita agresividade, uns ataques totalmente descarnados, feroces e fóra de lugar contra as feministas. Do resto, do que dis, hai espazos que sei que me están vedados por ser quen son, por dicir o que penso e por facelo en público. Pero aí estamos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.