O Consello da Cultura rexeita o proxecto hoteleiro da Xunta para Monterrei

Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

"Cremos que debe revisarse o destino para un uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo dado que xa existe un edificio destinado a este uso a 400 metros do mesmo e que ten problemas de sostemento". É unha das conclusións do informe Usos do castelo de Monterreique vén de facer público a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que ademais de cuestionar o proxecto hoteleiro defendido polo Goberno galego, pide un "proceso de reflexión consensuado cos axentes implicados", entre eles a veciñanza do lugar.

O informe, asinado por Rebeca Blanco-Rotea, Iago Seara Morales, Alfredo Vigo Trasancos e Pegerto Saavedra Fernández, é o resultado de meses de reflexións, xuntanzas con representantes das institucións que promoven a actual reforma e construción dun hotel no interior do Castelo, con técnicos da Secretaría de Turismo da Xunta, e de visitas a Monterrei acompañadas de conversas con representantes das asociacións críticas co proxecto (Asociación Cultural Alto Támega e Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei).

O texto aposta por facer unha declaración de Conxunto Histórico que protexa o monumento de forma integral e destaca que o Castelo de Monterrei e os seus espazos anexos "é un dos exemplos máis importantes da nosa arquitectura militar medieval e moderna".

Rexeita o proxecto hoteleiro de forma rotunda: "cremos que debe revisarse o destino para un uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo" e lembra que "xa existe un edificio destinado a este uso a 400 metros do mesmo e que ten problemas de sostemento". Engade que "no ámbito do mesmo Conxunto Histórico habería cando menos tres edificios diferentes moi importantes dedicados a uso hoteleiro, e, ademais, na nova localización, reducirase á metade a oferta de habitacións coas que conta actualmente o parador".

Como alternativa defende que "talvez sería máis atinado facer un plan de viabilidade do parador xa existente, adaptalo ás novas necesidades do turismo"

Como alternativa defende que "talvez sería máis atinado facer un plan de viabilidade do parador xa existente, adaptalo ás novas necesidades do turismo, elaborar ou rematar un Plan Director do Castelo que contemple uns detallados estudos previos e que incida no seu papel como elemento dinamizador da comarca, incentivo turístico-cultural e complemento do espazo hoteleiro". Tamén valora a posibilidade de "investigar e restaurar-conservar as estruturas e fábricas defensivas e residenciais do casarío e dos espazos vilegos coa ollada posta, por exemplo, no que se fixo en Valença do Minho, outro Conxunto e asentamento transfonteirizo".

Fai un chamamento a que "a súa transformación nun espazo de novos usos" se realice a través dun "proceso de reflexión consensuado cos axentes implicados"

O informe destaca así mesmo que o Castelo de Monterrei "é un exemplo máis do importante arraigamento que se dá a miúdo entre a cidadanía e o seu patrimonio, do que ela é depositaria e co que ten uns importantes lazos de identidade". E fai un chamamento a que "a súa transformación nun espazo de novos usos" se realice a través dun "proceso de reflexión consensuado cos axentes implicados: administracións, xestores, investigadores e, por suposto, os veciños do Val de Monterrei".

Castelo de Monterrei CC-BY-SA Amador Loureiro
Interior do Castelo CC-BY-SA Alfonso González

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.