Seis cancións optan aos premios do concurso musical infantil e xuvenil 'Quero Cantar'

Imaxe da última edición de Quero Cantar, o pasado ano © Deputación da Coruña

A banda María Fumaça, capitaneada por Uxía, será a convidada este sábado na gala, na que se decidirán os grupos gañadores na modalidade de infantil e xuvenil da terceira edición do certame

O Teatro Colón da Coruña acolle este sábado ás 18 horas a festa-final do concurso musical infantil e xuvenil Quero Cantar, convocado pola Deputación coruñesa. A banda María Fumaça, capitaneada por Uxía, será a convidada este sábado na gala, na que se decidirán os grupos gañadores na modalidade de infantil e xuvenil da terceira edición do certame.

O concurso propiamente dito comezará coas interpretacións das bandas infantís Cortegadaos, do concello de Cortegada, coa canción "Eu quero ser unha árbore"; As fantásticas, de Fisterra, coa canción "O blues do faro" e Os Calistos, de Teo, coa canción "A princesa azul", todas elas formadas por rapazada de ata 12 anos, coa colaboración dunha persoa adulta nalgúns casos. Tras elas será a quenda das bandas xuvenís Pequenos Besbellos, de Pontevedra, con "Faite respectar"; Noa, de Vila de Cruces, con "Agora son eu" e Enxebres, tamén de Vila de Cruces con "Sempre combativas", formadas por mozas e mozos de entre 13 e 16 anos.

"O pasado ano a gala final foi unha verdadeira festa e os grupo gañadores 'Os nenos da rúa' e 'Máis boas cás patacas' foron toda unha revelación con dúas cancións que pegaron moi forte entre a xente nova"

"O pasado ano a gala final foi unha verdadeira festa e os grupo gañadores "Os nenos da rúa" e "Máis boas cás patacas" foron toda unha revelación con dúas cancións que pegaron moi forte entre a xente nova, co cal este ano temos moitas expectativas", sinala Goretti Sanmartín, vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña. Goretti Sanmartín destacou tamén o interese do programa "á hora de animar á mocidade e a nenas e nenos a empregar a nosa lingua a través da canción".

Todas as bandas concursantes teñen xa asegurado un premio, que pode ser de 1500 euros e mais un videoclip para as primeiras clasificadas, 1000 euros para as segundas e 500 euros para as terceiras. Todas elas teñen dereito ademais á gravación en estudio da súa maqueta, para incluíren despois o tema no disco Quero Cantar 18, que se distribuirá entre centros de ensino de toda Galicia.

Cortegadaos (Cortegada): "Eu quero ser unha árbore"

As fantásticas (Fisterra): "O blues do faro"

Os Calistos (Teo): "A princesa azul"

Pequenos Besbellos (Pontevedra): "Faite respectar"

Noa (Vila de Cruces): "Agora son eu"

Enxebres (Vila de Cruces): "Sempre combativas"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.