0 Gardados para despois

“O xénero experimental é tan vello coma o cinema. Foron as salas comerciais as que se afastaron del”

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


Que Marcos Nine estea a presentar o seu filme La Brecha no Festival Internacional de Cine Independente de Bos Aires (BACIFI) é unha proba máis de que o Novo Cinema Galego non é só unha etiqueta, senón unha realidade que está a dar os seus froitos. E aínda máis. É un síntoma de que o cine experimental atopou o seu espazo no noso país. “O que está a pasar é que, por unha vez na historia, non chegamos con retraso, senón ao mesmo tempo que os demais, con autores de éxito internacional como Óliver Laxe ou Xurxo Chirro”, salienta o crítico Martin Pawley.

A experimentación é un dos piares do traballo de Chirro, Alberte Pagán ou Lois Patiño. E o seu ronsel é tamén visible nalgunhas obras de Ángel Santos, Susana Rei ou Xacio Baño. Tampouco propostas anteriores de Marcos Nine, como Aaron ou Manuscritos Pompeianos eran totalmente alleas a esta influencia. "La Brecha é o máis experimental que fixen na medida en que aquí si que existe unha intención deliberada de destruír a narración convencional, aínda que en canto á estrutura paréceme un filme bastante clásico. O que ten que ver con traballos anteriores non é tanto o compoñente experimental, senón o uso de determinados materiais que teñen que ver co gráfico e o estático. Habitualmente pensamos no cine como imaxes en movemento e Manuscritos está feito case integramente con fotos de graffitis. En Aaron xa empregara unha importante base de fotos para narrar. Despois fixen Radiografía dun autor de tebeos que nunha gran parte está feita con páxinas de cómic, e agora La Brecha con filminas. Interésame iso, materiais que a priori non son cinematográficos e facer películas con eles”, explica por correo electrónico desde Bos Aires.

La Brecha procurou unha vía de expresión incontrolable para o autor, libre das rutinas do profesional, da “prisión do oficio”. “En primeiro lugar comecei sorteando posibles contidos da película para destruír a orde, e que o guión fose arbitrario. Despois mercamos material de 16mm de filmes educativos, publicitarios ou industriais e eu debía explicar os conceptos que inspiraron o proxecto sen coñecer o material co que contaba para facelo. E finalmente están os resultados do traballo de taller que son totalmente abstractos. Detrás de todo isto hai un proceso de maduración mental no que te dedicas a reflexionar sobre ti mesmo e sobre cales son os porqués de que realices un tipo de traballos e non outros. Reflexións sobre a educación, o medo ó fracaso, a non ser entendido polo público...”, subliña Nine.

 

O cinema experimental son "películas artesanais (non por iso menos acabadas), feitas fóra dos círculos comerciais ou de subvencións, que se desenvolven nos límites das normas expresivas e estéticas"

A longa traxectoria de Pagán

Mais se temos, en Galiza, un experto na materia, sen dúbida é Alberte Pagán. “A tradición do cinema experimental é tan vella como o propio cinema. Foron as salas comerciais as que se afastaron dela. Eu só fago o cine que me gusta”, asegura. No seu libro Introdución aos clásicos do cinema experimental 1945-1990 defíneo como “películas artesanais (non por iso menos acabadas), feitas fóra dos círculos comerciais ou de subvencións, que se desenvolven nos límites das normas expresivas e estéticas".

Polo seu mesmo carácter vangardista o que en certo momento resulta experimental e pouco asimilábel pola audiencia pode chegar a ser moeda de cambio tempo despois (hoxe a publicidade televisiva ou os vídeos musicais non son máis que cinema experimental aplicado). O cinema experimental, en grande medida, é un cinema anti-comercial: nun senso básico, non busca o beneficio económico; non se distribúe en salas comerciais; a nivel expresivo é un cinema que reacciona ante as normas cinematográficas establecidas (o Modo de representación institucional). Nese sentido, é un cinema non narrativo ou mesmo anti-narrativo”.

Pagán presentou na última edición de Cineuropa A Pedra do Lobo, que pode considerarse o seu primeiro filme de ficción. “Non é unha película superrealista, aínda que utiliza algún dos mecanismos dos superrealistas: a escritura automática (léase “improvisación”), a xustaposición de elementos dispares para criar unha nova entidade (léase “montaxe”), a inspiración onírica (algún dos textos recitados nacen directamente de soños dos seus protagonistas).

Pagán presentou na última edición de Cineuropa A Pedra do Lobo, que pode considerarse o seu primeiro filme de ficción

Seguindo as leccións de Larry Jordan (quen en Sophie’s Place crea unha serie de planos non para ilustrar unha narración, senón para que a narración, o relato, xurda desa montaxe de planos en principio inconexos) e de José María Zabala (quen fai algo semellante en Axut, buscando romper a continuidade narrativa entre un plano e o seguinte), intentei producir unha serie de planos e imaxes inconexos, desvinculados entre si, coa esperanza de que a mera xustaposición deles provoque o relato, a historia”, comenta el mesmo na ficha do filme na web da Axencia Audiovisual Galega.

E a historia que así lle saíu -engade- ten que ver coas relacións de parella ou coa emigración e a volta á terra anos despois. Apunta ademais que “A Pedra do Lobo nace de Eclipse”,  -curta sobre as transformacións que o paso do tempo produce nunha árbore-, e non é a súa última creación. Pois despois dela viñeron outras dúas. Unha é A quem se lhe conte, montada con vellas imaxes do desastre do Prestige, con son ambiente. A outra é Película urgente por Palestina. Xa sinala el no seu libro que "o cinema experimental é politicamente subversivo porque cuestiona os modos de representación do poder”. E así o mostra a súa propia traxectoria. Película urgente por Palestina amosa conexións, neste sentido, con obras anteriores súas como Os Waslala, sobre labregos e labregas do norte de Nicaragua, sandinistas perseguidos pola Contra e pola ReContra, ou Asahra Hurratun!, ollar oblicuo ao conflito do Sahara.

Película urgente por Palestina está gravada cámara en man. Planos móbiles e con pouca distancia, ao contrario de Asahra Hurratun!. Son imaxes de Palestina, de Ramala, de Hebrón, de asentamentos xudeus no medio de Hebrón, da manifestación semanal, de rapaces que tiran pedras e soldados que responden con granadas lacrimóxenas... A quem se lhe conte é unha pintada que atopei nunha parede. E ten algo de reflexión sobre a paisaxe como depositaria da historia: as pegadas da historia na pedra..., e un fondo político e social. O petróleo como algo que estraga a paisaxe, e como gasolina, representada con planos de estradas con moito tráfico. Ao chegar á metade, repítense as mesmas imaxes pero invertidas”, subliña.

 

Lois Patiño e a paisaxe

A paisaxe é un dos eixes de referencia da obra de Lois Patiño. A relación entre o observador e o observado, entre espazo e figura humana, alicerzan os seus filmes Paisaxe interior, Paisaxe-duración ou Paisaxe-distancia. Na vibración da terra, que foi proxectada  na última edición de Cineuropa, é un percorrido por unha paisaxe orixinaria: volcáns, fervenzas... previos á humanidade e animados por unha vida propia que as persoas, superadas pola contorna e olladas desde a distancia, só poden contemplar. O autor, que se encontra estes días en Islandia traballando nun dos seus novos proxectos, aproxímase ao espazo da Costa da Morte na súa última película, na que se insire Ecos del bosque, reflexión sobre a transformación da paisaxe pola acción humana. A relación entre persoa e contorna natural volve ser piar deste filme, que se achega tamén ás historias e lendas do lugar.  

“As últimas obras de Lois Patiño teñen conexións coa de autores que actualmente traballan arredor da paisaxe coma Peter Hutton ou Sharon Lockhart, ou co Study Center de Harvard: un cinema antropolóxico..."

“As últimas obras de Lois Patiño teñen conexións coa de autores que actualmente traballan arredor da paisaxe coma Peter Hutton ou Sharon Lockhart, ou co Study Center de Harvard: un cinema antropolóxico.... En Costa da Morte teñen moito peso o son, o diálogo: as conversas entre os veciños: nunha falan sobre o Monte Pindo... Son planos de gran campo, tomados desde a distancia, combinados con esas voces máis íntimas, como se as persoas que falan estivesen xusto aí ao lado. Así, é menos contemplativa que outras obras anteriores del arredor da paisaxe”, explica Martin Pawley.

La Brecha

La Brecha, de Marcos Nine

©

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

"Agora vivir na periferia xa non é unha escusa"

Na historia do cinema galego o experimental foi un xénero ata agora pouco desenvolvido. O profesor de Historia do Cine na Universidade de Santiago Xosé Nogueira sinala os que poderían considerarse os pioneiros: Eugenio Granell e Carlos Velo. “Aínda que os filmes que fixo Granell, que estudou Alberte Pagán, tampouco saíron no seu tempo do ámbito privado. Filmounos para el, e só despois se coñeceron. Outro precedente podería ser Infinitos, de Carlos Velo, que non se conserva, e levaba música de Rodolfo Halffter.

Fíxoa co produtor Fernando Mantilla, a partir dunha idea do escritor simbolista Maurice Maeterlinck. Despois xa teriamos que ir ata os 70 ou 80. Algunha cousa que fixeron Manuel Romón ou Antón Reixa vinculada a Rompente, Veneno Puro de Xavier Villaverde...”. Segundo Pawley, “é certo que é algo que nos faltaba no cinema galego, pero é que temos pouca tradición de cinema, entón faltábanos case todo”. Xurxo Chirro menciona tamén a videocreación de José Ernesto Díaz-Noriega como precedente posible, no seo do cine afeccionado.

“A chegada da banda ancha foi decisiva. Porque películas das que antes só tiñas referencias de oídas, ou que só coñecías polos libros ou polas revistas, agora podes velas. Entón vivir aquí na periferia xa non é unha escusa"

E, se o cinema experimental xermolou nos últimos anos, foi ao ver de Xurxo Chirro debido a diversas circunstancias. “A chegada da banda ancha foi decisiva. Porque películas das que antes só tiñas referencias de oídas, ou que só coñecías polos libros ou polas revistas, agora podes velas. Entón vivir aquí na periferia xa non é unha escusa. Ademais hai unha realidade que está aí, que é que non temos grandes equipos de produción nin moitos cartos. Eu sempre digo que antes se deseñaba primeiro a casa e despois buscábase o solar. E agora buscamos primeiro o solar e despois miramos a casa que pode ser máis acaída”, indicou.

Para a súa tan premiada Vikingland Xurxo Chirro tampouco precisou gravar imaxes

Co cinema feito con poucos recursos ten moito que ver a súa curta 13 pozas, homenaxe a 13 Lagos de James Benning. Para a súa tan premiada Vikingland tampouco precisou gravar imaxes. Aproveitou vinte horas de gravación caseira realizada polo mariñeiro Luís Lomba, O Haia, na travesía entre a cidade danesa de Rømø e a illa alemá de Sylt. Recuperou esta filmación e tratou de reinterpretala, a través da montaxe, a partir da literatura: Josehp Conrad, B. Traven, Kensi Kobayashi, Manuel Antonio e, sobre todo, Moby Dick de Herman Melville. “A película ten tres niveis de lectura. Primeiro, o que o mariñeiro gravou. Despois camiña máis cara á abstracción, e co tratamento experimental acaba sendo unha metáfora sobre a fraxilidade da memoria”, subliñou.

Tamén se poden encaixar dentro do experimental outros traballos como o Fantasmas#1 de Ángel Santos, Cousas de Kulechov de Susana Rei, ou mesmo algúns filmes de Xacio Baño

Tamén se poden encaixar dentro do experimental outros traballos como o Fantasmas#1 de Ángel Santos, Cousas de Kulechov de Susana Rei, ou mesmo algúns filmes de Xacio Baño. “Anacos, por exemplo, conta algo común, pero faino dividindo a pantalla en partes, e logrando unha narración moi sintética”, sinala Chirro. Anacos é unha evolución da curta anterior de Baño Estereoscopía, coa súa narrativa elíptica. “Son cineastas que proban, arriscan, que é o que fan os bos cineastas”, salienta Pawley, que non esquece, tampouco, a linguaxe “vangardista” de Peque Varela.