Galicia, destino musical. Programar música en Galicia: desafíos e tendencias

Creativamente, a música galega semella vivir unha época dourada © Fest Galicia

Atraer, convencer e conectar cun público cada vez máis saturado de oferta cultural -para alén doutras ofertas de ocio- é o gran reto da xestión cultural nestes momentos. O ámbito da música, porén, vai surfeando a onda mellor que outros ámbitos de creación artística e escénica, se ben non todas as propostas musicais acadan o mesmo éxito. Os últimos datos ofrecidos pola Fundación SGAE referentes a 2016, revelan que en Galicia os grandes festivais, como Resurrection Fest ou Portamérica, están tirando da cultura, mentres minguan os concertos en salas, desaparecen pantallas de cine en moitas cidades, e as artes escénicas se manteñen estables no seu baixo umbral de oferta e público. E algo moi parecido ocorre no resto do Estado.

Creativamente, a música galega semella vivir unha época dourada tal e como revelan desde hai cinco edicións os Premios Martín Códax da Música

Creativamente, a música galega semella vivir unha época dourada tal e como revelan desde hai cinco edicións os Premios Martín Códax da Música, creados en 2013 pola Asociación de Músicas ao Vivo para dar visibilidade á gran cantidade, calidade e diversidade de propostas que foron xurdindo no país durante os últimos anos; e ata estamos conseguindo exportar proxectos que alcanzan relevancia estatal e que nos levan de volta ao boom da movida dos 80 pero nun contexto infinitamente máis complexo, onde os hábitos de consumo musical teñen mudado radicalmente en moi pouco tempo.

Ademais do declive dos formatos físicos en beneficio das descargas ou do consumo en streaming a través de plataformas como Spotify, aparece precisamente no noso territorio TolemiasTV, unha plataforma coñecida como ‘o Netflix da música en directo’ que leva pouco máis dun ano funcionando e que de momento non ten unha réplica similar en ningunha parte do mundo, porque aínda está por ver se existe un nicho de público interesado en consumir desde o sofá da casa directos enlatados.

Por estilos, o indie e o rock elévanse por riba dos demais xéneros musicais en canto a repercusión e número de propostas; o folk e o tradicional seguen representándonos como país con identidade musical propia nos foros de world music; no jazz as referencias galegas son poucas pero moi recoñecidas no estranxeiro; en clásica mantemos un nivel de programación por enriba da media estatal; e merece un capítulo á parte o fenómeno da músical infantil, un estilo que en Galicia foi sumando grandes talentos de músicos e músicas que abriron este novo camiño en paralelo ás súas traxectorias no pop ou no folk, achegando unha enorme calidade musical a estes proxectos e protagonizando un episodio único no Estado.

Este fenómeno ponnos diante dunha das grandes tendencias na programación, non só no sector musical, senón na cultura en xeral. O público familiar é o que manda. Practicamente todas as propostas inclúen nas súas programacións opcións pensadas para acudir en familia, e mesmo os horarios se foron movendo nos últimos anos de xeito que cada vez se programan menos concertos de última hora.

 

Unha oportunidade para crear novos públicos que bate contra varias paredes

A norma, que debería ter servido para dotar de seguridade xurídica á realización de actividades culturais, engade en varios aspectos máis inseguridade para artistas, locais e promotoras

No plano teórico, este excepcional momento creativo podería representar unha oportunidade para crear novos públicos, pero a realidade fainos bater contra varias paredes. A primeira, a nova lei de espectáculos que entrou en vigor o 2 de xullo de 2018. A norma, que debería ter servido para dotar de seguridade xurídica á realización de actividades culturais, engade en varios aspectos máis inseguridade para artistas, locais e promotoras. Redactada de forma ambigua, deixa á música ao vivo, unha vez máis, nun terreo esvaradío e incerto.

Non poden programar os locais que non conten con licenza de sala de concertos, sempre en aras da seguridade e coa sombra do acontecido no Madrid Arena e dos atentados en salas de festas planeando en todo momento sobre estas restricións, que dificultan enormemente a programación da música ao vivo en establecementos que nada teñen que ver cos grandes recintos nos que tiveron lugar desgrazas como a citada.

Autorízase en cambio a música enlatada, aínda no caso de que alcance os mesmos decibelios; e dáse o paradoxo de que os concellos, que son os que teñen competencias na vía pública, poden autorizar os concertos na rúa, ás portas destes mesmos locais, aínda que iso en Galicia queda moi limitado pola meteoroloxía.

Ademais, os menores quedan fóra dos concertos en salas onde se venda alcohol, o que provoca unha diferenza substancial entre as salas de concertos e os restaurantes e cafeterías, aos que si poden acceder menores sen consumir alcohol. Isto pode levarnos a que unha xeración enteira non poda gozar da música en directo nas salas de concertos. Neste momento, a Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo, Clubtura, en alianza co movemento estatal ‘Queremos entrar’, está permitindo a entrada de menores en concertos non esponsorizados por marcas de bebidas alcohólicas, asumindo os riscos xurídicos que podan derivarse.

Tamén está por ver que sucede coas comisións de festas e as asociacións, que de forma altruísta organizan actividades culturais e agora se atopan coa obriga de subscribir seguros de responsabilidade civil que, por exemplo no caso dunha verbena na que se esperen mil persoas debe dispor dun capital asegurado mínimo de 900.000 €. Non facelo pode dar lugar a sancións de ata 600.000 €. Para tramitar os permisos é suficiente con que os organizadores presenten no concello unha declaración responsable onde, ademais de reseñar o cumprimento da norma, hai que anexar unha memoria descritiva ou proxecto técnico para obter a licenza ou autorización. Os concellos dispoñen de 90 días para resolver.

Con respecto aos horarios, a lei outorga facultades aos concellos para poder reducir ou ampliar, sempre de forma motivada, os horarios de apertura e peche de establecementos ou de inicio e finalización de espectáculos públicos. A día de hoxe, o máximo para as verbenas está establecido nas 3:30 da madrugada, aínda que pode ampliarse en media hora a fin de semana ou véspera de festivo.

Parece que será chave o camiño aberto polo Concello de Santiago, que vén de aprobar no mes de novembro a modificación da Ordenanza Municipal Reguladora da Emisión e Recepción de Ruídos, Vibracións e Condicións dos Locais

Sobre o control de entradas, ademais da vixilancia da reventa, a normativa incide nos excesos de aforo. Superalos considérase falta moi grave e pode dar lugar a sancións de ata 600.000 € e a clausura do establecemento ou suspensión da actividade durante tres anos. A lei tamén é pioneira na imposición de sancións a artistas que se neguen a actuar por causas non xustificadas ou para empresas promotoras que alteren espectáculos ou actividades recreativas sen razón de peso.
Ante estas ameazas, tanto empresas como asociacións e comisións, decidiron adiantarse ao cumprimento da lei e levan xa meses sen programar música para evitar posibles sancións de oficio.

Con toda probabilidade, a norma vai requirir moitas puntualizacións, e parece pouco probable que cheguen da man da Administración autonómica, que deixa a pelota no tellado dos concellos. Neste sentido, parece que será chave o camiño aberto polo Concello de Santiago, que vén de aprobar no mes de novembro a modificación da Ordenanza Municipal Reguladora da Emisión e Recepción de Ruídos, Vibracións e Condicións dos Locais, para permitir que os establecementos teñan unha autorización complementaria que lles permita programar música ao vivo, sempre que cumpran os requisitos en canto a illamento acústico, á presenza dun sonógrafo e á instalación dunha dobre porta onde se considere posible e necesario. A iniciativa desta cidade, na que a música ao vivo non é só un valor cultural senón unha marca de identidade e un motor económico, seguramente sentará un precedente para moitos outros concellos.

 

O outro mazazo: A Lei de Contratos do Sector Público

O gran quebradeiro de cabeza é o límite orzamentario para os contratos menores, que se fixa nun máximo de 15.000 € (IVE excluído) para contratos de subministro ou de servizos

E a lei de espectáculos non é a única normativa que está a poñer graves atrancos á xestión de programación musical. O outro gran mazazo do 2018 é a nova Lei de Contratos do Sector Público, unha norma que entrou en vigor en marzo e que traspón ao ordenamento xurídico español as Directivas europeas sobre contratación do sector público, respondendo tamén á necesidade interna de dotar de maior transparencia ao sector e de incrementar os controis sobre a corrupción, sobre a morosidade e de revisar os contratos para garantir a libre concorrencia.

Entre as novidades máis importantes, destaca que se suprime a posibilidade de contratación sen anuncio oficial previo; inténtase favorecer a contratación de pemes e a prevalencia da división en lotes; establécese a obriga da factura electrónica e a posibilidade de pago directo da Administración ás empresas subcontratistas. Pero sen dúbida, o gran quebradeiro de cabeza é o límite orzamentario para os contratos menores, que se fixa nun máximo de 15.000 € (IVE excluído) para contratos de subministro ou de servizos.

Na práctica, isto imposibilita a realización de moitas actividades musicais

Na práctica, isto imposibilita a realización de moitas actividades musicais, e ademais amplía considerablemente a dedicación en horas de traballo dos proxectos xestionados a través de administracións públicas -que se volven cada vez menos rendibles- para alén de promover malas prácticas entre as empresas do sector, que se ven obrigadas a emitir facturas e contrafacturas co obxectivo de non superar o límite de facturación permitido.

O peor é que as propias Administracións, tanto a local como a autonómica e a provincial, non teñen moi clara aínda a interpretación que queren facer da norma; polo que se pode dar o caso de que nunha administración o límite de 15.000€ funcione como importe total permitido nunha anualidade, mentres que noutra esta cantidade se considera o límite por proxecto, sendo posible executar tantos proxectos como se precisen cada ano. E a isto hai que engadir as limitacións e impedimentos marcados polos departamentos de intervención, que están aplicando de forma rigorosa a lexislación europea en todo tipo de contratacións públicas por medo a acabar imputadas.

Convértense así en administracións captivas que non poden poñer en marcha iniciativas presentadas por empresas de xestión cultural dun xeito directo

Convértense así en administracións captivas que non poden poñer en marcha iniciativas presentadas por empresas de xestión cultural dun xeito directo porque se verían obrigadas a sacalas a concurso, algo que en ocasións nin sequera é posible xa que significaría apropiarse de ideas e contidos cuxa propiedade intelectual é da empresa/profesional que a presenta.

En resumo, un caos que obriga ao sector a replantexarse moitas dinámicas para lograr sobrevivir e moi poucas medidas positivas que redunden no seu beneficio. Unha desas medidas poderían ser as cláusulas sociais e medioambientais descritas no artigo 1 da Lei onde se indica que “en toda contratación pública se incorporarán de xeito transversal e perceptivo criterios sociais e medioambientais sempre que garden relación co obxecto do contrato”, na convición de que a súa inclusión proporciona unha mellor relación calidade-prezo na prestación contractual, así como unha maior eficiencia na utilización dos fondos públicos. Dentro destas cláusulas facilítase o acceso á contratación pública das empresas de economía social e tamén se reserva unha porcentaxe de contratos para empresas de inserción laboral e discapacidade, ademais de garantir a posibilidade de rescindir contratos por impago de salario ás traballadoras e traballadores.

Estas cláusulas poderían representar unha importante acción positiva para apoiar a moitas empresas do sector e contribuír de paso a fomentar a sustentabilidade social e medioambiental na xestión dos eventos musicais

De cumprirse, estas cláusulas poderían representar unha importante acción positiva para apoiar a moitas empresas do sector e contribuír de paso a fomentar a sustentabilidade social e medioambiental na xestión dos eventos musicais: inclusión de accesibilidade, perspectiva de xénero na programación e na composición de equipos de traballo, condicións laborais dignas para toda a cadea de categorías laborais que desenvolven o seu traballo na música; estratexias para facilitar transportes sostibles nos grandes eventos; uso de fontes de enerxía e dinámicas de consumo responsables (reciclaxe, reutilización e limitación do uso abusivo de plásticos) e introdución de criterios medioambientais en elementos promocionais, merchandising, etc.

 

Fest Galicia e a nova Rede de Música ao Vivo

Hai que destacar o lanzamento de FEST GALICIA, a nova marca impulsada desde a Xunta para promocionar o territorio galego como destino musical, baixo criterios de calidade e sustentabilidade social

A propósito dos eventos sostibles, hai que destacar o lanzamento de FEST GALICIA, a nova marca impulsada desde a Xunta de Galicia para promocionar o territorio galego como destino musical, baixo criterios de calidade e sustentabilidade social. Esta marca acolle a festivais que funcionan de xeito profesional e que se preocupan por achegar valores engadidos á experiencia musical, a través de todo o que transmiten, tanto na súa oferta de actividades musicais e extramusicais, como na súa xestión e organización.

FEST GALICIA pretende ser un proxecto transversal de país, e sumar estratexias e accións de todos os departamentos da administración galega que teñan contacto cos festivais desde distintos ámbitos: Xuventude, Igualdade, Turismo, Políticas Sociais, Medio Ambiente, Medio Rural, Mar, Política Lingüística... co obxectivo de presentar estes eventos como un exemplo de excelencia das políticas autonómicas. Ata o momento, no territorio español, só existe unha marca similar en Valencia. Polo tanto, FEST GALICIA sería a segunda iniciativa estatal traballando no ámbito do turismo de festivais, que neste momento representa un importante foco de atracción de visitantes a Galicia, con resultados directos sobre a nosa economía e a imaxe que proxectamos ao exterior. AGADIC leva meses traballando conxuntamente co sector para definir os criterios de actuación da marca, mediante reunións cos propios festivais adheridos, e coa colaboración directa da Asociación de Festivais de Galicia, recentemente constituída. Na primeira edición adheríronse á marca dez dos festivais máis relevantes do país, seleccionados mediante convocatoria pública: PORTAMÉRICA, SINSAL, SONRÍAS BAIXAS, RESURRECTION FEST, REVENIDAS, ATLANTIC FEST, VIVE NIGRÁN, 17º RIBEIRA SACRA, FESTIVAL DE LA LUZ e WOS FESTIVAL.

Ademais, esta nova marca levará parello o desenvolvemento dun MANUAL DE BOAS PRÁCTICAS en todos os ámbitos (legal, medioambiental, condicións de relación cos artistas e co público… ), e un selo de calidade que certificará a sustentabilidade e dará visibilidade aos grandes eventos musicais galegos. Para coñecer a situación de partida, FEST GALICIA está realizando estudos de impacto económico, social e mediático nos festivais adheridos á marca. A finalidade é obter datos sobre o retorno directo, indirecto e inducido que estes eventos xeran en cada territorio. As medicións realízaas un equipo consultor integrado por varias persoas expertas do ámbito universitario.

Terán como resultado un informe de avaliación que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores de sustentabilidade social e medioambiental que a marca promove, co obxectivo de aumentar tamén o retorno económico das empresas e as poboacións onde teñen lugar os festivais. Estamos a falar do ‘eterno retorno’, unha demanda que as persoas que traballan en xestión cultural escoitan a diario cando tentan conseguir apoio económico para os seus proxectos, non só por parte das empresas privadas senón tamén nalgunhas institucións públicas. Neste senso convén destacar a iniciativa da Deputación da Coruña apostando por concienciar á sociedade galega a través do programa de accións A CULTURA É UN DEREITO para que lembremos que efectivamente está recollido como tal na tan celebrada Constitución Española. Na mesma liña, resulta tamén fundamental o labor desta administración apoiando a cultura de base e asociativa como unha prioridade para o correcto desenvolvemento musical de Galicia.

Por un lado, a Administración incentiva unha rede de música ao vivo e pretende promocionar Galicia como territorio musical, e, por outro, pon trabas para o desenvolvemento dos concertos que se viñan celebrando nos bares de moitas poboacións

Outra noticia positiva para o sector este ano foi a presentación da nova rede de música ao vivo, que incorpora cambios consensuados co sector para dar resposta ás demandas trasladadas por artistas e salas durante estes últimos anos, reforzando os estándares de profesionalidade deste circuíto, que leva funcionando ininterrompidamente máis de 10 anos. Unha desas demandas era dedicalo exclusivamente á música (ata agora tamén tiñan cabida espectáculos escénicos de pequeno formato), mellorar as condicións económicas na contratación artística a través dun orzamento que se duplica chegando aos 185.000€, aumentar a circulación dos grupos polas diferentes salas e fixar uns baremos de calidade na selección dos espazos.

Avances coma este son posibles grazas á interlocución de asociacións sectoriais que foron nacendo nos últimos anos ante a necesidade de reivindicar condicións que se adecúen á realidade cultural e musical deste país. Nesta liña, foron aparecendo asociacións como AGEM ou Músicas ao Vivo, que leva funcionando como asociación dende hai case dez anos e que recentemente se constituíu como cooperativa de facturación para dar resposta ás necesidades cotiás dunha profesión caracterizada pola inestabilidade e a dificultade para profesionalizarse. A comezos da primavera creouse tamén a Asociación de Festivais, que agrupa de momento a 8 das grandes citas do calendario de festivais; e tamén a sección galega de MIM (Mulleres na Industria da Música) cunha presenza cada vez maior en todo tipo de foros e citas musicais.

Apenas se apoian iniciativas cidadás asentadas en territorios concretos e respaldadas por unha comunidade, que poderían consolidar un tecido musical propio

En definitiva, estamos diante dunha situación complexa e contraditoria na que, por un lado, a Administración autonómica incentiva unha rede de música ao vivo e pretende promocionar Galicia como territorio musical a través dunha marca propia, e, por outro, pon trabas para o desenvolvemento dos concertos que se viñan celebrando nos bares de moitas poboacións galegas, auténticos viveiros onde naceron e evolucionaron as carreiras de case todos @s grandes artistas do país. Ademais, a tendencia segue sendo apoiar grandes eventos creados da nada como o festival SON DO CAMIÑO, que se adxudica mediante unha fórmula inventada para a ocasión (contrato de patrocinio) e tirando polo chan os prezos habituais das entradas e provocando unha situación de competencia desleal. Nos últimos anos tamén se teñen pagado cantidades astronómicas a grandes marcas como WOMEX para que desenvolvan en Galicia os seus eventos cunha repercusión claramente máis beneficiosa para a marca xestionada pola promotora alemá PIRAÑA ARTS que para o noso territorio.

A industria musical e iniciativas cidadás deberían convivir con normalidade, atopar o seu espazo e mesmo complementarse

Mentres, apenas se apoian iniciativas cidadás asentadas en territorios concretos e respaldadas por unha comunidade, que poderían consolidar un tecido musical propio traballando con procesos participativos e creando unha situación propicia para fomentar a educación musical e esa profesionalización que hoxe semella tan afastada.

Desde o punto de vista da xestión cultural e dos intereses e dereitos da cidadanía, a industria musical e iniciativas cidadás deberían convivir con normalidade, atopar o seu espazo e mesmo complementarse, para lograr o obxectivo de vivirmos nese territorio musical que queremos proxectar ao mundo.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.