Manter aberto o Gaiás custa case 9.000 euros ao día

Vista da Cidade da Cultura CC-BY-SA Merixo

O pasado día 11 a Xunta celebraba o segundo aniversario da inauguración dos primeiros edificios da Cidade da Cultura. O Goberno galego considerou a efeméride un momento adecuado para celebrar "dous anos de austeridade" polo rigor orzamentario que, ao seu xuízo, caracterizou a xestión económica do incompleto complexo do monte Gaiás de Compostela. Dende San Caetano lánzas esta afirmación mentres no Parlamento se tramitan os Orzamentos Xerais para 2013 e nos mesmos días en que a Fundación Cidade da Cultura contrata os servizos de mantemento e limpeza e mais os subministros de luz e gas para os edificios. Estes contratos suporán para o erario case 9.000 euros ao día.

Nas contas públicas para 2013 a partida consignada para a Cidade da Cultura é de 10 millóns de euros, transferidos na súa práctica totalidade coa forma de "subvencións á explotación". Se ben esta cantidade -uns dous millóns de euros inferior á destinada o ano pasado- é ilustrativa do custe do edificio se cadra aínda o é máis a análise dos custes dos seus servizos básicos, os mesmos que agora a Fundación vai contratar para os vindeiros dous anos por un montante total que supera os seis millóns de euros.

O contrato de maior importe é o de subministración de enerxía eléctrica, que supera os 3 millóns

Dos catro contratos que o ente público comeza a tramitar o de maior contía é o da "subministración de enerxía eléctrica" do complexo, no que agora tamén se instala a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, o Centro de Proceso de Datos da Xunta e a Axencia Galega das Industrias Culturais. O importe de licitación -cantidade máxima que a Administración está disposta a gastar- sitúase nos 3,3 millóns de euros por un período de servizo de vinte e catro meses dende a formalización do contrato.

A continuación sitúase o contrato de mantemento. Neste caso o montante económico é de 1,7 millóns de euros para o mesmo período. Con case a metade de cartos sitúase o servizo de limpeza das instalacións, que durante os devanditos dous anos vai cuastar ata 887.495 euros. O contrato de menor contía é o de "subministración de gas natural", cun prezo máximo de 605.058 euros. A suma dos catro chega aos 6,5 millóns de euros ou, o que é o mesmo, a un gasto de 8.838,11 euros ao día durante dous anos.

Así e todo dende o Goberno galego deféndese que o "modelo de xestión" do Gaiás está "baseado nas medidas de aforro", así como no "aproveitamento dos espazos para maximizar a rendibilidade do complexo e na posta en marcha dunha programación cultural diversa e de calidade". Entre os seus principais logros do seu "programa de aforro" a Xunta cita a "paralización das obras nos dous edificios pendentes" e o traslado de organismos públicos aos edificios deseñados por Peter Einsenman, entre eles a propia Fundación Cidade da Cultura, situada ata hai pouco nun edificio histórico do centro de Santiago.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.