Praza Pública: informe de transparencia nº 1 (versión final)

Dominio Público Praza Pública

Hoxe, Praza Pública publica o primeiro informe de transparencia, dando cumprimento a un dos compromisos asumidos na altura do lanzamento do xornal. Antes de mais nada, desexamos pedir desculpas pola demora en satisfacer tanto a nosa palabra como a vosa xusta demanda nese sentido.

Informe xurídico e organizativo

Durante os primeiros meses de existencia do xornal, o Padroado da Fundación Praza Pública estivo formado unicamente polos tres membros fundadores, cuxa dedicación fundamental foi dotar a entidade de plena personalidade xurídica. Despois do rexistro notarial no 12 de febreiro, procedeuse a realizar as xestións burocráticas pertinentes, que culminaron coa publicación no DOG do 26 de abril da Orde pola que se declara de interese cultural a Fundación Praza Pública e no DOG do 8 de xuño da Resolución do 21 de maio de 2012 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Praza Pública.

Houbo tres factores que contribuíron decisivamente á demora suliñada no comezo: o escaso número de persoas que compuña o equipo organizativo nesa primeira etapa, o carácter voluntario do traballo realizado e o feito de que as xestións fosen máis complicadas e prolixas do inicialmente previsto. Aprendemos a lección para sermos máis prudentes no futuro á hora de medir as nosas forzas e os prazos en que podemos satisfacer os compromisos adquiridos, mais queremos deixar claro que en ningún caso houbo –nin hai, nin haberá– unha mudanza nin dos obxectivos nin da filosofía do proxecto.

Hoxe, por fortuna, a situación é ben diferente. No día 24 de maio ampliouse o Padroado da Fundación Praza Pública e creouse no seu seo unha comisión de asuntos económicos que nos permitiu –mantendo o carácter voluntario de todo o traballo organizativo, xa que en Praza só se remunera o traballo xornalístico– aprimorar a nosa estrutura e comezar a dar saída aos asuntos pendentes, con especial intensidade á volta do verán.

O Padroado da Fundación Praza Pública está composto polas seguintes persoas: os fundadores Filipe Diez (Presidente), Carlos Amoedo Souto (Vicepresidente) e Pablo No Couto (Secretario); os vogais Marilar Aleixandre, Antón Baamonde, Manuel M. Barreiro, Mª Dolores Candedo, Carolina Díaz Ripoll, Sonia Fernández Casal, Xoaquín Fernández Leiceaga, Luís Ferreiro Loredo, Xulia Guntín Araúxo, Henrique Monteagudo, Martiño Noriega, Encarnación Otero, Mª Xosé Porteiro, Antonio Pérez Casas e Valentim Rodrigues Fagim; e mais o Presidente de Honra, Francisco Pillado Mayor. Confirmaron a súa vontade de participar, mais están pendentes de formalizar o ingreso: Xosé Bangueses, Ana Luísa Bouza, Manuel Bragado, Víctor Freixanes, Ramón Máiz, Carlos Neira Suárez, Celia Pereira Porto, Lois Uxío Taboada e Teresa Táboas. Toda a información sobre a composición do Padroado da Fundación Praza Pública e sobre as súas modificacións está disponible no rexistro de fundacións da Xunta de Galicia, de acceso público.

A comunidade de Praza: estado actual e medidas de impulso

Unha das tarefas pendentes é a creación do Consello Asesor, organismo que pretende ser a voz e a vía de participación da comunidade na xestión do proxecto. Na última xuntanza do padroado, realizada o pasado xoves día 13 de setembro, decidiuse pór en marcha unha estratexia de reforzo do papel da comunidade que desemboque na creación dese órgao antes do primeiro aniversario do lanzamento do xornal.

Como primeiro paso, quincenalmente actualizarase a listaxe de persoas contribuidoras, que recibirán puntualmente a notificación da recepción do seu ingreso, ademais de teren acceso de primeira man ás principais novidades atinentes ao medio e, así que poidamos, a pezas de merchandising. Pretendemos que ese contacto regular sirva para tomarlle o pulso ao que o público máis comprometido con Praza pensa do medio e do xeito en que debe evoluír para atinxir os obxectivos marcados.

Esperamos poder facervos algunhas ofertas de interesantes beneficios aínda este mes, ademais de lembrarvos que todas as achegas teñen dereito a un 25% de desgravación fiscal no IRPF (ou do 35% do Imposto de Sociedades, no caso das persoas xurídicas). E seguimos a traballar no maior problema técnico do proxecto Praza: a posta en circulación da nosa moeda virtual e comunitaria, os patacóns.

Do potencial social de Praza Pública, piar esencial dun medio comunitario como este, dan boa conta os datos das redes sociais (neste caso, os datos son do 18 de setembro). En Disqus, a rede de comentarios integrada no xornal, xa hai 1.774 usuarios rexistrados, que inseriron  un total de 15.006 comentarios; ademais, as novas publicadas recibiron un total de 46.541 gústames, tanto de usuarios rexistrados como de lectores anónimos. No tocante a Facebook, Praza conta con 4.515 seareiros e chega a recibir perto de 30.000 lecturas semanais dos posts inseridos nesa rede. Pola súa vez, Praza xa é un medio de referencia en Twitter, con 5.425 seguidores. En Chuza, a principal rede galega de compartillamento de noticias, foron 313 as novas que chegaron á portada.

Comentario aparte merece a presenza en Menéame, a rede social de compartillamento de noticias en lingua española, onde xa son 10 as portadas logradas por Praza a pesar da barreira lingüística. No mesmo período, Sermos Galiza (con case tres meses menos de vida) logrou 4 portadas, Galicia Confidencial 3 e tanto Galicia Hoxe como Dioivo ningunha, de entre os medios xeneralistas en galego; canto aos principais medios galegos en español, La Voz de Galicia obtivo 63 portadas, Faro de Vigo 12, El Correo Gallego 11, La Opinión A Coruña 10, Galiciaé (portal web de El Progreso e mais Diario de Pontevedra) 5 e La Región 1.

Datos de audiencia

Todos os datos de audiencia son referidos ao período que vai do 1 de febreiro (data de lanzamento do xornal) ao 15 de setembro.

Nese tempo, praza.com recibiu 1.307.683 visitas de 333.684 visitantes únicos. Isto significa que, en só sete meses e medio, unha cifra equivalente a 1 de cada 8 galegos leu algunha nova en Praza. En cada visita, a media de lectura é de algo máis de dúas páxinas, o que fai un total de 2.707.875 páxinas vistas.

A eses datos hai que agregar as 55.179 visitas, 27.457 visitantes únicos e 87.885 páxinas vistas do Obradoiro, a blogosfera de Praza aloxada baixo o dominio nomedoblog.prazapublica.com: os blogs máis lidos son, por esta orde, Se o vello Sinbad tivese fillos, Lusoafonia, Qadriños, Elos e canelas, O galiñeiro, Espazo vivo, Emprazarte, Circo de bacterias, Mar por medio e Cianuro nas mazás, aínda que no último mese tamén Un claro no bosque, Cinema na Praza, Código á feira, A ágora do aletófilo e Tripando terróns se teñen incorporado ao grupo de cabeza.

Do total de visitas, un 73,89% procede de Galicia; o 19,18%, do resto do Estado español; e o 6,93%, do estranxeiro. En conxunto, Praza recibiu até agora visitas de 2.731 cidades pertencentes a 145 países diferentes.

Entre as máis de 100 linguas de navegación, predominan o español, co 69,64%; o galego, co 15,29%; o inglés, co 9,42%; e o portugués, co 4,37%; mentres que todas as demais xuntas atinxen un 1,28%.

Canto aos sistemas operativos, Windows lidera co 68,94%, seguido de Macintosh (11,80%), Linux (6,20%), Android (6,02%) e as diferentes versións do SO móbil de Apple (iOS 2,61%, iPad 1,86% e iPhone 1,61%); todos os demais sistemas suman en total un 0,96%. Os navegadores preferidos son Firefox (37,84%) e Chrome (27,96%), aínda que tamén conseguen porcentaxes importantes Internet Explorer (13,91%), Safari (10,16%), Android Browser (5,34%) e Mozilla (2,81%), mentres que os 53 restantes suman o 1,98%.

Entre os provedores de internet, destacan R, que lidera con máis do 30% do público lector de Praza, e Telefónica, cunha porcentaxe próxima do 24%. Ben máis atrás –con porcentaxes que van do 4,7% ao 0,5%– atópanse outros provedores comerciais (Jazztel, Vodafone, Comunitel, Ya.com, Yoigo...) e tamén institucionais (USC, UVigo, UdC, SERGAS...).

O uso de dispositivos móbiles para acceder aos contidos de Praza é dun 12,92% do total. Deles, o 46,58% funcionan baixo sistemas Android fronte ao 47,02% da tríada de Apple (iOS 20,17%, iPad 14,41%, iPhone 12,44%); o resto distribúese entre Blackberry (3,40%), SymbianOS (1,41%) e outros (1,59%).

Para concluir este apartado, uns datos fundamentais. O primeiro deles é como chegan as lectoras e os lectores a Praza. Pois ben, un 45,12% faino a través de webs de referencia (fundamentalmente, redes sociais), un 33,94% directamente e un 20,94% mediante buscadores. En total, no período considerado, o público lector chegou desde 1.648 webs diferentes.

Facebook (26,30%) e Twitter (8,04%) son –xunto co buscador Google e con grande diferenza sobre o resto de medios e redes– as principais fontes externas de tráfico de Praza Pública, aínda que o xornal tamén ten unha boa taxa de penetración en Chuza, Menéame e Blogger. Entre os medios de comunicación, os que máis tráfico achegan a Praza son El País Galicia, Galicia Confidencial e o portal Cultura Galega, con porcentaxes que varían do 0,24% ao 0,12%. Un dato negativo é a escasa penetración na rede social Tuenti, que só proporciona o 0,08% do tráfico de Praza.

Outra pregunta fundamental: cales son os contidos que máis lles interesan? Ademais da portada, responsable polo 44,09% dos impactos, as seccións máis populares son Política (14,52%), Opinión e Editorial (9,04%), Fálase (6,12%), Cultura (5,26%), Movementos sociais (5,00%) e Economía (4,84%). A seguir van Ciencia e Tecnoloxía (2,90%), Deportes (1,25%), Lecer + Ducia (1,17%), Humor (0,49%), Mundo (0,36%) e Praza Aberta (0,08%), aínda que hai que ter en conta que algunhas delas son ben recentes e/ou comezaron a recibir un tratamento máis exhaustivo con varios meses de andamento do xornal. Como corresponde a un xornal con vocación netamente dixital, o peso dos recursos multimedia é moi notable, até o punto de equipararse (8,76%) ao das seccións de tráfico medio-alto.

E por último, cales foron as pezas máis lidas neste tempo? Das 24.943 pezas publicadas, estas foron as que máis chamaron a atención: con 9.911 lecturas, encabeza a lista de maneira destacadísima a carta aberta de Xabier P. Docampo ao presidente Feijoo con motivo do incendio nas Fragas do Eume. En seguida, por riba das 5.000 visitas, están a crónica da saída do BNG do Encontro Irmandiño (5.668 lecturas), a crónica do suicidio colectivo no bou Eva (5.547) e a nova da liberación do código de Praza (5.259). Con máis de 4.000, figuran a crónica sobre o mítico dianteiro galego Pahíño (4.511), a páxina de información sobre a Fundación Praza Pública (4.254) e a crónica sobre as recentes declaracións de Feijoo cuestionando o uso das mamografías na sanidade pública (4.076). Completan a lista das vinte pezas máis lidas as novas sobre a aprobación por parte de Compromiso por Galicia dunha alianza electoral con Esquerda Unida e Anova (3.998) e sobre a decisión de Máis Galiza de saír do BNG (3.823), o estudo que propón a redución do número de concellos galegos a 142 (3.813), o saúdo ao nacemento de Dioivo (3.796), o editorial de lanzamento de Praza (3.657), a crónica da asemblea constituínte de Anova (3.627), a principal das pezas informativas sobre os incendios do Eume (3.578), a noticia sobre a constitución de Compromiso por Galicia (3.547) e a reportaxe sobre o roubo do pazo de Meirás pola familia Franco (3.518).

Grazas aos datos da comunidade de seareiros de Praza Pública en Facebook, sabemos algo máis sobre vós: que a maioría sodes mulleres (50,7% fronte ao 47,2% de homes), especialmente se tedes menos de 35 anos, xa que nesas faixas de idade o predominio feminino é notable; que hai un 80,7% de posibilidades de que teñades entre 18 e 44 anos e un 40,0% de que esteades entre os 25 e os 34, o grupo de idade máis numeroso entre o público lector do xornal; e que 2 de cada 3 ledes as novas de Praza varias veces por semana e moitos entrades máis de unha vez ao día.

Informe económico

Todos os datos económicos poden ser consultados no documento anexo, no que se detallan as contas da fundación por meses, capítulos e conceptos de gasto no período que vai desde o 1 de febreiro –data de lanzamento do xornal– até o 19 de setembro do presente ano. Esa información será actualizada mensualmente e enviada a toda a comunidade, ademais de ser publicada na web regularmente –posiblemente con periodicidade trimestral, para facela coincidir cos períodos de liquidación de encargos sociais.

Como podedes ver nas contas, os cartos destínanse case exclusivamente a facer xornalismo (con salarios dignos para os redactores e remuneracións igualmente dignas para os xornalistas colaboradores, sen explotación, sen impagamentos, sen bolseiros que exercen como redactores sen soldo...), ben como a pagar as ferramentas tecnolóxicas necesarias para esa función e os encargos sociais derivados das relacións laborais dos tres redactores.

Outra evidencia que se tira do informe é que estamos aínda moi lonxe da sustentabilidade económica e necesitamos da vosa implicación para seguir a ser un medio comunitario e independente. Até agora, os ingresos obtidos desde o comezo da actividade do xornal só representan o 21,96% dos gastos que tivemos que afrontar nese espazo de tempo, cando a nosa intención –e, a estas alturas, xa necesidade– é atinxirmos unha porcentaxe próxima ao 100% nos próximos meses. A iso axudará a inserción de publicidade, mais non podemos confiar en que esa vía, por sí soa, sexa suficiente máis que para axudar a equilibrar as contas. A base da sustentabilidade de Praza Pública, como dixemos desde o comezo, serán as achegas –máis volumosas ou máis modestas, dunha soa vez ou periódicas– da comunidade de lectoras e lectores: ese é o noso modelo. Apostamos por crer no país e por pedirlle á parte máis comprometida da sociedade galega que nos dea a posibilidade de traballar para ela, dunha maneira independente, plural e crítica.

Praza Pública é, porque así se definiu desde o momento da súa presentación, un xornal para o cambio, un medio para facer posible a Galicia que vén e para que cada un e cada unha de vós teña un canal onde informarse e desde o cal facer oír a vosa voz. E desexamos seguir a facelo por moito tempo; por iso a nosa campaña de subscricións e doazóns se chama Praza precisa de ti: pedímosche que colabores, que renoves o voto de confianza en nós se xa o fixeches, e que animes outras persoas a se incorporaren a este proxecto que é de todos, porque é un proxecto aberto e ao servizo do país, sen ataduras de ningún tipo. Contamos contigo!

Gráfico 1. Páxinas vistas e visitas totais (media diaria) Dominio Público Praza Pública
Gráfico 2. Lectores únicos (total mensual) Dominio Público Praza Pública
Gráfico 3. Procedencia xeográfica do tráfico: cidades e áreas de influencia Dominio Público Praza Pública
Gráfico 4. Procedencia xeográfica do tráfico: países Dominio Público Praza Pública
Gráfico 5. Linguas de navegación dos lectores Dominio Público Praza Pública
Gráfico 6. Fontes de tráfico Dominio Público Praza Pública
Gráfico 7. Peso das seccións no tráfico do xornal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.