0 Gardados para despois

Blanca Cendán: "Non podemos permitir que os políticos de turno desmantelen todo"

Alberto RamosAlberto Ramos | @alberto_ramos


"Esta mañá fun ás dez da mañá á sede da Agadic, xunto o meu xefe de produción Fran Veiga, para unha reunión rutineira con Fasero. Ía presentar as contas do Centro Dramático. Pero fixéronme pasar ao despacho de Fasero a min soa. O que me atopei foi unha carta de despedimento. Non tiven tempo nin de explicar as contas." Así relatou Blanca Cendán, a xa ex directora do Centro Dramático Galego (CDG), a súa destitución nunha improvisada rolda de prensa nunha terraza de Compostela. Nesa carta, asinada polo conselleiro de Cultura e Educación, non se especifica -segundo Cendán- o motivo da destitución, polo cal a ex directora esixiu explicacións.

"Pedinlle a Fasero que me contara as razóns da destitución e díxome que o día 27 de marzo ía haber un acto reivindicativo do teatro e que eu cedera o Salón Teatro para iso. Díxome que non debería cedelo. Non entendo a explicación. É o Día do Teatro e  a xente do teatro ten que estar no teatro, non podía dicir que non. A explicación é improcedente", afirmou Cendán, quen evitou empregar a palabra "represaliada" cando foi preguntada polos xornalistas se sentía como tal. "Síntome pouco informada. Non me parece normal. Fun traballar como calquera outro día. Era unha xuntanza normal con Fasero e atopeime coa carta de despedimento. Alá eles", respondeu.

A destitución de Cendán prodúcese poucos días despois de que anunciase no Salón Teatro, na compaña de Anxo Lorenzo e o propio Fasero, a nova produción  do Centro Dramático, As furias, que estaba previsto que dirixise Andrés Lima. "Mañá viaxo a Madrid e falarei con Andrés. Direille que non hai trazas de que se vaia facer. É unha tomadura de pelo, xa se atrasara a produción varias veces. Pero quen sabe, se cadra seguirán adiante sen min. Falarei co señor xerente da Agadic, para ver se queren continuar coa obra", explicou Cendán, que aproveitou a súa despedida para criticar con dureza os recortes nos orzamentos do CDG e a xestión da Agadic. "O Centro Dramático galego leva 25 anos e ten que ter un orzamento mínimo imprescindible para traballar. Ten que ter, polo menos, unha produción ao ano. É unha unidade de produción. Se non se fai como mínimo unha ao ano, que sentido ten o Centro Dramático Galego? Estes non foron tempos doados, os recortes foron chegando. No ano 2010, os recortes foron de 200.000 euros, no 2011 caeron un 60% e agora andabamos nuns 400.000 euros", sinalou Cendán, que lembrou que unha produción mínima precisa duns "250.000 euros".

"Fasero díxome que o día 27 ía haber un acto reivindicativo do teatro, que eu cedera o Salón Teatro para iso e non debería facelo"

Cendán tamén aproveitou para repasar a súa xestión e defendela nestes momentos de crise. "Estou orgullosa de ter feito A ópera dos tres reás, fixemos dúas producións, mantivemos programas de formación e a programación nestes tempos. Traballei con coherencia.  Fixemos a Ópera, que foi a obra máis vista da historia do Centro Dramático e de súpeto estou despedida e véxome castigada", lamentou a actriz, quen explicou que no CDG traballan 20 persoas "en situación de medo", que non saben "se van ser despedidas" ou se "pecha" o centro. Ante a posibilidade de que o Centro Dramático bote o peche, Cendán apostou pola súa necesaria continuidade. "Ten que seguir aí, o Centro Dramático ten que continuar cun orzamento mínimo para traballar. Temos que respectar os convenios cos actores e un mínimo para funcionar. Non se pode reducir por caprichos", retrucou a xa ex directora.

"Ataque á cultura"

A explicación que lle deu Fasero sobre o acto do Día do Teatro resulta "improcedente" e supón un novo agravio para o sector, segundo Cendán. "É un ataque á cultura. Levo 25 anos  no teatro e non podemos permitir que os políticos de turno desmantelen todo. A xente do teatro merecemos un respecto" afirmou antes de engadir que a administración da que formou parte até hoxe "non facilita e mesmo impide que os proxectos saian adiante".

"Roberto Varela sempre foi un gran apoio, sentín moito a súa marcha, non tiña a mesma comunicación con esta xente nova"

Blanca Cendán, quen chegará ao cargo mediante un concurso público, tamén tivo palabras dirixidas para os vellos e os novos responsables de Cultura. "Cando marchou Varela, houbo unha reunión de presentación. Despois outra con Anxo Lorenzo. Non obstante,  hei de dicir que Varela foi sempre un gran apoio. Sentín moito a súa marcha. Non tiña a mesma comunicación con esta xente nova  [Anxo Lorenzo e Jesús Vázquez] que con el. Intentamos manter un diálogo, pero non foi un diálogo fluído. Si, hai un resentimento", confesa. Preguntada sobre o trato que mantiña con Fasero, Cendán simplemente recoñeceu que "tiña unha relación máis fluída con Varela que con Fasero". "Era máis doado con Varela", rematou.

A actriz non poderá participar no acto do Día do Teatro do próximo día 27, xa que estará en Madrid para asistir a unha rolda de prensa para presentar unha coprodución do CDG e do Centro Dramático Andaluz sobre Valle-Inclán. "Non poderei ir, pero quizais mande unha carta de adhesión. Irei a esa rolda a falar xa como ex directora", explicou Cendán, que en todo momento amosou alegría por volver á escena. "Son libre, volvo ao teatro", recoñeceu.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

"O Centro Dramático Galego contará cunha nova dirección"

A Consellería de Cultura e Educación enviou pola tarde unha breve nota de prensa de dous parágrafos na que non se daban explicacións polo cesamento de Blanca Cendán. Baixo o titular "O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO CONTARÁ CUNHA NOVA DIRECCIÓN PARA PROMOVER AS ARTES ESCÉNICAS", o comunicado explicaba que "esta nova etapa no CDG prodúcese despois do cesamento de Cendán", que se fará efectiva "a partir de mañá" e que se ratificará no próximo Consello da dirección da Agadic, o 9 de abril".
Cultura agradece os servizos da ex directora nestes dous últimos anos e anuncia que "proximamente" haberá un novo director. "A consellería anunciará a incorporación dun novo profesional que lle dea continuidade ao labor de promoción levado a cabo polo CDG no ámbito das artes escénicas", explica o comunicado. Todo apunta a que, desta volta, non se abrirá un concurso público para escoller a nova dirección. Polo tanto, o procedemento polo que chegou Blanca Cendán ao seu posto (un concurso público e de méritos) non ten traza de que se vaia repetir. Praza Pública tentou, sen éxito, coñecer a versión do director xerente da Agadic, Juan Carlos Fernández Fasero.

A Agadic denega o permiso para que o Salón Teatro acolla os actos do Día do Teatro

A Agadic xa comunicou as diferentes asociacións teatrais promotoras dos actos do Día do Teatro que non poderán acceder ao Salón Teatro. Esta comunicación e o cesamento de Blanca Cendán deixou "alucinando" ao sector. "É unha represalia, unha barbaridade que non ten nome. O acto estaba solicitado e sería unha manifestación que culminaría no Salón Teatro. Xa estaba concedido. Parece que ao saír na prensa, deciron denegalo e tomar represalias", sinala Salvador del Río, presidente de Escena Galega.

As asociacións convocantes do acto teñen previsto enviarlle unha carta ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, para transmitirlle os motivos polo cal cren que o Salón Teatro debe estar aberto. Ademais, tamén criticarán o cesamento de Cendán por estes motivos. "Non se pode botar á rúa a alguén por estes motivos. Ademais, estannos a botar á rúa no día do teatro. Fasero manda a mensaxe de que os edificios son seus", sinala Del Río.
Polo momento, a intención é manter os actos do Día do Teatro tal e como estaban previstos. "Haberá a manifestación e remataremos nas portas do Salón Teatro, na rúa. Leremos os manifestos. Agora estamos intentando dixerir todo o que pasou", remata Salvador del Río.