"É habitual que produtoras e distribuidoras che digan que un filme en galego non lle vai interesar á xente"

Un momento do filme © Os Fenómenos

O cinema galego (e en galego) está nun momento doce. Non só en calidade e recoñecemento crítico e en festivais, senón tamén no que respecta á súa presenza e éxito nas salas comerciais, o que dende logo era unha materia pendente, agás contadas excepcións. Tras A Esmorga, chegan Os Fenómenos, filme dirixido por Alfonso Zarauza (A noite que deixou de chover, Encallados...) estreado o pasado venres. Cine social que relata os efectos da burbulla inmobiliaria a través dos ollos dunha traballadora da construción (Lola Dueñas) e dunha ampla cuadrilla de actores entre os que destacan Luis Tosar, Miguel de Lira ou Antonio Durán Morris. "Unha película que había que facer, unha película necesaria", como a definiu nunha entrevista o seu director. O relato da crise económica e das persoas que a sofren, contado dende aquí.

"O filme está funcionando moi ben en taquilla e estamos moi contentos", salienta Zarauza, que sinala que "non é un filme dunha soa fin de semana, pensamos que é máis ben un filme de boca-orella e estamos recibindo comentarios moi bos a través das redes sociais". A película comportouse de maneira moi diferente en cada cidade: por exemplo na Coruña foi o filme máis visto da fin de semana nos cines dos Cantóns, e tamén funcionou moi ben en Lugo e Ourense; en Santiago foi un pouco peor, estaba ao redor da sexta posición, e en Vigo si que pinchou un pouco e foi a novena máis vista. Zarauza destaca que "estamos contentos porque cremos que ao longo da semana vai ir collendo ritmo. Co paso dos días pódese ir construído un discurso a favor do filme". Algo así como está a suceder con A Esmorga? "Efectivamente, o que conseguiu A Esmorga foi moi importante, e hai vasos comunicantes. A Esmorga non é un rival para nós, senón un compañeiro de fatigas", di. 

"É habitual que as distribuidoras che digan que un filme en galego non lle vai interesar á xente en Galicia. E A Esmorga demostrou que non é así"

"Hai sempre moitos obstáculos para que unha película en galego sexa aceptada" -destaca Zarauza- "É habitual que as distribuidoras e produtoras che digan que un filme en galego non vai interesar á xente en Galicia. E A Esmorga demostrou que non é así, rachou eses prexuízos". O director explica que "eu aos distribuidores pedinlles que a cartelería en Galicia estivese en galego, e non me fixeron moito caso, pero algo si. Eu loitei tamén por incorporar todo o galego que puiden nos diálogos, hai xente que me di que é pouco, ao redor dun terzo está en galego e o resto en castelán, pero o certo é que non é doado". "A visión dos produtores era que o filme se rodase integramente en castelán e nós fixemos unha aposta porque a maior parte dos actores fosen galegos e o filme fose todo o galego que fose posible", di.

Brais Romero, na crítica do filme publicada en Cinema na praza, salienta que se tratra dun "drama, duro, da realidade dun país que non soubo construír unha economía, ou que, quizais, construíuna demais" e engade que "quizais a película deberíase proxectar xunto con Encallados, e despois, sen acender as luces, deixar que o espectador reflexionase sobre dous episodios que marcaron a historia que hoxe vivimos. Pensar que foi o que pasou, por que e que fixemos nós despois. Como reaccionamos? Cambiamos algo despois de toda a crise? Seguen os caciques paseándose en cochazos por estradas cuxo paisaxe son obras e medio rematar? E os desafiuzamentos, seguen ocorrendo?". Unhas boas críticas que se reproducen en La Voz de Galicia, onde Miguel Anxo Fernández destaca que estamos ante "Cine social galego de alto nivel", sinalando que "non abonda a temática social do día a día, neste caso o noxento mundo dos chourizos inmobiliarios, cun aquel que por momentos remonta a Ken Loach ou a Stephen Frears". "Estréase en malas datas, pero isto non debería ser un atranco para provocar un tsunami nas salas", conclúe.

"Estamos contentos porque cremos que ao longo da semana vai ir collendo ritmo. Co paso dos días pódese ir construído un discurso a favor do filme"

"Buscabamos autenticidade na historia", di Zarauza, que subliña a importancia do traballo de preparación do filme, "indo de obra en obra, seguindo unha cuadrilla, baixo a chuvia, o frío, a neve". E tamén a relevancia de que a película estea protagonizada por unha muller, amosando esta realidade dende o seu punto de vista, con dificultades engadidas: "Ten que gañar o seu lugar nun mundo de homes, a forza de carácter".

Os Fenómenos acumula numerosos recoñecementos e unha gran folla de servizo en festivais internacionais, despois de pasar por unha ducia deles, e de ser premiada por triplicado no Festival de Ceará (Brasil) ou de recibir o galardón do xurado no Festival de Bruxelas. Agora é a quenda das salas comerciais. Esta semana o filme pode verse na Coruña (Cinesa Marineda City e Cines Cantones), Compostela (Cinesa As Cancelas), Carballo (Cines Bergantiños), Narón (Odeón Multicines), Ferrol (Cines Dúplex), Lugo (As Termas), Ourense (Ponte Vella), Pontevedra (Cinexpo), Vigo (Gran Vía Cines, Cines Plaza Elíptica, Cines Norte) e Vilagarcía (Gran Arosa Multicines). E tamén en Barcelona, Bilbao, Madrid, Girona, Mallorca, Salamanca, Sevilla, Valencia, Zaragoza..., ata un total de 32 salas de todo o Estado, 13 en Galicia e 19 no resto de España. 

"Buscabamos autenticidade na historia"

"O noso obxectivo é que a película vaia callando entre a xente, que supere ese muro que é o Nadal, cando o filme está competindo coas películas máis fortes de todo o ano", di Zarauza.

 

Encallados e Chévere

Son días de moito traballo para Alfonso Zarauza. A estrea de Os Fenómenos chega cando a bola de neve de Encallados continúa crecendo, grazas ao boca-orella que tamén reivindica para o outro filme. "Encallados é unha alegría total en todos os aspectos. É un filme moi querido por min. Ten unha distribución distinta á que pode ter unha película grandes coma Os Fenómenos, é un camiño máis lento, pinguiña a pinguiña" -di- "Fáltanos presentala en Ferrol e despois queremos levala fóra, a Berlín por exemplo e a outras cidades nas que haxa moitos galegos". "É un experimento marabilloso e é un camiño aberto que poden seguir outros filmes pequenos coma este", conclúe.

O premio a Chévere "representa o triunfo da beleza fronte á mesquindade política", en palabras de Zarauza

Zarauza tamén presentou hai unhas semanas A Viaxe dos Chévere, un documental que percorre os 25 anos de historia da compañía que vén de ser galardoada do Premio Nacional de Teatro, "unha sorpresa e unha alegría inmensas e un acto de xustiza poética marabillosa", destaca Zarauza. O filme pechou a última edición de Cineuropa, apenas tres días despois de facerse público o recoñeccemento, que para o director "representa o triunfo da beleza fronte á mesquindade política. Un alcalde que tratou uns artistas coma se fosen delincuentes, cando o delincuente era el. O tempo puxo a cada un no seu lugar".

Campaña promocional de Os Fenómenos Dominio Público Praza Pública
Miguel de Lira e Alfonso Zarauza Dominio Público Praza Pública
Preestrea en Madrid do filme Dominio Público Praza Pública
Lola Dueñas, protagonista do filme © Os Fenómenos
Un momento do filme © Os Fenómenos
Un momento do filme © Os Fenómenos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.