En galego... Festa Rachada!

Captura de pantalla do vídeo © A Mesa pola Normalización Lingüística

A Mesa pola Normalización Lingüistica vén de lanzar unha campaña pola promoción da música en galego nas festas, a través do vídeo En galego... Festa rachada!No vídeo participan distintos artistas, como Leo F. Campos, Caxade, Mini e Mero ou Xurxo Souto, que dan lectura a un texto que, tras denunciar que "en moitos ámbitos, o galego non é visíbel" e que "persisten os prexuízos de que o galego non serve para as cousas importantes, para o que ten unha dimensión social, para o público" fai un chamamento a escoitar e "ir de troula" este verán con música cantada na lingua propia de Galicia.

 

"En galego... Festa Rachada!"

"Persisten os prexuízos de que o galego  non serve para as cousas importantes, para o que ten unha dimensión social, para o público"

"O galego é a lingua propia de Galiza . Porén, en moitos ámbitos, o galego non é visíbel. Persisten os prexuízos de que o galego  non serve para as cousas importantes, para o que ten unha dimensión social, para o público. Mantense a vinculación do galego ao atraso, tamén aos ámbitos informais. Hai quen pensa que o galego está ben para o falar na casa, cos amigos e amigas mais non ten o prestixio suficiente para o empregar na administración, nos medios de comunicación, no ensino... e tampouco na festa. 

U-lo galego nas festas? A nosa lingua non está presente en moitas  festas que hai no noso país ao longo de todo o ano. A presenza da música en galego é anecdótica, unha ou dúas pezas para contentar o público máis nostálxico... O emprego do galego é algo folclórico. Mesmo ante un público galegofalante non usan a nosa lingua ou esta é obxecto de burla. No verán estamos expostos e expostas á música española de moda. Non temos cancións galegas do verán. Isto non é normal!

"A música galega está viva. Podemos escoller entre centos de grupos que usan a nosa lingua. Podemos escoller o estilo do que máis gustemos"

A música galega está viva. Podemos escoller entre centos de grupos que usan a nosa lingua. Podemos escoller o estilo do que máis gustemos: pop, rock, indie, blues, electrónica, heavy, rap,  jazz, clásica,  punk, reggae...ahhhh!!!, e tamén, folk.

Podemos rir, chorar, pensar, relaxarnos, desconectar, correr, bailar, ligar ou ir de troula coa música galega. A música en galego chega ao corazón, emociona; é parte da nosa historia, da nosa identidade; non nos deixa indiferentes. É tradición, é parte de nós. Compartimos cancións varias xeracións. As nosas nais, avoas, os nosos pais, avós e demais parentes  transmitíronnos este patrimonio musical que nos alegra o ouvido e a vida.

"Non queremos música casposa, nin discursos homófobos e sexistas nas festas"

Queremos máis festas como os festivais de Pardiñas, como o Revenidas, como o Intercéltico de Moaña, como a Festa da poesía, como o Irmandiño de Moeche, como o Lugnasad, como o Castañazo Rock, como a Festa da Carballeira... Non queremos música casposa, nin discursos homófobos e sexistas nas festas. Gustamos da festa rachada, de ir de troula, de esmorga, de ruada e,  sobre todo, de ir de festa coa música galega".

 

Verbena Galega

Verbena Galega, este venres en Oleiros e o sábado en Pontevedra, é un exemplo de iniciativa a prol da música en galego

Verbena Galega, este venres en Oleiros e o sábado en Pontevedra, é un exemplo de iniciativa a prol da música en galego. É un proxecto de Culturactiva SCG para "galeguizar" as festas. Trátase dunha revisión do que é actualmente o concepto de verbena tratando de reinventalo e de actualizalo. En total son 5 horas de música e baile co denominador común do idioma galego e da esencia da festa tradicional e moderna a un tempo. As actuacións musicais divídense en 2 pases (un de cada grupo) coa posibilidade da intervención dun grupo de animación antes da sesión musical e/ou no intermedio e un picadiscos como peche das actuacións para que a festa nunca remate.

A programación pódese completar con: Presentador: Un persoeiro coñecido poderá facer de mestre de cerimonias do espectáculo presentando aos grupos e facendo ás veces de pregoeiro, contando historias do pobo e da xente que nel vive. Espectáculo de circo/clown: Espectáculo de circo na rúa para todos os públicos. E Contacontos infantil: Actuación dun contacontos para nenos e nenas.

A Verbena estará este venres 25 en Mera (Oleiros) a partir das 22 horas, coas actuacións de Vaamonde, Lamas e Romero, Os Cempés e O Sonoro Maxín. O sábado 26 a cita é en Xeve (Pontevedra), con O Gordo e o Calvo (humoristas do Luar, como presentadores), Malvela, O Sonoro Maxín e Picadiscos Superbombo.

Captura de pantalla do vídeo © A Mesa pola Normalización Lingüística

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.