Quen son os ananos?

Un momento da representación de 'O país dos ananos' © Matteo Bertolino

Quen son os ananos? Onde están? Onde está ese país poboado por persoas pequenas? Boas preguntas ás que Chévere busca responder no seu último espectáculo, que este venres estrea en Pontevedra, ás 21 horas no Pazo da Cultura. "A diferenza de Gulliver, nós non tivemos que coller ningún barco para chegar aí, tan só cruzar a porta da casa e mirar ao noso redor cun extra de curiosidade e distancia", destacan dende a compañía, que xa hai unhas semanas anticipaban nunha entrevista de Alberto Ramos que se trataba dun "intento de asumir a nosa derrota despois de vinte anos facendo escarnio da actualidade na Ultranoite".

Porque esta Ultranoite no Pais dos Ananos supón tamén a celebración de vinte anos de ultranoites, esa "crónica de Galicia a través deste cabaré irreverente e perrallas". E para celebralo Chévere montou "un cabaré nihilista que bebe da obra de Celso Emilio e da de Jonathan Swift para facer un percorrido satírico por este paseo marítimo que chamamos Galicia". A obra será unha ultranoite de ultranoites, unha viaxe ao pasado e unha ollada cara ao futuro: "A nosa intención é percorrer esa historia recente" e avisa que "non podemos facer de novo o gag orixinal, hai que buscar unha nova perspectiva".

"A Galicia xacobea e a Ultranoite medraron en paralelo sen cruzar nunca os seus camiños" -destacan- "por unha chegaron cartos a chou, autovías, aeroportos, universidades, polígonos industriais, paseos marítimos, portos exteriores, auditorios, campañas publicitarias, fundacións de todo tipo e mesmo unha Cidade da Cultura que permanece en ruinas como símbolo dun país de ananos que quixo ser xigante. Mentres, a Ultranoite mergullouse en canles subterráneas onde o único alimento era o humor, a risa, a perrallada".

Ese país dos ananos "podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo enfermo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor"

Ese país dos ananos "podémolo chamar Galicia se queremos. Un lugar definido polo despilfarro do presente, o cinismo enfermo das clases dirixentes e o fin da esperanza nun futuro mellor". Dende Chévere sinalan que "somos honestos, non nos gusta nada como se fixeron as cousas, estamos convencidos de que se poderían ter feito mellor de calquera outra maneira só cun chisco de xenerosidade e honradez e tal e como están as cousas non confiamos en absoluto que isto teña amaño. Só un cheiro satírico pode facer respirable unha democracia tan fedorenta".

Veñen de abrir, ademais, un microsite dedicado á obra e que forma parte dela, no que irán amosando imaxes, vídeos, e no que irán expliando algúns dos conceptos que aparecerán do espectáculo. Esta web servirá, así mesmo, para establecer un diálogo cos espectadores da obra, e un espazo no que a obra e o concepto dos ananos se desenvolverán con vida propia.

De momento, xa podemos ver a Patricia de Lorenzo falando dos "gustos musicais" dos ananos (calquera, pero cun volume alto moi alto, "se se escoita noutra provincia, mellor"). Manuel Cortés coméntanos, pola súa banda, a relación que os ananos establecen coa comida, "ante todo cantidade, e se é en grupo, tanto mellor". O propio Cortés que, lesionado, non poderá actuar na obra, revela neste blog o estrés do banquiño: "Desde a suplencia, a tensión roza o umbral do insoportable. Os doutores recomendaron repouso e moita paciencia. A eles os quería ver eu chupando banquiño". 

 

De Pontevedra a Teo

Despois da representación deste venres en Pontevedra, a obra viaxará a Teo, sede da compañía. Alí, no CSC A Ramallosa, poderá verse durantes tres semanas a partir da súa estrea o vindeiro 25 de abril. As función, os días 25, 26 e 30 de abril e o 1, 2, 3, 9 e 10 de maio, comezarán ás 23 horas. As entradas están xa á venda en redenasa.tv, así como nos bares A Santa Sede (A Ramallosa), A Senra (Pontevea), A Capilla (Calo) e napanadería San José (Cacheiras). En Santiago, pódense mercar no café M*, na rúa Fonte de Santo Antonio. Ademais, a compañía ofrece un servizo de Ultrabuses para os que veñan dende Compostela e non queiran coller o coche.

 

E ti, que contas dos ananos?

Dende Chévere quérese que esta obra se constrúa colectivamente, que mude cada día e en cada función, e que viva e creza máis aló das táboas dos auditorios. O microsite funcionará como teatro as 24 horas do día, e tamén as redes sociais, nos que xe se está empregando o hashtag  #viaxeaopaísdosananos para contar cousas sobre ese país, retratado a medio camiño entre Jonathan Swift e Celso Emilio Ferreiro, "dous autores emparentados polo seu mal humor e un lirismo tan afiado como insultante". Daquela, quen son os ananos?

Outro momento de 'O país dos ananos' © Matteo Bertolino
O elenco de 'O país dos ananos' © Matteo Bertolino
Os ananos, retratados por Chévere © Matteo Bertolino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.