0 Gardados para despois

Unha curmá de Feijóo acaba co legado de Benito Losada na Casa da Xuventude

M. Carballada | @marcos_sueiro


A Casa da Xuventude de Ourense vive a súa época máis difícil tralo pasamento do seu director, o galeguista Benito Losada, por mor da reorientación que os responsables da consellería de Traballo e Benestar implantaron coincidindo coa desaparición de Losada.

Tras 32 anos de existencia e ser a segunda máis antiga do Estado, despois da de Pamplona, A Casa ten unha nova directora que está implantando unha novo modelo á marxe do sistema de coxestión polo que se viña rexendo dende a Transición política.

O presidente Lalo Gómez Rosales, nomeado en época de Losada polos socios, non recoñece a institución que preside que “ata lle cambiaron o nome polo de Espazo Xove” e asegura que “a pesar de que nos puxemos en contacto coa Xefatura Territorial e lle levamos os estatutos polos que nos viñamos rexendo que contemplan unha participación do movemento asociativo e cultural ao mesmo nivel que a Administración non recibimos unha resposta clara”. É máis, segundo relatou Lalo Gómez a Praza Publica, o xefe territorial, José Selas, aclaroulles que “non sabía, que non tiña ningunha alternativa” e engadiu “do mesmo xeito que vós tardastes un tempo en redactar os estatutos eu necesito un tempo para estudalos”. O actual presidente, sen funcións, trala implantación do novo sistema de goberno só sacou en claro “que temos que esperar ao que mande a nova directora que é unha persoa da máxima confianza do Xefe Territorial”.

Sen comunicación oficial ao persoal

Daquela, funcionarios e funcionarias e socios da Casa están pendentes das decisións de Mercedes Valeiras, sucesora do finado Benito Losada dende o verán de 2011. Segundo puído saber Praza, a actual responsable accedeu á dirección a través dun concurso público aberto o 23 de xuño 2011, un ano e sete meses despois de que Losada pedise a baixa por enfermidade.
A Xunta comunicou aos funcionarios a apertura do proceso a través dunha carta cun prazo para presentar candidaturas de 5 días dende a data da recepción do oficio. Fontes da Casa aseguraron que “en ningún momento houbo listas públicas para saber os que estaban interesados en ocupar o posto  e para coñecer a lista de candidatos, ou polo menos nos non as vimos”. Finalmente, o posto foi para Valeiras, antiga directora do Centro de Menores de Montealegre e familiar do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, (a nai do presidente e a nai de Mercedes Valeiras son curmás).  Segundo diversas testemuñas, foi ela mesma a que se presentou nas instalacións dicindo que era a nova directora, sen mediar ningunha comunicación oficial aos traballadores.

A carreira da nova responsable no seu novo destino vén precedida pola polémica ao ser denunciada, segundo confirmaron fontes do sindicato CIG, pola súa xestión en Montealegre (centro destinado a menores con problemas de adaptación e integración social) perante a  Fiscalía de Ourense polos recortes orzamentarios aos que someteu a entidade educativa durante o seu mandato.
Ao marxe da súa xestión anterior, os funcionarios e representantes do tecido cultural e asociativo de Ourense, manifestaron a este diario electrónico que “esta señora foi responsable dun centro de menores e nunca tivo relación cos adolescentes nin coa dinamización cultural”. De feito comentan que a súa primeira decisión foi cambiar as pechaduras das portas e a súa achega a día de hoxe “comprar un futbolín para o tempo de lecer”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Control da Xunta sobre as visitas

O presidente da Casa, Lalo Gómez, entende que “durante este tempo perdemos peso e posición como referencia cultural na cidade e no país  porque se deixaron de facer actividades como recentemente un torneo aberto de xadrez de carácter internacional”. Tamén atravesaron por dificultades a Bienal do Comic, como recoñeceron os seus propios organizadores, e certames como o Outono Fotográfico ou o Maio Xove, que finalmente puideron ser rescatados.

Outras decisións polémicas son a referidas a supresión da páxina web ou a prohibición de celebrar determinadas conferencias nas salas da Casa da Xuventude. Neste sentido, Lalo Gómez, apunta que “durante estes anos e como se pode comprobar no histórico estivo dende Fraga a todos os alcaldes de Ourense”. Un dos casos más significativos foi a visita da daquela, secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, quen acudiu en representación do Goberno do Estado a pronunciar unha conferencia.  Trala celebración do acto, o Xefe Terrtiorial, que segue a exercer un control persoalísimo, involucrouse no asunto  esixindo explicacións  sobre que ocorrera. Tamén o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez,  reclamou aos funcionarios o dereito a saber o que pasaba e a quen se convidaba.

De momento están a salvo das decisións da nova dirección o Outono Fotográfico e a Bienal de Banda Deseñada que terán o pulo da Fundación Benito Losada, impulsada por intelectuais e artistas, para manter a memoria e o legado do fundador.