Piden cambios na lei que prevé obrigar a comunicar previamente toda actividade cultural

Actividade de rúa de Furafollas © Furafollas

Un cento de artistas, intérpretes, programadores, xestores e axentes culturais remítenlle un escrito á Xunta criticando o anteproxecto da Lei de Espectáculos públicos e Actividades recreativas, que prevé a obriga de comunicación previa á autoridade administrativa competente de todas as actividades artísticas e culturais que se celebren en espazos privados con aforos superiores a 100 persoas.

Os asinantes sinalan que de seren incluídas na categoría de espectáculos públicos todas actividades artísticas e culturais de concorrencia pública sen ánimo de lucro "estaría a confundirse gravemente a súa natureza e condición artística e cultural de creación de coñecemento libre e colectivo". Demandan que este tipo de actividades realizadas en espazos privados non teñan a consideración de espectáculos públicos ou que cando menos se eleve de 100 a 200 persoas o aforo que obrigaría a que estes espectáculos fosen de obrigada comunicación e autorización.

Córrese o perigo de "gravar con trámites administrativos e sancións económicas" actividades "que nada teñen que ver coa oferta de espectáculos ou actividades recreativas"

Lembran que "non todo espazo no que se realicen actividades como as descritas ten vocación nin carácter de establecemento público" e que se corre o perigo de "gravar con trámites administrativos e sancións económicas" actividades "que nada teñen que ver coa oferta de espectáculos ou actividades recreativas, senón coa creación estética, a educación, o libre exercicio da crítica intelectual e a produción de coñecemento colectivo".

A realización e programación deste tipo de actividades quedaría suxeita, baixo sanción administrativa de multa entre 300 e 30.000 euros, á esixencia da súa comunicación previa á autoridade administrativa competente e á autorización por parte da mesma para a súa realización, "o que supón un exceso de control inaceptable por parte da administración da liberdade e independencia de creación, difusión e exhibición artística e cultural", segundo os asinantes. Estas persoas e colectivos consideran que a apertura de establecemento público para a realización permanente deste tipo de actividades "debe someterse ao réxime de comunicación previa en relación ás súas características técnicas e de seguridade, nunca en cuestión de contidos".

Os e as asinantes denuncian tamén "a falta de programas ou espazos públicos orientados á produción artística" e que "a arte non é toda espectáculo"

Os e as asinantes denuncian tamén "a falta de programas ou espazos públicos orientados á produción artística" e que "a arte non é toda espectáculo". Estas eivas fan xermolar a "demanda de investigación estética e produción de coñecemento" que "os axentes culturais galegos nos vemos obrigados a soster de forma persoal, en pequenos colectivos ou mediante propostas asociativas", que son precisamente as que se poderían ver máis limitadas ou obstaculizados coa norma que prepara o Goberno galego.

Actividade de rúa de Furafollas © Furafollas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.