0 Gardados para despois

A Fundación Illa de San Simón xa é historia

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


A omnipresente austeridade vén de levar por diante a Fundación Illa de San Simón. O órgano creado en 2007 -durante a xestión do Goberno bipartito- tiña como misión non só "conservar e promover os valores naturais, patrimoniais e paisaxísticos" da illa, referencia natural, artística e da memoria histórica do país. "Tamén foi constituída co obxectivo de converter as illas nun ponteiro contedor cultural, promovendo e desenvolvendo todo tipo de actividades culturais, educativas e de investigación", explica aínda a Xunta na web da entidade. Pero ningún destes cometidos foi argumento dabondo para que o Goberno galego reconsiderarse a decisión de botarlle o cerrollo á fundación, deixando a illa baixo a responsabilidade directa da Secretaría Xeral de Cultura, cun futuro tan incerto como o seu orzamento.

A extinción da fundación produciuse formalmente no seu derradeiro padroado, reunido o pasado 28 de xuño. Antes, en decembro, este mesmo organismo tivo xa sobre a mesa a decisión do peche. Quen a explicou foi o propio conselleiro de Cultura e Educación, na súa calidade de presidente do ente. Segundo a acta desa xuntanza, a cuxo contido tivo acceso Praza Pública, Vázquez sinalou que a decisión fora tomada polo Consello da Xunta por razóns que nada teñen que ver co cultural ou patrimonial. A idea é "profundar no aforro de estrutura da Consellería no marco da política de aforro e axuste fiscal do Goberno galego".

Vázquez trasmitiulles aos membros do padroado que "a xestión do patrimonio das illas pasará a ser directamente realizada dende a Consellería" e que "non variarán as actividades, existindo partidas para tal fin". "O actual proxecto de posta en valor de San Simón vai ser mantido", agregou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, nun contexto no que tamén o alcalde de Redondela, Javier Bas (PP), para propoñer que "sexa cal sexa a fórmula de xestión", o actual xerente, Francisco Javier Alonso, continúe no seu posto polos "positivos resultados obtidos durante os tres anos do seu mandato".

Jesús Vázquez xustificou a extinción unicamente pola "política de aforro e axuste fiscal do Goberno galego"

Neste contexto a única intervención contraria á extinción da fundación foi a do representante da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo. A institución académica coruñesa oponse á fin da fundación porque "non existe motivación bastante para tomar tal decisión" e, ademais, a entidade non xestiona unicamente actividades, senón que tamén é "o órgano xestor dunha concesión demanial [de dominio público] sobre o espazo que, á súa vez, é un ben de interese cultural". A decisión da Xunta "pode traer consigo" diversos riscos, entre eles, "a perda da concesión, por non axustarse aos termos da mesma". Ademais, argumenta, o feito de que a fundación non se autofinancie serviría tamén para pechar outras, como a Fundación Cidade da Cultura, pola que o Goberno aposta abertamente con importantísimas inxeccións de cartos.

O incerto futuro

A Fundación extínguese sen saber de que xeito van continuar as actividades na illa, agora dependente só da Consellería

Tras non aceptar dar marcha atrás nin tampouco fusionar a Fundación Illa de San Simón coa Fundación Museo do Mar, como propuxo a UDC, resta saber cantos dos 722.000 euros que lle asignaron os Orzamentos Xerais para 2013 van seguir estando dispoñibles. Así, nun brevísimo plan de actuación para o ano 2013 redactado a finais do ano pasado a propia entidade xa describía que a extinción lle ía afectar a "todas as partidas de gasto, especialmente as referidas ao corrente". Ademais, "dada a interinidade da fundación", xa daquela consideraban "posible" ter que "eliminar" a "partida de ingresos", xa que a "desaparición" implicaba que a fundación non ía realizar xa "actividade ningunha" en 2013.

Por todo isto Cultura xa admitía daquela que non tiña "calenradio válido de actividades". "Dende a Presidencia indícase que se manterá unha programación estable de actividades, similar á desenvolvida en anos anteriores, sen que resulte posible neste intre determinar como", explicita o documento. Todo está, polo tanto, no aire. E a fundación, na historia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.