A gran semana do cinema galego en Cineuropa

Rodaxe de A cicatriz branca Dominio Público Praza Pública

Entre a morea de filmes que ao longo do mes de novembro proxecta Cineuropa os galegos son unha minoria. E dende o logo o protagonismo decote lévano os Haneke ou Kiarostami. Pero esta semana é o cinema galego o que levará os titulares. Principalmente polas estreas de tres filmes: Fóra (Pablo Cayuela e Xan Gómez Viñas), A Cicatriz Branca (Margarita Ledo) e Arraianos (Eloy Enciso).

Este mércores 21 Cineuropa acolle na súa Sección Oficial a presentación de A cicatriz branca. Concebida como cine-documento A cicatriz branca contén arquivos inéditos do filme Castelao de Jorge Prelorán. Foi filmada entre Galicia e Bos Aires ao longo de 2011 e recupera como escenarios certos lugares destacados na historia da emigración galega na Arxentina: o Centro Galego de Bos Aires, a Federación de Sociedades Galegas, o Centro Galicia en Olivos e a Estación Constitución cóntanse entre as súas localizacións. O sanatorio de Castro de Lea, e as Lagoas de Caque e Cospeito (Castro de Rei) son parte dos espazos da rodaxe en Galicia. Eva Veiga encabeza un cadro de actores do que tamén forman parte Xabier Deive, Lino Braxe, Tamar Novas, Mónica Camaño e Margarita Fernández e que conta coa colaboración especial de Manuel Sánchez Salorio e Carmen Valiño de Arias.

O xoves é a quenda de Arraianos. O filme de Eloy Enciso obtivo o premio da sección Nuevas Olas no Festival Internacional de Cine de Sevilla, que está dotado con 15.000 euros para apoiar a distribución comercial do filme en España. O xurado destacou a "madurez" de Arraianos o seu "carácter híbrido entre xéneros e formas" e a súa procura "do cine fóra do cine e non dentro del". O filme estreouse en agosto no Festival de Locarno, e a vindeira semana participará no REC Tarragona. En Arraianos os habitantes dunha aldea perdida no arboredo entre Galicia e Portugal interpretan a súa propia vida mesturada con diálogos de O bosque, unha obra de Marinhas del Valle. Arraianos retrata unha comunidade rural na súa obstinada resistencia por desaparecer.

Antes, este martes, chegará a estrea de Fóra, unha indagación sobre as historias ocultas dun lugar: o edificio do hospital psiquiátrico de Conxo. Empregando un dispositivo audiovisual que parte da posta en imaxe do documento, a longametraxe xera unha corrente alterna entre as imaxes da institución e as voces, ligadas aos relatos que abeira o edificio ou á lectura de fragmentos literarios e fontes documentais escollidas pola súa capacidade de resonancia no presente. A Historia de Conxo -imaxe especular da Historia compostelá- vaise esfarelando en pequenas historias que revelan a necesidade de explorar máis polo miúdo o significado social de determinados espazos reprimidos da memoria urbana.

 

Proxeccións

Martes 20. 20.15h. Fóra. Salón Teatro.

Mércores 21. 20.00h. A cicatriz branca. Teatro Principal

Xoves 22. 20.00h. Arraianos. Teatro Principal

 

Un fotograma de Arraianos © Praza Pública
Fóra © Praza Pública
Rodaxe de A cicatriz branca Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.