Da Apocalipse á Xénese: 'Kreuzweg', 'Marie Heurtin' e 'The salt of the earth'

'The salt of the Earth' Dominio Público Praza Pública

O arranque desta vixésimo oitava edición de Cineuropa foi tan potente en canto a calidade cinematográfica, que se viu reflectida nas enormes ringleiras do despacho e os primeiros pases con entradas esgotadas. O boca-orella conseguiu, por exemplo, que se enchesen todas as butacas para o último pase de The salt of the Earth, que tratándose dun documental proxectado un martes pola tarde, pon de manifesto que a fame compostelá é gourmet e está disposta a todo para saciarse.

Uns primeiros días na que a relixión estivo moi presente dunha forma ou outra. Non porque se proxectase algún filme premiado por algún Xurado Ecuménico, deus nos libre, senón porque o azar quixo darnos certas claves sacras para descifrar tres das películas exhibidas. Empezando polo evidente, é o caso de Kreuzweg (Stations of the cross) o filme dirixido polo alemán Dietrich Brüggemann que presenta unha adolescente que se encontra entre dous mundos: entre a normalidade dun colexio común e a influencia do integrismo católico que recibe na súa familia e igrexa. Un choque entre axentes socializadores que desemboca nunha profunda crise vital da moza que se converte no seu viacrucis. Literalmente. O director vertebra a historia coas estacións que pasou Xesucristo na súa crucifixión, creando así un paralelismo entre a historia do fillo de Deus e a adolescente alemá. Unha arriscada e polémica formulación que se desenvolve cun resultado maxistral. Os motivos: a impecable execución da súa posta en escena, distante e austera, que casa moi ben coa arrepiante lectura que se pode sacar dun integrismo relixioso que vive máis preto de nós do que pensamos.

No outro lado da moeda encontramos Marie Heurtin que presentando un contexto tamén relixioso é unha película moito máis optimista e luminosa. Baseada en feitos reais, Marie Heurtin foi unha rapaza xorda, muda e cega que aos dez anos -nun estado asalvaxado- é enviada polos seus pais a unha orde relixiosa para que se ocupen da súa educación. A irmá Marguerite ofrécese a educala malia ás reticencias da orde por acoller a unha nena con tales dificultades. "Tiven unha revelación", dille á madre superiora para convencela, e continúa: "ben... en realidade foi unha idea"; unha corrección bastante reveladora que constata como a vontade de Margueritte transcende o ámbito relixioso, o seu motor é puro humanismo. A relación entre a nena e a monxa é o centro dun filme que garda certos paralelismos con L'enfant sauvage de François Truffaut, e que ademais da forte carga emocional destaca pola combinación discursiva da lingua de signos e a linguaxe audiovisual.

Nos primeiros días de Cineuropa, de gran calidade cinematográfica, estivo moi presente a relixión

Por último, despois dunha película pesimista e outra optimista, abordamos outra que abrangue o percorrido completo: The salt of the Earth. O documental utiliza o traballo fotográfico do Sebastião Salgado referente mundial da fotografía social no último terzo do século XX, pero transcende a súa figura para elaborar todo un tratado sobre o ser humano, a Terra e a relación entre ambos. Está dirixida a catro mans entre o fillo do fotógrafo, Juliano Ribeiro Salgado, e o alemán Wim Wenders; mentres Juliano mostra -en cor- algunhas das viaxes emprendidas polo seu pai, Wenders utiliza o branco e negro para casar a fotografía de Salgado coas súas declaracións. A utilización e combinación do material fotográfico e o fílmico é impecable, xunta as dúas artes sen prexuízo de ningunha caste e consegue transmitir toda a forza das fotografías, que non sempre é doado.

O traballo de Salvado chaḿase Êxodos, pero ben podería chamarse Apocalipse

O mérito último é por suposto de Salgado, da súa obra e dunha vida dedicada á fotografía. Dende os primeiros traballos en latinoamérica e o Sahel, o fotógrafo brasileiro interésase polas persoas, así realizará series fotográficas como "Trabalhadores" ou "Outras Américas". Despois realiza unha serie que se centra nas catástrofes humanitarias derivadas da guerra en países como Ruanda ou o Congo, o traballo chámase "Êxodos" pero ben podería chamarse "Apocalipse". Nesta viaxe descobre os horrores da guerra, a crueldade sen límites das persoas e perde a fe na humanidade, segundo as súas propias palabras remata con "a alma enferma". Este momento da súa vida supón un punto de inflexión, volve ao Brasil para reforestar a vella granxa da súa familia e funda o "Instituto Terra", esta nova etapa vital reflíctese na súa carreira que se centra agora na natureza en retratar toda esa parte do mundo allea á influencia do mal chamado mundo civilizado. Esta serie chámase "Gênesis". Conformando, no seu conxunto unha viaxe da Apocalipse ao Xénese sen influencias divinas.

Kreuzweg Dominio Público Praza Pública
Marie Heurtin Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.