CAÍN: "Hai unha absoluta falta de democracia na cidade de Vigo"

Cartel de VIGO16N_Encontro pola cultura Dominio Público Praza Pública

"Vimos decatándonos dun malestar xeral no ámbito cultural, nun sentido amplo, da cidade de Vigo. Esta situación, froito de diversas causas (malas prácticas, abandono do patrimonio, falta de participación cidadá na xestión cultural, etc.) que nos afectan a t@dos, é a que pretendemos abordar neste encontro. Por iso cremos necesario por en común a realidade cultural da nosa cidade". A Agrupación Amig@s do MARCO, o Ateneo Atlántico, AColectiva, CAÍN e o Instituto Galego de Praxe Actual, en colaboración con Espazo Cubo convocan a asociacións, colectivos sociais e ao conxunto da cidadanía a un Encontro pola Cultura que debaterá a situación dos equipamentos e da xestión cultural, a realidade do urbanismo e patrimonio e as políticas relacionadas coa imaxe da cidade e a súa identidade.

Os debates terán lugar no Salón de Actos do I.E.S Politécnico de Vigo a partir das 17.30 horas, nun acto presentado e moderado polo xornalista Fernando González Gonzo (El Intermedio). Cada un dos tres bloques contará ademais cunha breve intervención inicial a cargo da avogada e crítica cultural Ania González, do arquitecto Iago Valverde e do editor Manuel Bragado, que dará paso ao debate en grupos e a unha posterior posta en común. O encontro busca "establecer lazos entre veciños da cidade, asociacións e colectivos sociais" e afondar "en solucións e propostas para a mellora da situación cultural da cidade de Vigo". "Temos o firme convencemento de que entre todos podemos encontrar formas de traballar máis horizontais que favorezan a democratización da cultura nesta cidade e a mellorar, amplamente, a vida dos veciñ@s da cidade", destacan os colectivos organizadores.

Un deses colectivos é CAÍN, acrónimo nada casual de "Colectivo de Admiradores da Iluminación de Nadal", no contexto da polémica que espertou o anuncio por parte de Abel Caballero do maior gasto da historia no alumeado de Nadal. O grupo explica que este Encontro "pretende transcender unha reclamación que xorde no mundo da cultura pero que ten que ver con toda a cidade: Hai unha absoluta falta de democracia na cidade de Vigo".

"A concentración de funcións e de poderes en Alcaldía e nas persoas de confianza nomeadas polo alcalde é absoluta. Isto, unido á falta de procedementos de participación cidadá, fai que toda a comunidade de creación da cidade -sexan profesionais ou asociacións e colectivos- non teña outra canle para participar no mundo cultural que non sexa a aprobación por parte de Alcaldía de propostas que non teñen procedemento transparente, avaliable ou democrático ningún", denuncian.

"Isto xorde no mundo da cultura porque a cultura é a expresión común da idea de cidade que temos, pero o importante é que transcenda a un colectivo social moito máis amplo"

"Isto xorde no mundo da cultura porque a cultura é a expresión común da idea de cidade que temos, pero o importante é que transcenda a un colectivo social moito máis amplo. Aí están iniciativas coma as Hortas do Berbés, que están tentando manter un espazo comunitario dentro do Barrio do Cura, afectado por un plan de demolición e especulación inmobiliaria brutal. Ou a Oficina de Dereitos Sociais de Coia, que leva anos loitando por unha cidade máis aberta e democrática e polos dereitos da veciñanza", exemplifica. "É importante que haxa un traballo entre distintos colectivos para pensar xuntas un novo modelo de cidade, con diferenzas, con distintos obxectivos e necesidades, pero atendendo a unha situación social bastante urxente, que é o contexto de pobreza que afecta a moitas persoas en Vigo", destaca.

"Queremos que este encontro sexa a chispa, o detonante dunha organización maior destas forzas que xa están activas na cidade"

"CAÍN nace como un colectivo para aglutinar, para conectar. En Vigo xa hai moitos colectivos e iniciativas e o único que queremos é conectalas e facer rede", din. "Queremos que este encontro sexa a chispa, o detonante dunha organización maior destas forzas que xa están activas na cidade", sinalan, ao tempo que denuncian "o secuestro mediático brutal que sofre a cidade de Vigo, entre os intereses do Faro, que apoia ao Concello e de La Voz de Galicia, que apoia á Xunta".

"Hai unha acción consciente pola que se tapan coas luces outras cuestións máis escuras"

A crítica ao gasto excesivo na iluminación cando case 18 mil familias están afectadas pola pobreza enerxética en Vigo está na orixe deste colectivo, que entende que a actuación do Goberno municipal neste tema funciona como pantalla que oculta outras cuestións. "Hai unha acción consciente pola que se tapan coas luces outras cuestións máis escuras. Aínda temos aí o buraco do Marisquiño, que parece o motivo claro polo que se adianta máis dun mes o anuncio do maior gasto da historia en iluminación de Nadal", denuncian. "As luces teñen que ver coa escuridade do burato negro que hai no Porto, co burato negro da designación de cargos públicos, co burato negro da falta de participación na cidade, co burato negro da pobreza. Que a luz non nos impida ver estes buratos negros", din.

 

Un dos carteis do 'Colectivo de Admiradores da Iluminación de Nadal' © CAIN
Cartel de VIGO16N_Encontro pola cultura Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.