“A novela negra é un xénero no que non podes abstraerte do realismo. Debe ser a crónica social do seu tempo”

Diego Ameixeiras © Óscar Dacosta

Erika e seu irmán Samuel buscan unha maneira de saír do noxo de vida que levan. Un temporal que move uns fardos de cocaína podería mudalo todo. Mais nada é fácil e ela acaba precisando a axuda de Ventura, unha peza máis dunha trama de narcotráfico e branqueo de diñeiro. Volven a marxinalidade, a miseria e a loita pola supervivencia na nova novela de Diego Ameixeiras, Conduce rápido (Xerais). Mais non porque haxa crises-estafa. Senón porque sempre estiveron aí. Con elas, o autor segue tamén un camiño que transita cada vez máis nas súas últimas obras. O da contención do estilo, a brevidade. A palabra xusta.

Utilizas nas túas últimas novelas un estilo cada vez máis limpo. Só as palabras xustas. Chegaches, nese sentido, ao punto que querías?

A novela tamén pedía ese tipo de estilo frío e fotográfico. Niso ten relación con Todo O.K., con Matarte lentamente ou con Dime algo sucio. Mentres ía escribindo, volvín ver todas as películas de Melville, por exemplo. A medida que vou traballando en máis novelas, poida ser que vaia achegándome a un xeito de narrar no que nada distrae da esencia da trama e da psicoloxía dos personaxes. Oxalá sexa así. Mais en Conduce rápido non hai tantos personaxes protagónicos como en Matarte lentamente ou Dime algo sucio. Aquí hai dous protagonistas e o peso da novela cae sobre deles.

"A medida que vou traballando en máis novelas, poida ser que vaia achegándome a un xeito de narrar no que nada distrae da esencia da trama e da psicoloxía dos personaxes. Oxalá sexa así"

Tamén en Todo O.K había unha protagonista, Inés. Mais a estrutura é semellante nesta, en Conduce rápido e en Matarte lentamente: capítulos pequenos, historias que se entrecruzan…

Son narracións tratadas a partir de situacións moi concretas e descritas de modo moi sintético. En Conduce rápido cóntase o que pasa entre un luns e un venres. Cada capítulo está marcado coa hora do suceso e describe un momento concreto dun deses días, fundamentalmente a través das acción e dos diálogos. Sendo fiel ao xénero, os personaxes non deben tardar trinta páxinas en subir unha escaleira.

E un narrador describe, coas palabras mínimas, as escenas. Que evocan imaxes facilmente. É unha novela bastante cinematográfica, ou fotográfica, niso.

Os capítulos poden funcionar como pequenas secuencias cinematográficas, si. Aínda que non o son. É literatura e, claro, non é o mesmo que un guión entendido como unha ferramenta de traballo. Nunha novela, o escritor goza de liberdade absoluta á hora de escribir.

"É literatura e, claro, non é o mesmo que un guión entendido como unha ferramenta de traballo. Nunha novela, o escritor goza de liberdade absoluta á hora de escribir"

Outra coincidencia con Todo OK é o narcotráfico. E a loita pola supervivencia nun contexto de precariedade...

En Conduce rápido, a diferencia de Matarte lentamente e Dime algo sucio, aínda que hai unha trama principal e varias secundarias, xiran todas arredor do mesmo tema: o narcotráfico, si. Noutras novelas miñas o que hai son cruces de historias que aparentemente non gardan relación. Aquí todo parte dun paquete de cocaína que alguén atopa na praia…

Matarte lentamente, a túa anterior novela, retrataba os restos dun sistema en descomposición. Non quedaban estruturas: só saídas individuais. En Conduce rápido, Erika rouba e seu irmán Samuel prostitúese, entre outras cousas…

Erika e Samuel forman parte de certo tipo de marxinalidade social. Pertencen á capa máis baixa da delincuencia e guíanse, si, polo instinto de supervivencia máis básico. Son perdedores que buscan unha oportunidade para saír da miseria. Por iso, aínda que actúen á marxe da lei, pode ser máis ou menos comprensible o que fan…

"Erika e Samuel forman parte de certo tipo de marxinalidade social. Pertencen á capa máis baixa da delincuencia e guíanse, si, polo instinto de supervivencia máis básico"

Nese sentido, é máis doado identificarse con eles que, por exemplo, cos personaxes de Todo O.K.. Porque hoxe calquera persoa do perfil deles pode quedar facilmente na rúa. Era un pouco a idea?

É certo que a protagonista de Todo O.K. está implicada nunha descarga de cocaína que non é cousa de baixa delincuencia. A situación na que vivimos actualmente provoca situacións semellantes ás que se describen na novela, pero o que se conta forma parte dun xogo de ficción. Visto cales son os grandes delincuentes deste sistema, e os seus procedementos, penso que non é difícil simpatizar cuns personaxes que fan o que fan por sobrevivir.

"Visto cales son os grandes delincuentes deste sistema, e os seus procedementos, penso que non é difícil simpatizar cuns personaxes que fan o que fan por sobrevivir"

Tampouco inventas nada. Hai unha longa tradición de novela negra que fala da delincuencia desde o punto de vista dos delincuentes. Sen xulgalos.

Efectivamente. Adoptar o punto de vista dos delincuentes consiste en describir os seus actos e as consecuencias dos mesmos, poñelos a interactuar co seu medio e deixar que collan vida a través da súa relación con outros personaxes. Outra cousa é como responda cadaquén ante a necesidade: non todo o mundo se poñería a roubar cámaras aos turistas, ou a prostituírse, por exemplo.

Boa parte dos personaxes de Conduce rápido están marcados pola perda. A súa vida foi a peor por ese motivo. Casualidade?

As súas accións non están moi espectacularizadas, máis alá do que pide unha novela na que é importante a tensión, o clímax… Os personaxes amosan a súa debilidade, malia moverse nun mundo no que amosarte feble nunca é aconsellable. Pero é que non facelo así sería caricaturesco. Evidentemente, que alguén se dedique ao tráfico de droga e ao branqueo de cartos non quita que poida sufrir pola perda dun ser querido.

"Non me gusta, tampouco como lector, que as novelas deste xénero se deteñan máis alá do necesario, e moito menos que se note que o autor está facendo tempo para chegar á páxina catrocentos"

O que sabemos da psicoloxía dos personaxes é máis polo que fan que polo que nos conta o narrador. Erika ao principio parece a responsable mais despois...

Tento que o narrador non acabe convertido nun intruso entre o lector e os personaxes. É verdade que Erika ao principio parece ter máis sentido común que o irmán, mais ao final acaba arrastrada polos acontecementos, que é o que lles pasa un pouco a todos. Non me gusta, tampouco como lector, que as novelas deste xénero se deteñan máis alá do necesario, e moito menos que se note que o autor está facendo tempo para chegar á páxina catrocentos. Para que haxa fondura psicolóxica non fai falla iso. Erika e Ventura, os dous protagonistas, ao principio case non se coñecen e por iso tampouco se fan grandes confidencias. Son os actos os que din que cada un deles está a tentar gañar a confianza do outro. Ese é tipo de novela que me gusta, a que tenta falar a través do que non se fai explícito.

É habitual que a crítica cite ao explicar os teus últimos libros a novela negra europea recente que vai polo mesmo camiño da economía expresiva, a brevidade… Aínda que no teu caso máis que cuestión de referentes parece unha evolución túa…

É unha evolución, pero non un camiño definitivo. Para min é importante a novela negra norteamericana dos anos 30 e 40, por exemplo. O pulp, as novelas baratas. A cultura popular. O estilo sempre é unha posición ética fronte aos personaxes: non xulgalos, non falar por eles. Por outra banda, ás veces téndese a pensar, de modo erróneo, que un estilo claro e sintético ten menos valor “literario” que un estilo barroco e escuro, pretendidamente poético. E non é así.

"Para min é importante a novela negra norteamericana dos anos 30 e 40, por exemplo. O pulp, as novelas baratas. A cultura popular. O estilo sempre é unha posición ética fronte aos personaxes: non xulgalos, non falar por eles"

Esa novela negra norteamericana tiña moito que ver co seu contexto, coa denuncia da corrupción… Matarte lentamente estaba moi vencellada á crise e as súas miserias. Conduce rápido segue por aí…

Matarte lentamente si estaba moi marcada pola situación económica e política: o calote das preferentes… Mais eu creo que en Conduce rápido non é tanto así. Máis que coa crise ten que ver cunha situación persoal, con personaxes que se atopan nunha situación límite. O que ocorre é que é un xénero no que non podes abstraerte do realismo: é normal que aparezan esas contradicións. A novela negra debe ser a crónica social do seu tempo.

"É un xénero no que non podes abstraerte do realismo: é normal que aparezan esas contradicións. A novela negra debe ser a crónica social do seu tempo"

En relación con iso, as túas novelas foron facéndose máis “escuras” a partir de Dime algo sucio, publicada cando comezaba a crise. Ou se cadra tamén miramos máis a iso porque estamos como antes só estaban uns poucos, -ou iso pensabamos-, en canto a precariedade, perda de dereitos… Quero dicir, que a marxinalidade non se acaba de inventar...

É verdade que a novela toca temas que teñen que ver coa situación económica actual, pero é circunstancial. A marxinalidade e o instinto de supervivencia non se inventaron agora, como dis. Sempre houbo xente coma Erika e Samuel. Mais o tema da crise si pode estar presente en Conduce rápido en detalles como o do froiteiro que pediu un empréstito a unha banda, seguramente porque o banco non quixo axudarlle. Ou no que conta da rede de romenos que piden na rúa. Polo resto, é unha historia máis clásica, sen relación concreta coa realidade actual. Sempre houbo xente que tivo que buscar a vida.

"Agora hai moita xente que vive sempre na precariedade absoluta e por iso se cadra vemos menos censurable que alguén se dedique a roubarlle cámaras aos turistas, porque non é nada comparado co uso de tarxetas black"

Xa. Mais por exemplo en Tres segundos de memoria había desemprego e precariedade, mais doutra maneira. Era só unha etapa vital. Agora é algo estrutural.

Claro, a situación non é a mesma. En Tres segundos de memoria era unha persoa que rematara os estudos e que buscaba os primeiros traballos. Agora hai moita xente que vive sempre na precariedade absoluta e por iso se cadra o vemos máis próximo, ou vemos menos censurable, como dicía antes, que alguén se dedique a roubarlle cámaras aos turistas, porque non é nada comparado co uso de tarxetas black. É máis fácil de entender que a delincuencia non é só cousa de xente marxinal ou produto dunha sorte de maldade intrínseca. Porque a delincuencia está moi presente en moitos estratos da sociedade, do Estado, da administración…, e vese todos os días.

Nun dos diálogos alguén di que Santiago, a cidade, está morrendo. Que nin queda xente nos bares. As túas historias pasaron de Ourense a Santiago. É esa a túa percepción, a de decadencia?

É algo que di un personaxe e tampouco ten moita máis importancia. Mais é verdade que o roubo do Códice, os episodios de corrupción, a nena que mataron… fai saltar a cidade aos medios de comunicación desde unha perspectiva distinta. A cidade ten unha idiosincrasia particular, como capital do país, e iso provoca situacións que teñen que ver cunha especie de parque temático relixioso, cultural e político que a afastan da cidade real. A cidade ten unha cara B que normalmente non nos contan. Non todo é turismo e política autonómica, por exemplo. E si creo que ten un punto de menos vida, mais é iso que pasa en todos os lados. Porque vivimos como no momento de despois da derrota, porque non é que estea todo mal, é que parece que vai ser xa así.

Tes explicado que Dashiell Hammet e Raymond Chandler non daban finais felices para que as conciencias burguesas non puidesen quedar tranquilas. En Conduce rápido Erika e Samuel si teñen o que querían, aínda que despois non se sabe…

Os irmáns querían saír da miseria, é verdade, mais non deixar de estar metidos no allo... Mais para min o fundamental da historia é o encontro entre Erika e Ventura. Para min, no fondo, é unha historia de amor. Unha historia de supervivencia e de amor.

"Compostela ten unha idiosincrasia particular, como capital do país, e iso provoca situacións que teñen que ver cunha especie de parque temático relixioso, cultural e político que a afastan da cidade real"

E cando escribes corrixes moito, entón? Como dicías antes, ser breve é o máis difícil.

Sempre teño todo ben planificado á hora de escribir. Sei o que quero contar, teño claros os personaxes e a trama: o traballo é como contalo. Vou corrixindo a partir diso.

A trama ten a súa complexidade. Ao principio podemos perdernos un pouco cos personaxes.

Tamén por iso dicía antes o do estilo. Por ser moi transparente e moi claro non é unha lectura de primeiras tan fácil, porque tes que acompañar unha historia na que se van presentando moitos personaxes. A relación entre eles vaise desenvolvendo pouco a pouco…

Falabas antes do tema dos romenos. Hai moitos outros detalles na novela, como a relación entre Garrido e Raúl. Non é un perigo irse polas ramas cando tes tantos personaxes e tantas historias?

Garrido é o xefe do clan e ten conciencia, desde o principio, de que todo vai ir mal. Todo vai en picado para el. Ten unha relación con Raúl, que é unha persoa depresiva, e por ser un traficante non deixa de preocuparse pola súa parella… É certo que a dos romenos é unha boa historia que contar…

Eles si son lumpen. Máis que Erika e Samuel. Todo é moi dramático mais algún detalle de humor hai. Non de risa. Pero como os diálogos son tan espontáneos…

O de facer que Erika conte dunha relación que tivo cun romeno pareceume unha maneira de conectar os dous mundos. Aínda que na realidade non sei se pasaría… Que os diálogos queden naturais tampouco é nada fácil. Pero non o é para ningún escritor…

Diego Ameixeiras © Xerais
Capa do libro © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.