Screenly: Que peli queres ver no cine?

Capa da web © Screenly

O cinema baixo demanda, de pago ou de balde, legal, ilegal ou alegal, non ten nada de novo. Se é en pantalla grande, algo máis. Esta semana presentouse en Barcelona, no marco do In Edit Fast Forward (un espazo para dar a coñecer novos proxectos de base tecnolóxica), Screenly, unha plataforma de cinema baixo demanda que está a dar os seus primeiros pasos, dándose a coñecer e creando a súa comunidade, que será a base da súa actividade.

O funcionamento é sinxelo. Unha persoa ou grupo de persoas escollen un filme dende o catálogo de Screenly, no que convivirán os produtos dos circuítos comerciais, o fondo de filmoteca e filmes inéditos ou de distribución limitada. Despois, crearán un evento para a súa proxección nunha das salas afiliadas ao proxecto, salas comerciais pero tamén centros culturais ou sociais de todo tipo. Ese evento difundirase polas redes sociais e por outros medios, e cando se chegue a un número mínimo de espectadores que garantan o éxito e a rendibilidade da proxección, esta levarase a cabo. Deste xeito, o prezo da entrada será variable: canta máis xente se apunte, máis barata será.

O lema de Screenly é "goza de novo da experiencia colectiva de ver cine". Diso se trata, de recuperar a experiencia da pantalla grande, e de ver filmes acompañados por outras persoas. Por iso tamén se pon o foco en todo aquilo que pode completar un visionado: coloquios, presentacións, música, exposicións, copas..., ou por que non, proxeccións interactivas ao xeito das de The Rocky Horror Picture Show. Todo para poñer en contacto creadores e público, filmes e espectadores. Screenly tamén se dirixe, polo tanto a creadores e produtoras, e promete que farán atractivo o filme cunha web personalizada que eles mesmos poderán xestionar.

Capa da web © Screenly
Presentación do proxecto no In Edit Fast Forward de Barcelona Dominio Público Screenly

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.