A visión estética de Vicente Risco

Asistentes as celebracións da Real Academia Galega en Mondariz © Real Academia Galega

Quero ser unha obra de Arte vivinte. Luisa Casati

O 25 de outono de 1919 A Nosa Terra publica Estórea e Crítica. Nuno Gonçalves i-a Pintura galego-portuguesa do cuatrocento. O artigo é escrito por Vicente Risco, cuia fotografía engadese o inicio do artigo. Resultan significativas as palabras que o periódico pon o pé da imaxe: “Vicente Risco. Un dos galeguistas mais cultos e o pensador galego mais orixinal”.   

Nado en Ourense o 1 de outubro de 1884, as décadas de 1880 e 1890 están marcadas polo Movemento Estético. Este movemento une un amplo círculo de artistas prerrafaelitas: Julia Margaret Cameron, William Morris, Evelyn e William de Morgan, María Zambaco, Emma Sandys, Lucy Madox Brown, Marie Spartali Stillman ou John William Waterhouse. O carácter plástico intenso, lírico e sensual, tan cultivado por Dante Gabriel Rossetti e Edward Coley Burne-Jones, é unha expresión emocional. Elo está ligado a unha independencia temática (asuntos non adscritos as materias predominantes) e formal (evolución cara a abstracción). O nacemento da “Arte pola Arte” bebe da apreciación artística como un valor enriquecedor e estimulante, a capacidade para transportar e alimentar o espírito. 

Nesta corrente atópase Oscar Wilde. Autor de poesía (Poemas, 1881), ensaio (A alma do home baixo o socialismo, 1891), novela (O retrato de Dorian Gray, 1891), teatro (A importancia de chamarse Ernesto, 1895), ademais de conferenciante, director da revista The Woman´s World (1887-1889) e crítico literario, en Wilde conflúe a figura do esteta e o dandi. Nel atópase unha fonda conciencia da individualidade, a adicación o traballo literario, un senso propio e inspirador do vestir e un activo interés na Arte. Tanto en materia de coñecemento como na valoración da arte antiacadémica, allea os preceptos oficiais (a pintura de James Abbott McNeill Whistler, os deseños de Edward William Godwin). A súa capacidade para suscitar tanto eloxios coma controversia alcanza non só a súa obra, senón tamén as súas declaracións e aparicións públicas. 

A influencia de estes artistas, deseñadores e escritores continúa durante a manifestación artística do Simbolismo e o Modernismo, presente no inicio do século XX. Con eles xérase un novo pensamento do que Risco participa

A influencia de estes artistas, deseñadores e escritores continúa durante a manifestación artística do Simbolismo e o Modernismo, presente no inicio do século XX. Con eles xérase un novo pensamento do que Risco participa. Crecendo nunha familia de ideas políticas liberais, en 1900 aos dezaseis anos inicia a carreira de Dereito e con vintedous, entra a traballar en Facenda. “A “oficina” -di Ramón Otero Pedrayo- “serviu de refuxio e conforto a moitos escritores. Non hai en Galicia Delegación de Facenda sin a lembranza do chispeante poeta ou o polemista de prensa”. E a prensa é o seguinte traballo de Risco. En 1910 deixa Facenda para ingresar na redacción de El Miño. As súas achegas son dun amplo abano de temas: reflexións persoais, literatura (Valle-Inclán, os decadentistas, teatro), situación social, cultural, política e materia filosófica e estética. 

Otero Pedrayo comenta que Risco, tendo un gran interese polas novas formas artísticas, “sentía decorrer os clasicismos coma teorías de tópicas carrozas retóricas”

Otero Pedrayo comenta que Risco, tendo un gran interese polas novas formas artísticas, “sentía decorrer os clasicismos coma teorías de tópicas carrozas retóricas”. A súa afinidade cos impresionistas, as mencións apelando a Rossetti e a Wilde nos seus textos, o amor polas culturas asiática e africana distinguen a Risco. As súas alusións a Edgar Degas ou a Félicien Rops en 1912 sitúano moi lonxe da arte académica. Non só destaca no seu gusto por filósofos, artistas e escritores coma Omar Khayyám, Friederich Schelling, Utagawa Hiroshige, Edgar Allan Poe ou Paul Verlaine, senón tamén por ter unha sensibilidade para a Arte libre, rupturista. O que realmente chama a Risco é a experimentación, a presencia liberadora da Arte en todos os aspectos da vida, adiantarse o que ven. Non é de estrañar que durante a súa dirección da revista La Centuria entre 1917 e 1918, titule os seus textos sobre Estética e Arte Preludio a toda estética futura.

O soño do día (detalle). 1880. Dante Gabriel Rossetti. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 159 x 93 cm. Victoria and Albert Museum.

En gran medida a celebridade de Risco débese a estas cuestións. Dende que comeza a escribir os seus artigos na prensa, acompaña o seu traballo cun marcado carácter. É admirado como escritor, estudoso, figura social e editor, cunhas vocacións e intereses que conservará sempre. A súa independencia e singularidade tamén lle reporta as críticas das mentalidades mais convencionais. Xestos coma “escandalizar aos beatos occidentalistas cando prefería os tempos de Susa e as colunatas de Persépolis aos frontóns de Egina”, non seguían as normas artísticas (nin culturais) impostas. Otero Pedrayo, que anotara a anterior cita respecto a Risco, sinala sobre a súa resolución: “refuxiábase nun dandysmo non pouco irritante pras xentes calcadas”.

A Vizcondesa Jacques d´Avignon. Posterior a 1880. Joszi Arpád Koppay. Técnica: Pastel e lapis sobre papel. Medidas: 150 x 91 cm. Colección da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán. Real Academia Galega.

A partir do momento no que Risco é visible en 1910, un dos seus signos mais identificadores é o seu estilo persoal. O longo do tempo forxa unha impecable presenza que hoxe pode ollarse nas fotografías. Componse de camisas brancas con colo de puntas alongadas, gravatas, lazadas para as camisas, paxariñas lisas e estampadas de lazo bolboreta, levitas, traxes de mañá e traxes de rúa axustados. Conta con abrigos sobretodo que as veces, modifica mediante cortes asimétricos nas solapas. De zapatos emprega botíns e modelos oxford, (tamén ten unha época na que leva zapatos de charón). Coma complementos dispón de finos bastóns de madeira con puños metálicos, flores e panos brancos cas puntas amañadas para a botoeira, sombreiros canotier e de tipo fedora, adornados cunha cinta ancha. As telas e motivos que se empregan están matizados con texturas e tonalidades, o que xera unha combinación de distintos efectos.

Risco mantén a sinxeleza impulsada polos dandis. A reforma da moda masculina que Wilde leva a cabo entre 1880 e 1890, inclúe a incorporación das recentes chaquetas smoking, cómodas gravatas pano e pantalóns ata os xeonllos. A sobriedade da roupa masculina contrasta coa exuberancia do traxe feminino, que ten a mellor expresión no estilo polisón (tournure). As grandes casas da moda, como a Casa Worth en París, procurarían grandes cantidades de tecido, pois a plasticidade da súa color e estrutura potencia o impresionante deseño dos vestidos polisón. No que respecta o vestir de Risco para as celebracións e xuntanzas, está en liña coa indumentaria de Wilde entre 1890 e 1895; del toma o emprego de camisas con colo de puntas moi saíntes e gravata para a levita. As diversas vestimentas que Risco emprega, o igual que os dandis, as leva dunha maneira cómoda, natural.  

Farola. 1911. Fundición Wonenburguer. Técnica: Ferro fundido. Materiais: Pedra (base), ferro (base/poste de iluminación/farol), cristal (farol). Os farois orixinais eran esferas de cristal e ferro forxado. Cantón Claudino Pita/Rúa Porta da Vila, Betanzos. Iria-Friné Rivera Vázquez.

Os retratos fotográficos de Risco son os que mellor reflicten o seu criterio. Sexa en fotografías tomadas ao aire libre ou nos estudos, en elas latente o instinto e graza de Risco para posar. Nelas transmite actitude e desenvoltura, adoptando a veces nelas unha pose mais informal, coas mans elegantemente colocadas. Moi delgado e cunha altura de 1,70 cm, o seu cabelo é negro, liso e abundante, peiteado cara atrás. A forma do rostro é cadrada, tendo un nariz longo, a boca ancha e o queixo saínte. Na maioría das veces Risco aparece ben de fronte ou ladeado. Este enfoque fai que non se chegue a captar o rostro de perfil, dando lugar a un resultado visual mais favorecedor.

A pel de Risco é moi branca e os seus ollos son de cor azul. Ramón Cabanillas fai referencia a eles no seu poema Sembranza (Galicia, Domingo 16 de Decembro de 1923), describíndoos como “ollos de meniño inquedos”. A mirada de Risco tamén chama atención do pintor Xaime Quessada, que a considera “penetrante”. Debido a miopía o emprego de lentes resulta esencial. (Remataría tendo unha ampla colección delas, dende quevedos ata lentes con monturas en nácar e tamén mais finas en metal). Pese a miopía, a  forma de camiñar é apresa e con pisadas moi seguras.

Risco ten unha voz firme, proxectada con seguridade e cunha fala pausada. Cos anos a voz enrouquecería polo tabaco -de feito, en moitas das imaxes sae cun cigarro na man ou fumando-. A súa rechamante personalidade e donaire igualmente esperta a atención da prensa. O 13 de marzo de 1920 El Orzán, con motivo da conferencia de Risco pola exposición de Castelao en Coruña, escribe que “D. Vicente Risco, que tiene un aspecto sumamente simpático y se expresa en gallego, leyó unas interesantísimas cuartillas, interrumpido frecuentemente por los aplausos y las muestras de aprobación de sus oyentes”. As fotografías permiten facerse unha idea do que causa impresión de Risco.

Vicente Risco. Augusto Pacheco (Ourense). Fotografía de estudio. 1919. Técnica: Impresión fotográfica en branco e negro con carimbo seco no pé inferior. Medidas: 24 x 17,5 cm. Fundación Vicente Risco. Na imaxe Risco aparece vestido cunha camisa branca, lazada escura punteada en branco e chaqueta de espiga.

Un feito que reflexa o seu longo impacto e magnetismo aparece no libro Pelerinaxes I (1929) de Otero Pedrayo. Ben-Cho-Shey, o mesmo Otero e Risco realizan unha viaxe que se estende dende Ourense a Cariño. Como unha das paradas vai ser Ortigueira, organizase na vila unha conferencia (“o mais chamado era naturalmente, o Risco”). Mais o chegar e tendo todo preparado, tense que suspender a charla por mor dunha serie de rumores. “Sobre todo ô Risco consideróuselle home perigoso. Por caso estrano o pelingrino de todol-os santuarios da tradizón galega víuse envolto n´unha sona terribre. Risco dinamiteiro, Risco revolucionario, Risco nemigo de todo cando hai de respetabre baixo a capa dos ceos. E Risco calou e meditando nos estranos xiros de opinión, calaba e sorría”.

Vicente Risco o proxectar a súa imaxe explora o concepto de “estética” en tódalas dimensións. Nela únense o construtivo e o visionario

Vicente Risco ao proxectar a súa imaxe explora o concepto de “estética” en tódalas dimensións. Nela únense o construtivo e o visionario.     

 

Quero expresar a miña gratitude a Dona Mª Jesús Martínez-Risco, filla de Vicente Risco, e a Don Fernando Serrano pola súa cortesía e xenerosa axuda coas miñas preguntas. De igual xeito gustaríame dalas grazas a Fundación Vicente Risco, a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán e a Real Academia Galega pola súa amabilidade con respecto as imaxes. E sinto non ter tido a oportunidade de agradecer os comentarios nos artigos anteriores, mais quixera dárvolas grazas pola vosa consideración.

Vicente Risco. 1919 © Fundación Vicente Risco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.