Denuncian os "intereses espurios" tras o cambio de usos do Castelo de Monterrei

Castelo de Monterrei © Xacobeo

O BOE publicaba o pasado sábado a "ampliación do destino previsto na cesión á Xunta de Galicia" do Castelo de Monterrei co obxectivo de “poder dedicar o inmoble, ademais de aos usos establecidos, á promoción do turismo a través de actuacións concertadas coa administración turística estatal (Turespaña e Paradores de Turismo, SA)”. En 2010 o Estado central cedéralle gratuitamente á Xunta o monumento para o seu uso, especificamente, como "centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, e restauración e musealización dos edificios e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos". Os expertos e colectivos opostos ao proxecto de construción dun hotel de luxo no seu interior levaban meses sinalando que as condicións da cesión impedían o uso hoteleiro e ilegalizaban o proxecto. Así pois, o Goberno central viuse obrigado a modificar a súa propia orde ministerial, cambiando (cinco anos despois) os usos permitidos para o inmoble cedido.

O Goberno central viuse obrigado a modificar a súa propia orde ministerial, cambiando (cinco anos despois) os usos permitidos para o inmoble cedido

A Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei considera que este cambio é "a culminación dun proceso antidemocrático que comezou cando, sen previo aviso, sen figurar en ningún programa electoral, decídese cambiar o destino das obras de rehabilitación para uso cultural pola construción dun hotel usando de forma fraudulenta fondos FEDER, dando permisos de Patrimonio e licenza de obras por parte do Concello de Monterrei sen ter modificado antes a norma superior, e sen informar á cidadanía das razóns e conveniencia desa ocorrencia". O colectivo sinala que "a ampliación de uso era previsible", pero non "a forma en que se fai, sen precedentes, nunha vulgar manobra máis propia de xogadores tramposos que de representantes dos intereses dos cidadáns".

O colectivo sinala que "a ampliación de uso era previsible", pero non "a forma en que se fai, sen precedentes, nunha vulgar manobra máis propia de xogadores tramposos que de representantes dos intereses dos cidadáns"

A entidade destaca a valoración realizada sobre este feito por Ramón García Gómez, profesor de dereito na Universidade de Salamanca e experto en temas patrimoniais, que afirma que "estamos a asistir non só a un despropósito desde o punto de vista cultural e histórico, cun desprezo nada disimulado da opinión da cidadanía (claramente manifestada), senón ante un verdadeiro despropósito na que a seguridade xurídica foi consciente e dolosamente pisada en clara agresión á lexislación que debe informar e dirixir o destino dun Ben de Interese Cultural". O profesar chama a atención sobre as "formas e métodos" empregados, "impropios dun modelo democrático", que "non poden nin deben ser aceptados, nin desde unha óptica moral nin desde ningún prisma xurídico". Ramón García Gómez conclúe que "está máis que claro que existen outros intereses (excesivamente espurios) que carecen de calquera xustificación posible".

"Está máis que claro que existen outros intereses (excesivamente espurios) que carecen de calquera xustificación posible"

Para a Plataforma "nada cambia", e só "aumenta o estupor ante a incapacidade e atrevemento dos nosos gobernantes". Subliñan que "seguiremos mobilizándonos e denunciando o desleixo da Administración, o malgasto de fondos públicos con fins privados e os estragos que as obras están ocasionando no monumento, ata garantir o uso público e cultural do mellor castelo de Galicia, patrimonio común que todo o mundo ten dereito a gozar".

Castelo de Monterrei © Xacobeo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.