419 librarías galegas resisten á crise

Libraría no Culturgal © Culturgal

Este venres celébrase o Día das Librarías, organizado pola Confederación Española de Gremios e Asociacións de Libreiros (CEGAL). A crise afecta a todos os sectores e de forma moi especial ao ámbito cultural, por exemplo ás librarías. Segundo un informe da CEGAL, no segundo cuatrimestre de 2014 os ingresos por vendas de libros descenderon un 7,4% en todo o Estado; un descenso do 4,2% no número de exemplares vendidos. CEGAL analiza estes datos como unha "desaceleración da caída de vendas, xa que os descensos tanto en facturación coma en número de exemplares vendidos foron máis moderados que os rexistrados no ano anterior". 

O 7,3% dos ingresos corresponderon aos establecementos galegos, fronte ao 7% do cuatrimestre anterior. En total, as librarías galegas ingresaron 13,2 millóns de euros no segundo cutrimestre, fronte aos 15,3 millóns do primeiro. Con respecto ao mesmo cuatrimestre do ano anterior, as contas das librarías galegas case non varían, pasando dos 13,4 millóns aos 13,2 millóns actuais. 

Con respecto ao mesmo cuatrimestre do ano anterior, as contas das librarías galegas case non varían, pasando dos 13,4 millóns aos 13,2 millóns actuais

En total, en Galicia hai 419 librarías independentes, que reprentan o 9,7% das existentes en toda España. Isto supón un ratio de 15,1 establecementos por cada 100.000 habitantes, un dos máis elevados do Estado, só por detrás do de La Rioja e moi por riba da media (9,2 por cada 100.000 persoas). A maior parte das librarías galegas son de tamaño medio, con ingresos situados entre os 30 mil e os 300 mil euros anuais.

Hai uns meses Pilar Rodríguez Álvarez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, analizaba de forma moi negativa a situación do sector: “a nosa situación empeora cada día, os últimos doce meses foron terribles. Nunha libraría vendemos libros, e o que pasou foi que caeu de forma dramática a venda de libros”. Pilar Rodríguez explicaba que “nós tardamos en notar a crise, seguramente porque o sector nunha foi demasiado boiante”. De igual xeito, Manuel Bragado, daquela presidente da Asociación Galega de Editores, sinalaba que "temos un tecido editorial e un tecido libreiro moi febles e sometidos a moitas dificultades nas últimas tres décadas, e máis aínda nos últimos cinco anos, cun descenso dun 30% nas vendas"

Libraría no Culturgal © Culturgal
Capa do libro © Através Editora

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.