0 Gardados para despois

Carlos Núñez, The Chieftains e Estrella Galicia colgarán a Medalla Castelao

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Entre un menor rebumbio que o pasado ano, cando o Goberno galego distinguiu, entre outros, o adestrador Arsenio Iglesias, o futbolista Míchel Salgado e a ex conselleira Manuela López Besteiro, o Consello da Xunta deulle este xoves o visto e prace á nómina de persoas e entidades seleccionadas para as Medallas Castelao 2013. Os galardóns, creados para premiar a "aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente de recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana", foron este ano para unha deportista, unha escritora, varios músicos e mesmo unha empresa produtora de cervexa.

O vindeiro 28 de xuño serán convocados ao Panteón de Galegos ilustres a literata Úrsula Heinze, alemá de Colonia e referente da literatura galega infantil e xuvenil dende os anos 80, ademais de destacada tradutora da que a Xunta destaca que "deu a coñecer en Galicia moitos poetas descoñecidos" ao tempo que "enriqueceu a nosa literatura". Tamén pendurará a Medalla Castelao a primeira medallista paralímpica da historia de Galicia Hilda Rodríguez, que obtivo dous ouros en Atlanta 1996 na modalidade de boccia. Dela o Executivo salienta "os seus logros deportivos, pero tamén por demostrar todo o que teñen que achegar á nosa terra as persoas con algún tipo de discapacidade".

A pronuncia do nome de The Chieftains por parte de Feijóo converteuse na anécdota durante a presentación dos galardóns

Entre deportistas e artistas a Xunta sitúa unha empresa, Hijos de Rivera, a produtora da cervexa Estrella Galicia, por "contribuír ao emprendemento" no país e "manter a ambición permanente de internacionalizar a nosa economía". Pola banda musical é premiada a Coral de Ruada, de Ourense, pola súa "dilatada carreira de case 95 anos", e tamén o gaiteiro Carlos Núñez, quen comparte distinción coa banda The Chieftains. A mención aos Chieftains converteuse este xoves na anécdota da rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, xa que ao citar os premiados o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tivo serias dificultades para pronunciar o nome da banda irlandesa provocando, nas dúas veces en que se tivo que referir a ela, a hilaridade entre boa parte dos presentes na sala de prensa de San Caetano.

Feijóo anuncia con dificultades a Medalla Castelao para Carlos Núñez e The Chieftains

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.