O día de 'Nós'

Lectura de artigos do 1º número da revista “Nós” no “segundo día de Nós” (2011) © Asociación proCentenario Nós 2020

En 2010 o Concello de Ourense e a Deputación Provincial de Ourense, co gallo de se cumprir daquela o noventa aniversario da publicación da revista Nós (1920-1935) no prelo de La Región, declarou o día 30 de outubro “festa local de interese cívico-cultural” na cidade de Ourense. Dende estón esta data dedícase a lembrar e poñer en valor a actividade do grupo cultural xurdido ao redor da revista e, sobre todo, quentar motores para as grandes celebracións que terán lugar en 2020, no seu centenario. 

Nesa data quérese celebrar un Congreso Global da Cultura Galega no que participen todos os sectores concernidos, neste eido, tanto do interior coma da diáspora. Para esa data hai tempo que se vén difundindo o Manifesto Ourense 2020, que promove Ourense como capital galega da Literatura e tamén como candidata a capital europea da Cultura.

Hai tempo que se vén difundindo o Manifesto Ourense 2020, que promove Ourense como capital galega da Literatura e tamén como candidata a capital europea da Cultura

Asociación proCentenario de Nós 2020 conta coa participación de Concello de Ourense, Deputación Provincial de Ourense, do Liceo-Recreo de Ourense, Sarabela Teatro, Grupo AuriaNós de Ourense, A.C. Bela Auria, Círculo Poético Ourensán, Gremio Literauria, Fundación Uxío Novoneyra e CIG-Ourense, entre outras entidades.

As actividades deste 30 de outubro comezarán ás 12.30 nos Xardíns e Praza do Padre Feijoo cunha lectura pública de páxinas da revista Nós, a cargo dos directivos, socios e compromisarios da ApCNós2020. Actuará como mantedor Uxío Novoneira, directivo da ApCNós2020, e intervirán como lectores convidados especialmente nesta edición os actores de Sarabela Teatro, de Ourense pondo en voz textos dramáticos publicados na revista Nós. Un representante da Corporación Municipal de Ourense lerá unha declaración institucional exaltando os obxectivos da celebración. E procederase tamén á Lectura do Manifesto Ourense 2020, iniciándose a campaña de recollida de sinaturas dos cidadáns a prol do manifesto.

O acto rematará cun Roteiro-memorial, guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020

Pola tarde, entre as 17.30 e as 18.30 no Camposanto de San Francisco de Ourense realizarase a ofrenda cívica aos escritores e artistas ourensáns, a cargo da directiva da ApCNós2020 e representantes de institucións e entidades locais e provinciais. O acto rematará cun Roteiro-memorial, guiado por Camilo F. Valdehorras, escritor e presidente da Asociación proCentenario de Nós 2020.

A Asociación proCentenario de Nós 2020 dirixe ademais un chamamento ás institucións da cidade, ás entidades públicas e privadas compromisarias e á cidadanía en xeral para "sermos conscientes do magno patrimonio literario-cultural que Ourense e Galicia atesouran e do imperativo de inverter a tendencia imposta polas trabucadas políticas vixentes de relear recursos públicos para o desenvolvemento dos sectores educativo, mediático e creativo".

Lectura de artigos do 1º número da revista “Nós” no “segundo día de Nós” (2011) © Asociación proCentenario Nós 2020

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.