Galicia, unha potencia en webseries

O equipo de Angelica&Roberta Dominio Público Praza Pública

As webseries están aquí para quedar. Internet (e sobre todo youtube) abriu unha fiestra na que amosar un feixe de historias pasando por riba de calquera obstáculo económico e de canles de distribución. En esencia unha webserie é un produto audiovisual seriado realizado para ser distribuído a través da rede (e nesa definición entraría mesmo House of Cards ou Orange is the new black), aínda que as máis delas son producións máis modestas, cun amplo abano que vai dende as creación amateur até outras historias que si contan cunha produción profesional e que escolleron (ás veces de forma obrigada) esta vía de difusión.

2012 e sobre todo 2013 foron os anos de explosión do fenómeno, aínda que houbo moitos exemplos previos, antes da palabra, mesmo en Galicia (por exemplo a telenovela Felisinda, realizada entre 2005 e 2006 por Superputa). Para mariñeiros nós (2009), Non saímos do lixo (2010) ou No te vuelvas portar mal (2011) tamén foron pioneiras. E no campo das webseries Galicia é unha potencia. Angelica & Roberta, El viudo quiere mimos ou Joke Business levan xa máis dun ano na rede, con cifras de espectadores realmente notables: só en youtube o primeiro capítulo de Angelica & Roberta supera as 14 mil reproducións, e o de El viudo quiere mimos rolda as sete mil.

Pero hai máis: sobre todo entre os últimos meses de 2013 e o presente ano 2014 xurdiron moitas máis series galegas: P.I.B., Vigópolis, De volta ó rural, El QuidFameEntre PipasConversas con CunqueiroLitost/CatarsisTe Quiero Pero, Mírame cuando te habloClases de lo Social ou Artemia. E o movemento non para. Cada mes xorden novos títulos e, aínda que moitas destas obras teñen unha existencia fugaz, outras xa estrearon ou van estrear unha segunda tempada.

"O complicado das webseries e mantelas no tempo. Sacar adiante unha primeira temporada é difícil, unha segunda un logro, e unha terceira unha fazaña"

Para Pablo Cacheda (director de Clases de lo Social, que estrea a súa segunda tempada o vindeiro 10 de outubro), "o complicado das webseries e mantelas no tempo. Sacar adiante unha primeira temporada é difícil, unha segunda un logro, e unha terceira unha fazaña. Non penso que haxa teito, pero hai un dato curioso que é que en normalmente as webseries a partir da terceira temporada, alcanzan máis fans. A clave é a constancia e non ter presa".

Máis aló de facer virtude da necesidade de aproveitar a liberdade e a gratuidade de Internet para a distribución, Cacheda defende que "as webserie son un xénero en si mesmo, xa que hai grandes proxectos de diferentes tipos, animación, comedia, drama, terror... con resultados moi bos". Porén, recoñece que no seu caso o paso á webserie foi a forma de darlle continuidade a unha curtametraxe realizada previamente e, a nivel persoal, "a oportunidade de empezar a dirixir ficción de forma máis seria nun proxecto con saida real e moito feedback de público para poder aprender dos erros, algo impensable de poder facer en formatos convencionais".

Para Anxos Fazáns, guionista e directora de Fame, aínda que moitas webseries “nacen da necesidade”, co paso do tempo as webseries “van gañando forma, afianzándose como un novo formato con características propias”. Fazáns destaca, sobre todo, “a liberdade” pois “non hai limitacións temáticas, de tempo, estéticas... os límites márcaos cada un”

Os creadores de El Viudo quiere Mimos explican que "o boom das series que chegou aquí grazas ás canles de TV por cable de EE.UU fixo que moitos, que quizáis antes contaban as súas historias en fanzines ou curtas, pensasen no formato seriado e na distribución por internet" e defenden que o fenómeno seguirá medrando, pois "o consumo de cultura pasa por internet (xa sexa de series, de películas, de música e ata de libros e cómics)". Ademais, reivindican a utilidade das webseries en si mesmas, máis aló das facilidades que ofrece o soporte: "sempre quixemos facer ficción seriada e un tipo de humor moi determinado. A ficción seriada tiña cabida noutros soportes máis tradicionais (a TV) pero o tipo de humor non". Conclúen que "o que conta é contar historias dunha determinada maneira. O soporte é circunstancial".

"Sempre quixemos facer ficción seriada e un tipo de humor moi determinado. A ficción seriada tiña cabida noutros soportes máis tradicionais (a TV) pero o tipo de humor non"

Galicia foi tamén pioneira na organización dun festival dedicado en exclusiva ás webseries, como foi o pasado mes de abril o Carballo Interplay, que foi sucedido por outros certames, coma o Festival Español de Webseries (FEW), celebrado en xuño en Madrid. Tamén os Premios Mestre Mateo, dende hai xa dúas edicións, incorporan o galardón á mellor webserie, gañado en 2013 por Angelica&Roberta (en competición con Entre Pipas, Joke Business e Te Quiero, Pero) e en 2014 por Entre Pipas (superando a Joke Business, El Quid e Canillejas).

 

Financiamento e difusión

"Ao non haber unha fórmula nin un camiño marcado para ter éxito, unha vez máis a clave está na constancia e en observar, aprender e adaptarse"

E como se financia unha webserie que se distribúe de balde en Internet? Ou os seus autores e equipos só buscan visibilidade e distribución? Algúns si, pero na mente de moitos outros e outras está facer da súa webserie un modelo viable de negocio. Hai axudas das administracións, pero moi cativas. Moitos recorren ao crowdfunding, o financiamento en función das achegas particulares de todas aquelas persoas que queiran apoiar o proxecto. Outros ao merchandising, coma o equipo de Angelica&Roberta. E outros fan chamamentos á inserción de publicidade, baixo fórmulas de patrocinio ou product placement, por exemplo en Entre Pipas. E outros contan con algún apoio insitucional máis forte, como é o caso de Vigópolis e o Concello de Vigo.

Pablo Cacheda explica que "o problema principal das webseries é a falta dun cliente final, como son as canles autonómicas no caso de Galicia ou as canles privadas. Isto fai que arrancar os proxectos sexa difícil". No caso de Clases de lo Social, relata, "conseguimos implicar en forma de micromecenado a moito comercio e hostalería local de varias cidades galegas e conseguimos ademáis implicar aos concellos de Pontevedra e Santiago. Todo isto co fin de cubrir gastos e poder pagar máximo posible aos equipos". Ademais, engade, "cando tes a webserie en internet ábrense varios campos como son a obtención de recursos económicos coa publicidade de Youtube, ou diferentes plataformas e canles online que envían ofertas para ter a túa webserie a cambio de opcións interesantes". "Ao non haber unha fórmula nin un camiño marcado para ter éxito, unha vez máis a clave está na constancia e en observar, aprender e adaptarse", conclúe.

Para os creadores de El viudo quiere mimos, a mellor fórmula de financiamento pasa polos "patrocinios ou branded content, incorporando imaxes e marcas aos seus produtos". Porén, sinalan que "o que leva a parte máis grande da tarta é o exhibidor, Youtube" e que "vivir da porcentaxe que Youtube lle dá ao creador é impensable se tes un mínimo de equipo detrás dunha webserie". No seu caso buscan cubrir os gastos "montando unhas festas na estrea dos capítulos, uns cartos que por desgraza non cubren nin de lonxe os soldos dos que participan na webserie. E iso nunca é agradable". Anxos Fazáns, destaca que hai moitas vías para obter cartos que poidan cubrir os gastos inmediatos da produción, pero "o que é moito máis complexo é sacar beneficio económico", polo que "a maior parte de creadores de webseries teñen outros traballos e proxectos que desenvolven paralelamente e que son o que lles dá de comer".

"Estar presentes e activos nas redes é básico e pode supoñer o éxito ou o fracaso dunha webserie"

O gran espazo de difusión e promoción das webseries son as redes sociais e o boca-orella (aínda que como ben lembran dende El viudo quiere mimos, a meirande parte do boca-orella actual faise a través das redes sociais). "Estar presentes e activos nas redes é básico e pode supoñer o éxito ou o fracaso dunha webserie", destacan a este respecto. Durante un tempo funcionou Petitsodios, un portal de weseries galegas, que periodicamente ía actualizando os últimos capítulos das distintas producións. Porén, está inactivo dende maio do pasado ano.

Para Anxos Fazáns, "sería moi interesante que existise un portal que recollese a produción de webseries en Galicia, xa que é unha das comunidades onde máis proxectos están a nacer". E tamén Pablo Cacheda cre que unha plataforma dese tipo, que organizase e dese visibilidade ás series galegas axudaría moito á súa difusión, aínda que sobre todo fai fincapé na necesidade de que a propia televisión convencional dedicase un espazo ás webseries: "non co fin de dar salto ningún á TV, senón para achegar os nosos productos a consumidores habituáis de TV aos que lles poida gustar o que facemos", sinala.

Revisa de novo a ducia de webseries galegas escollida por Ozo Perozo o pasado ano

Cartel de 'El viúdo quiere mimos' Dominio Público Praza Pública
Un momento de 'Clases de lo Social' Dominio Público Praza Pública
Entre Pipas Dominio Público Praza Pública
O equipo de Angelica&Roberta Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.