0 Gardados para despois

Patrimoniogalego.net supera os dous mil bens culturais catalogados

Redacción | @prazapublica

Patrimoniogalego.net é unha mestura de observatorio, rede social e catálogo en liña, posto en marcha en maio do pasado ano por un grupo de persoas entre as que destaca Manuel Gago. Dende un comezo os seus responsables poñían o foco na necesidade de crear un Catálogo Social do Patrimonio e sinalaban que "un dos grandes problemas para o Patrimonio Cultural galego é que os cidadáns non sabemos o que temos. A Administración autonómica non fai pública en Internet a información da que dispón sobre os Bens Culturais. Tamén carecemos dunha visión clara do estado de conservación e difusión de cada un dos bens".

E engadían: "moitos de nós sabemos a situación na que se atopa boa parte do Patrimonio Cultural e, especialmente, o Arqueolóxico. Pero precisamos unha ferramenta para facelo visible á opinión pública, aos medios e aos políticos. Por experiencia, temos observado que moitas agresións ao Patrimonio Cultural nunca pasan de información local. O que aquí se propón é unha ferramenta para loitar contra isto".

A páxina tamén inclúe unha lista vermella formada por aqueles bens culturais que se atopan en perigo inminente

15 meses despois as achegas dos colaboradores, entre os que destacan Óscar Franco, Elixio Vieites, Xosé Troiano, Gavilanes67, Xandinathry, Xocas e Manuel Rial, suman xa máis de 2000 bens culturais inventariados, cunha gran presenza de elementos da Costa da Morte e do interior da provincia de Pontevedra pero con espazos e construcións de todos os concellos de Galicia. Destacan os concellos de Aranga ou de Baños de Molgas, posto que ambos os dous contan en patrimoniogalego.net con máis dun cento de bens catalogados. 

A páxina tamén inclúe unha lista vermella formada por aqueles bens culturais que se atopan en perigo inminente e sobre os que se quere poñer o foco e salientar o seu estado e a súa desprotección.

Cruceiros, igrexas, castros, petroglifos, monumentos megalíticos, ermidas e pazos son os elementos máis identificados, pero tamén se atopan un bo número de paisaxes. O ben número 2000 foi de feito un edificio civil urbano de carácter senlleiro: o que alberga o instituto de Santa Irene, ubicado na parroquia viguesa de Coia. Os seus promotores destacan a consolidación do proxecto, que é un dos máis amplos do Estado e xa se converteu nun referente mesmo a nivel europeo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.