"A estrea de 'Costa da Morte' sérveme para pechar unha etapa"

Lois Patiño © zeitunfilms

Non debería ser noticia que un filme se estrease nas salas de cine. Pero as limitacións da estrutura de distibución en España son as que son, moito máis para un filme galego dunha pequena produtora, e máis aínda se a súa fasquía é experimental e afastada dos cánones das pezas de ficción. É por iso que a chegada ás salas comerciais, a partir deste venres, de Costa da Morte é celebrada polos seus responsables como un triunfo, un máis que unir á ducia de galardóns recibidos pola película durante o último ano e medio, en festivais tan importantes coma Locarno, o mexicano Ficunam, o coreano Jeonju IFF ou o Festival Internacional de Sevilla (ademais do Mestre Mateo ou o Play-Doc).

Despois de percorrer medio mundo, en máis de 60 certames e de, por exemplo, ser vista por máis de 4.000 persoas durante oito semanas na Cineteca Nacional da Cidade de México, Costa da Morte pecha un ciclo chegando ás salas galegas e españolas e puidendo mesmo ser vista en Cee, na propia comarca que retratou. O filme poderá verse nos Cantones Cines da Coruña, Multicines Norte en Vigo, Cine Dúplex en Ferrol, Cines Xunqueira en Cee, en Cineteca Matadero (Madrid), Zumzeig Cinema (Barcelona), no Cine Albéniz (Málaga) e no IVAC (Valencia). En próximas datas sumaranse á listaxe outros espazos. A primeira proxección do 26 de setembro, ás 20:30 horas, en Cineteca Matadero de Madrid contará coa presenza do director Lois Patiño, quen manterá un encontro co público.

"Durante o período de presentacións en festivais é moi difícil traballar. Esta estrea sérveme a min mentalmente para pechar esta etapa e centrarme nos novos proxectos"

Patiño recoñece que "non contaba con facer a estrea". "Xurdiu a idea e a oportunidade, grazas a que hai unhas salas valentes na súa programación”, destaca, sinalando sobre todo a proxección en Cee, a que máis ilusión lle fai. O autor toma a estrea "como un pequeno regalo, agora que despois de máis dun ano se está pechando o circuíto de festivais e o ciclo natural da película xa rematou”. "É un bo peche, un broche”, conclúe, e unha oportunidade para desembarazarse deste proxecto e centrarse noutros: "Durante o período de presentacións en festivais é moi difícil traballar. Esta estrea sérveme a min mentalmente para pechar esta etapa e centrarme nos novos proxectos".

Entre estes proxectos inmediatos destaca unha exposición individual na Galería Solar, en Portugal, e dúas curtametraxes en fase inicial. Unha delas é unha codirección co director arxentino Matías Piñeiro, coproducida polo festival danés CPH:DOX. E a outra, gravada entre Galicia e o norte de Portugal, está producida polo festival de Vila do Conde. Ademais, Lois Patiño traballa xa con Zeitun Films nunha nova longametraxe, que tamén rodará en Galicia. Por último, ultima o lanzamento de Costa da Morte en DVD, un pack no se se incluirán outros traballos do director, coma Montaña en Sombra, A Imaxe Arde, Paisaxe Duración ou Paisaxe Distancia, entre outros. "Abranguerá toda a investigación que fixen ao redor da paisaxe", explica.

"A idea non era mostrar caras senón unha voz colectiva, si. Porque o relato da Costa da Morte non pertence ás persoas particulares, senón á paisaxe, á identidade da paisaxe", dicía nunha entrevista publicada en Praza o pasado mes de abril. Afirma que a paisaxe, elemento que nuclea boa parte da súa produción até o momento "sempre me acompañará, ségueme fascinando", pero agora confesa que "xa non será o centro de reflexión". "Ademais agora comezo a traballar con 16mm, o que me obriga a mudar a miña forma de filmar" -explica- "Antes gravaba con tomas longas, buscando o momento revelador da imaxe, e con 16mm teño que ser máis preciso. Agora estou máis interesado na experiencia temporal da imaxe, xogar coa inmobilidade, coa repetición...".

Afirma que a paisaxe, elemento que nuclea boa parte da súa produción até o momento "sempre me acompañará, ségueme fascinando", pero confesa que "xa non será o centro de reflexión"

Patiño amósase sorprendido pola "recepción positiva da película, que parece que conectou cun público moi amplo, alén do que adoita ver cinema experimental". "Supoño que as claves estiveron na paisaxe ou na humanidade que se desprende dalgúns diálogos, creo que iso é o que puido atraer este público", di. Conta que "evidentemente a recepción foi moi distinta en función da persoa e do lugar. A película viuse en Sri Lanka ou en Corea do Sur, cunha ollada que seguro é diferente. Os percebeiros e a súa actividade resultaban moi chocantes para moitas persoas". "Pero creo que a película trata algúns temas máis abertos, coma a relación da ser humano coa paisaxe ou a experiencia contemplativa, ou como se forxa a identidade cultural da paisaxe, a través das lendas. Creo que isto si é aplicable a moitas culturas e tamén conecta por ese camiño", conclúe.

Lois Patiño © zeitunfilms
Fotograma de Costa da Morte Dominio Público zeitunfilms
Fotograma de 'Costa da Morte' © zeitunfilms
Fotograma de 'Costa da Morte' © zeitunfilms

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.