0 Gardados para despois

"Os alcumes ou a microtoponimia son básicos para manter a historia das comunidades rurais"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Este 20 de outubro de outubro a Real Academia Galega celebra no Museo de Pontevedra a III Xornada de Onomástica Galega, dedicada este ano aos alcumes. Un total de sete relatorios que analizan súa presenza nos apelidos, as súas raíces na antropoloxía, o seu uso na Galicia medieval e mesmo os nomes de usuarios e usuarias das persoas editoras da Wikipedia. A xornada, aberta ao público, finaliza cunha mesa redonda que que amosa como os topónimos poden verter luz en disciplinas tan variadas como a botánica, a literatura ou a historia. O dicionario da RAG define alcume como o "nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa en lugar do seu propio, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias".

O evento, coordinado pola académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da RAG Ana Boullón, abriu coa intervención de Xoán Carlos García Porral, mestre e investigador da comarca do Deza, que realizou un estudo de campo en dúas aldeas de Lalín sobre os alcumes utilizados en 55 casas. Falamos con el.

En que vas centrar a túa intervención deste sábado?

Divido en tres partes a miña intervención. Na primeira falarei un pouco do que son os alcumes e como se categorizan. Na segunda explicarei a diferenza entre a etnolingüística e a antropoloxía lingüística. E, finalmente, o máis importante: debullarei os resultados dun traballo de campo realizado en dúas aldeas de Lalín sobre unhas 55 casas, nas que se fixo unha recolleita dos nomes das casas ou dos alcumes asociados a algún individuo ou á casa en si.

Para rematar faremos unha análise concreta de cinco destes alcumes para ver por que se utilizan. Entre eses alcumes hai algún utilizado como un insulto, outro como unha crítica, outro como referencia a unha nostalxia do pasado, ou outro caso no que un alcume individual se impón ao nome da casa... Ademais exponse o traballo que se fixo coas persoas destas aldeas, ás que se lles preguntou cales pensaban que eran as razóns polas que se usaban estes alcumes e, tamén, cales eran as causas da súa caducidade, no caso de alcumes que comezaban a deixar de usarse e a perderse.

"Moitos destes alcumes aínda se manteñen, moitas veces non referidos á persoa alcumada, porque lle pode parecer mal, pero si á casa, que é algo que forma parte do ser galego: dicir de que casa somos e a que comunidade pertencemos"

Esas 55 casas conservan moitos dos alcumes? Cantos se perderon xa?

Moitos destes alcumes aínda se manteñen, moitas veces non referidos á persoa alcumada, porque lle pode parecer mal, pero si á casa, que é algo que forma parte do ser galego: dicir de que casa somos e a que comunidade pertencemos. Nalgúns casos non se mantén en casas que xa foron vendidas ou que están abandonadas, pois normalmente se hai un novo propietario esa nova persoa xa lle dá nome á nova casa.

"Cando paras a pensar sobre o significado dese alcume, a carga emocional que hai detrás, ou o que implica de relación cos seus antepasados, ves que é un tema ao que hai que prestar máis atención"

É pouco o que sabemos sobre os alcumes? Están suficientemente estudados?

Traballamos moito sobre lendas ou topónimos e se cadra adóitase traballar menos sobre os alcumes. Seguramente porque é algo que ves moi próximo: eu vivo nunha aldea e ves que a xente é tratada moitas veces polo alcume. Pero cando paras a pensar sobre o significado dese alcume, a carga emocional que hai detrás, ou o que implica de relación cos seus antepasados, ves que é un tema ao que hai que prestar máis atención. E, ademais, hai que tentar que non se perda: non se trata de ser alcumadores, de poñerlle un novo alcume a un veciño que chega novo, pero cando menos tentar que non se esquezan os que hai. Nos anos 30 do pasado século houbo un traballo en Vilanova dos Infantes que recolleu uns 500 alcumes que se empregaban na zona. Recentemente, 90 anos despois, outro investigador de Vilanova atopou que xa se perdera unha parte importante deses 500.

Nos últimos anos investigaches moito sobre outros fenómenos, coma as lendas de tradición oral ou a microtoponimia. Hai que traballar para evitar que se perda esta riqueza lingüística e social?

Si. Certamente os alcumes danlle identidade ás comunidades rurais, pero tamén está o tema da microtoponimia, nomes que funcionan como auténticas máquinas do tempo, que nos trasladan a un tempo pasado. A través da microtoponimia pódense recoller cantidade de lendas, de anécdotas, a historia mesma da aldea, que está gardada nese topónimo. Pero cando ese microtopónimo desaparece, alá vai todo iso, igual que cando morre unha persoa maior. Está sucedendo dende hai anos, por exemplo, coas concentracións parcelarias: ao facer fincas moito máis grandes, todos aqueles recunchos que tiñan o seu nome, acaban perdéndose.

"A través da microtoponimia pódense recoller cantidade de lendas, de anécdotas, a historia mesma da aldea, que está gardada nese nome. Pero cando ese microtopónimo desaparece, alá vai todo iso, igual que cando morre unha persoa maior"

Neste proceso afecta moito o despoboamento do rural, a urbanización e a migración interna da poboación a vilas e cidades?

O proceso de urbanización claro que afecta. Hoxe en día hai máis diferenza cultural entre un avó e o seu neto, aínda que vivan na mesma casa, que entre o neto e un rapaz da súa idade que vive en Manhattan. Tecnoloxicamente están máis conectados e viven nunha cultura máis horizontal, e pola contra o rapaz xa non comprende as referencias microtoponímicas e lendarias que utiliza o seu avó, esa sabedoría que garda a xente maior, precisamente, ese coñecemento da tradición oral, popular, de sempre.

Os topónimos poden achegar moitos tipos de información sobre un lugar: as súas características físicas, o seu pasado, a presenza de restos arqueolóxicos... Dámoslles menos importancia da que deberíamos?

Si. Fíxate que o primeiro que fai un arqueólogo antes de traballar nunha mámoa ou nun castro é facer unha recolleita de microtoponimia, porque probablemente o 50% da información que poidan ter sobre ese xacemento está na microtoponimia. A toponimia delimita moi ben os espazos e tamén delimita moi ben o tempo. A través dun topónimo nós podemos situarnos nun espazo concreto e tamén revivir, recordar un tempo pasado que nos identifica. É básico para manter a historia das comunidades rurais.

"Hoxe en día hai máis diferenza cultural entre un avó e o seu neto, aínda que vivan na mesma casa, que entre o neto e un rapaz da súa idade que vive en Manhattan"

O mesmo que as lendas, non si? Nelas atopamos moita información sobre un lugar...

As lendas tamén cumpren esa misión, si: achégannos información sobre un lugar e sobre un tempo e tamén definen a identidade dunha comunidade rural. A riqueza e o patrimonio inmaterial que posúe Galicia é moi grande. Seguramente son moitas as lendas que se perderon antes de que ninguén as puidese recoller, e polo tanto desapareceron para sempre. Hai lendas moi asociadas a un lugar, a un castro, de xeito que aparece na mesma forma en Lalín e en Silleda e só cambian algúns detalles: o nome dos protagonistas, o emprazamento xeográfico exacto...

"A toponimia delimita moi ben os espazos e tamén delimita moi ben o tempo. A través dun topónimo nós podemos situarnos nun espazo concreto e tamén revivir un tempo pasado que nos identifica. É básico para manter a historia das comunidades rurais"

Como é a actitude dos rapaces e rapazas do voso instituto cando tedes que traballar sobre estes temas? Interésalles?

Aquí hai tres anos fixéramos un proxecto de recuperación de microtoponimia. E o que comezou como unha obriga para os rapaces, un traballo de clase, converteuse nunha actividade que eles querían facer por eles mesmos. Sorprendíanse da cantidade de información que lles podía achegar a xente maior das súas aldeas. Foi moi enriquecedor para os rapaces e tamén para a xente maior. É custoso, pero paga moito a pena traballar cos rapaces neste aspecto.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.