A Esmorga, entre os 10 filmes máis vistos en todo o Estado

Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán 'Morris' © Vía Láctea

A Esmorga é un éxito. O filme dirixido por Ignacio Vilar está a recoller eloxios, boas crítica e o que é máis importante: un amplo seguimento do público, que dende a súa estrea nos cines, o pasado venres, está enchendo as salas. De feito, a película estivo entre as dez máis vistas en toda España a pasada fin de semana (no posto décimo, en concreto), todo un logro se temos en conta que se distribuíu unicamente con 18 copias, todas en Galicia e todas en galego con subtítulos en castelán. De feito, os 61.300 euros recadados nos seus primeiros días supoñen a segunda mellor recadación media por copia (ao redor de 3.400 euros) de todo o Estado, só superada por Los juegos del hambre: Sinsajo Parte 1. O filme foi visto por case dez mil persoas na súa primeira fin de semana,

O feito é destacado por medios especializados de toda España. Como destaca Pau Brunet en El Economista.es, "que un produto destas dimensións poida lograr 61.300€, unha cifra que mesmo moitas estreas de máis de 100 cines non lograron, é unha boa noticia. Campaña focalizada, efectiva e que de aguantar ben co boca-orella podería ir máis alá dos 300.000-350.000€. De ser cousa dunha fin de semana, promocións e fanbase, daquela quedaría nos 200.000€. Con todo, semella que os seus responsables verán cartos".

En canto ás críticas, atopamos por exempo a opinión de Henrique Rabuñal: "A película está xa no máis profundo do cinema e da cultura galega. Chegounos á cabeza e ao corazón. Xa esta entre nós e debe abrirse camiño no turbulento e complexo mundo audiovisual que xubila as películas aos poucos días de naceren". César Morán escribe, pola súa banda, que "esta Esmorga constitue certamente um passo decissivo na história do cinema galego, um cine galego autêntico, feito com profissionalidade, com seriedade e com a paixão da terra. O sucesso dependerá de todos nós".

O blog Visionado Eléctrico sinala algunhas eivas de ritmo e dun guión "non de todo afinado", pero conclúe que "os problemas que poida ter o filme non quitan que sexa un visionado obrigatorio en Galicia e máis que recomendable en España, como proba de que outro cine é posible". Finalmente, Damián Villalaín destaca que se trata dunha "película coidadísima nos aspectos visuais e formais, dirixida con amor e intelixencia e capaz de extraer unha desacougante beleza da turbia historia orixinal" e afirma que "ninguén terá por que estrañarse se a película aparece dentro duns meses entre as nominadas aos "Goya" ou se recibe premios en festivais foráneos. Hai que ir vela".

Este xoves o filme pode verse na Coruña (Cantones, Yelmo, Marineda City), Carballo (Multicines Bergantiños), Cee (Cine Xunqueira), Ferrol (Dúplex), Narón (Odeón), Ribeira (Multicines Barbanza), Compostela (As Cancelas), Lugo (As Termas), Monforte (Hollywood), Leiro (Novocine), Ourense (Pontevella), Pontevedra (Cinexpo) e Vigo (Norte, Gran Vía, Yelmo, Plaza Elíptica).

Roteiro de 'A Esmorga', organizado polo OUFF © Vía Láctea
Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán 'Morris' © Vía Láctea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.