"Vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos"

Dorothé Schubarth, na Universidade de Vigo © http://tv.uvigo.es/

Este venres 15 de agosto unha romaría celebrará na Estrada o I Día das Galegas nas Letras, organizado pola plataforma de crítica literaria A Sega e dedicado a Dorothé Schubarth, compiladora do Cancioneiro Popular Galego. A festa terá lugar no Areal de Berres, "un espazo recuperado para a comunidade pola veciñanza", á beira do río Ulla (podedes consultar nesta ligazón como chegar ao lugar dende Compostela). Dende A Sega destácase que o obxectivo é que "a homenaxe a Dorothé sexa unha festa, unha romaría na que nos xuntemos, falemos, contemos e cantemos todas as persoas que queiramos saudar a dignidade da literatura de tradición oral e o labor silenciado de todas as cantadoras que lograron manter vivo até hoxe o acervo musical que nos alimenta".

Os actos comezarán ás 13.30 coa lectura do manifesto redactado para a celebración, titulado Aturuxo por Dolores Schubarth, para seguir cun xantar compartido, e a partir das 16 horas unha tarde de festa, coas intervencións de Paula Carballeira (contadora), Mercedes Peón (cantadora), Isabel Rei (guitarrista) e Habelas Hainas (pandeireteiras), ademais dun micro aberto "para todas aquelas persoas que queiran cantar, tocar ou contar". A actividade está aínda pendente de novas incorporacións.

"Vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do colectivo"

No Manifesto a plataforma de crítica literaria subliña que "vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do "colectivo". Ata que chegou ela. A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións". Conclúen que "quen hoxe escribimos debémoslles ter o noso nome propio, a nosa voz inscrita mesmo nas marxes da literatura a aquelas que cantaron antes. A aquelas que construíron o maior acervo literario de lingua galega: a lírica popular. Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da comunidade nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos".

 

Dorothé Schubarth

Levou a cabo un traballo que non só recuperou e organizou un número moi importante de composicións populares, senón que lle outorgou recoñecemento ás súas autoras e transmisoras

Esta é a primeira vez que se celebra este Día das Galegas nas Letras, unha conmemoración que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. E nesta ocasión celebra Dorothè Schubarth, que levou a cabo un traballo que non só recuperou e organizou un número moi importante de composicións populares, senón que lle outorgou recoñecemento ás súas autoras e transmisoras.

Dorothé Schubarth naceu en Basilea (Suíza) onde realizou estudos musicais, ampliados en Colonia e Múnich. Dende 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna. Dende este lugar desenvolveu uma intensa tarefa de pesquisa da música popular europea, dando especial atención á zona dos Balcáns e do Cáucaso, así como aos cancioneiros de Alemaña e Francia. En 1978 chegou a Galicia durante as súas vacacións, coa intención de coñecer a nosa música popular. A que ía ser unha breve estadía de descanso, deveu en anos de pesquisas, viaxes, entrevistas con informantes e centos de gravacións perfectamente conservadas.

En 1984, despois dun intenso traballo de recollida, da análise, clasificación e estudo dese material, foi publicado o Cancioneiro Popular Galego, en sete volumes, unha edición patrocinada pola Fundación Barrié. Hoxe en dia, esta obra é considerada a biblia da lírica de tradición oral galega, o mais amplo repertorio musical popular. Os musicólogos que até aquel momento fixeran estudos sobre a música popular, ficaran na superficie do traballo, realizando compilacións de cantigas. Pola contra, Schubart levou a cabo unha análise en profundidade das melodías, achegando uma proposta crítica de clasificación e propondo teorías sobre as orixes dos diferentes tipos. Ademais, foi a primeira que recoñeceu a importancia das informantes, sendo a primeira pesquisadora culta que recolleu os seus nomes. No Arquivo Sonoro de Galicia están conservados os 248 CD -copias dixitalizadas das gravacións orixinais- coas correspondentes transcricións.

Dorothé Schubarth, nunha das súas recollidas © A Sega
Dorothé Schubarth, na Universidade de Vigo © http://tv.uvigo.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.