'Cultura si, mausoleo non' pide a dimisión de Jesús Vázquez polo "fracaso" do Gaiás

Cidade da Cultura © Xunta

O colectivo Cultura si, mausoleo non pide a dimisión do Conselleiro de Educación e Cultura Jesús Vázquez, pola "inoperancia" e "falta de ideas" do Goberno galego sobre o que facer co recinto e polo "fracaso" que ao seu xuízo supoñen as exposicións que até o de agora se puxeron en marcha no Gaiás. Así mesmo, critica que se utilice o Códice Calixtino, que se exporá na Cidade da Cultura a partir de outubro, para ocultar eses malos resultados.

O seu portavoz, Xan Carlos Ansia, acusa a Xunta e Arcebispado de "pactar un mercadeo" co Códice, que recibe ao redor de dúas mil visitas diarias na Catedral, mentres que a exposición estrela da Cidade da Cultura, Gallaecia Petrea, é vista por apenas 300 persoas cada día. O colectivo considera que este acordo é un "intento do conselleiro de buscar visitantes para o cementerio civil no que se esta a converter a Cidade da Cultura" e denuncia que é "un autentico disparate obrigar a que os cidadáns e os peregrinos teñan que sufrir a tortura de desplazarse ao monte Gaiás". Ansia considera que "para Jesús Vázquez vale todo con tal de que a Cidade da Cultura teña visitantes, pero non é xustificable tapar a inoperancia e falta de proxectos con ideas descabeladas e fora de lugar".

O colectivo considera que este acordo é un "intento do conselleiro de buscar visitantes para o cementerio civil no que se esta a converter a Cidade da Cultura"

O colectivo afirma que "a Cidade da Cultura non serve tal e como esta proxectada, non ten visitantes, non ten contidos adecuados e supon un fraude aos cidadans intentar que perviva nos orzamentos a costa de levar aos Gaiás tesouros e riquezas que todos podemos ver no seu lugar de orixe". Conclúe que "a única solución a estes despropositos é o peche definitivo da Cidade da Cultura, a disolución da Fundación co despido de directivos, asesores e demais persoal pensante".

Cidade da Cultura © Xunta
Feijóo, o arcebispo e Rajoy, na entrega do Códice © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.