0 Gardados para despois

O Apóstolo revela na Ultranoite de Teo que foi el quen denunciou a Conde Roa

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Sempre pasa o mesmo: hai que ir á Ultranoite de Chévere para coñecer a verdade sobre os últimos acontecementos da actualidade. O Rei -deixouno ben claro en Teo- non rompeu a cadeira. Só tivo un pequeno esguince. Porque foi de safari “en toda la extensión de la palabra"- e resulta que a súa pelve xa non é o que era. Ademais, se Froilán se disparou nun pé, foi unicamente porque é metade Marichalar. Que un Borbón nunca falla un tiro, e menos se ten en fronte outro Borbón. 

As declaracións do Rei -un dos personaxes máis coñecidos de Manolo Cortés- diante dunha pantalla coa bandeira republicana e o lema “non hai dúas sen tres”, non foron a única revelación da primeira -a segunda, en realidade, pois foi na sesión do sábado- Ultranoite celebrada por Chévere en Teo despois de deixar a sala Nasa en Santiago. O público puido asistir tamén, por suposto, a unha interesante conversa entre Espadas e Conde Roa -Mónica García e Xesús Ron-. Foi no guiñol Ubú Roa, nun famoso local de Santiago, A Tita. E con el os titiriteiros amosaron unha das súas máis fondas preocupacións: o alcalde supéraos no seu talento para o clown.

Os titiriteiros amosaron unha das súas máis fondas preocupacións: o alcalde supéraos no seu talento para o clown

Porque foi comedia tras comedia, toda o que leva de mandato. Espadas foille lembrando algún dos seus mellores shows. Desde o de José Tomás diante dos xornalistas na rolda de prensa sobre a súa débeda con Facenda, ata a súa epopea cun semáforo, a súa cruzada contra os terroristas que ocupaban a sala Yago, o seu western “van a sentir nuestro aliento en la nuca”, a súa proposta de trasladar a intermodal... “Quero prohibir a ópera, o teatro e a danza”, dicía o monicreque Roa, pois os culturetas prodúcenlle “especial repugnancia”. Aclarou, ademais, que ese tema da débeda é unha conspiración contra el, que el era só un penitente que busca, como pode, algunha “comisión” para facer fronte ás súas obrigas fiscais.

Mais o que non sabían Espadas e Roa é unha cousa que despois descubriu o Apóstolo Santiago -personaxe senlleiro de Carlos Santiago-. Foi el mesmo, -confesou-, quen deu o sopro da débeda do alcalde. Para sacar de diante a ese "camisa nueva nefasto". Porque a súa torpeza é tan grande que ata lle fixo publicidade a un pallaso italiano -Leo Bassi- que se atreveu a ir á catedral e insultar ao Apóstolo na súa propia casa dicindo que alí estaba enterrado Prisciliano. A cuestión é, alén disto, que o Apóstolo ten xa desde hai uns meses un “babilónico cabreo”. Está triste desde que soubo que morrera Manuel Fraga. Moi preocupado porque “vienen los pijos de Nuevas Generaciones y nos desmantelan el caciquismo”, el mesmo pedíralle ao ex-presidente da Xunta -que ademais era inmortal desde Palomares- que se esquecese da morte.

Pero leváronllo a traizón, e aínda máis: Pedro aseguroulle que a alma do ex-ministro non ía descansar no ceo polo seu pecado acumulado na ditadura e despois. Malia as protestas de Santiago, que lembrou que Franco tiña máis penitencia e conseguira entrar, non houbo maneira, pois seica Deus anda moi recto coas normas desde o dos nenos e os sacerdotes e outros problemas. Entón o Apóstolo decidiu apoiar a salvación da alma de Fraga promovendo a aclamación popular. E diso vén o seu cabreo. No acto que lle preparou produciuse o “espectáculo bochornoso” da presenza de só uns poucos centos de fieis. Ata tivo que pasar a vergoña de chamar a El Correo Gallego  -”la verdad revelada”, para "manipular" a cifra real de asistentes ao acto.

Pero houbo moito máis na Ultranoite. Rajoy -Manolo Cortés-, co seu recorte con fondo azul e de gaivota, advertiulles aos rojos de que estaban jodidos e cantou Soy pepero, fermosa versión do Soy minero de Antonio Molina. O dúo Os San Caetanos convidou a Fasero, o director de Agadic, a traballar en precario e sen branca -alusión dobre aos recortes e ao cese de Branca Cendán como directora do CDG- como fan os do teatro. Os da Ría expresaron a súa solidariedade coa Infanta Elena nestes momentos tan difíciles e a vedette Iria Pinheiro lembrou as débedas de Agadic co teatro acumuladas desde o 2010, ademais da cantidade millonaria que Björk cobrará por cantar no Gaiás. E Breaking News from Galiza, -con Iria Pinheiro e Monti Castiñeiras-, sinalou a confusión da xestión pública coa apertura de franquicias de empresas, entre outras cuestións.

A vida de Brais estilo Monty Python, unha parodia de Chévere sobre as divisións internas do BNG

Houbo ao longo da noite varias alusións ao alcalde de Teo, Martiño Noriega. Unha delas, en A vida de Brais estilo Monty Python, unha parodia de Chévere sobre as divisións internas do BNG. Xa dixera antes o Apóstolo Santiago que eran tan separatistas que ata se separaban entre eles. E con tal confusión de siglas que permanecen ou marcharon do BNG, acabaron trabucándose ao chamarlle disidente a Aymerich ou á UPG. Propuxeron, ademais, crear unha nova corrente: a Unidade do Pobo Galego. 

Rematou a Ultranoite cunha versión do Bella Ciao interpretada por todos os artistas que antes saíran ao escenario, que repasou as consecuencias do goberno da dereita: recortes, reforma laboral, cambios na lei do aborto ou na lexislación sobre o matrimonio homosexual, fin das obras sociais e do modelo das caixas de aforro públicas, ou mesmo da lingua e a cultura galegas. “Dilles, ciao, ciao, ciao”.

Carlos Santiago fala coa voz do Apóstolo Santiago na Ultranoite de Teo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.