Este Nadal regale cómic galego

'Bella Muerte',de Enma Ríos Dominio Público Praza Pública

Eduardo Maroño ofrécenos dende Qadriños, o blog de banda deseñada de Praza Pública, unha presada de recomendacións novidades de autores e autoras galegas para ler e agasallar nestas datas

O Nadal é tempo de facer agasallos. Que mellor ocasión para regalar banda deseñada, máis se, como acontece neste final de ano, as librarías están ben fornecidas de cómic galego. Velaí algunhas ideas.

Este foi un ano de moita actividade para David Rubín e a proba é que chega a estas datas con tres títulos no mercado. O primeiro, El momento de Aurora West, cómic de acción e aventura elaborado en colaboración co norteamericano Paul Pope e do que poden gozar tanto o lector xuvenil coma o adulto. Tamén podemos atopar Viñetas de vida, volume colectivo promovido por Intermón Oxfam que inclúe Los niños sin espejo, narración na que Rubín relata a súa experiencia en Burundi. Finalmente, os seguidores máis fieis do ourensán poderán facerse co segundo volume de Las tripas del héroe, obra consagrada a amosar o proceso de elaboración dunha das súas obras máis senlleiras, El héroe. Tres traballos que reflicten o carácter visceral do seu autor ao tempo que ofrecen diferentes perspectivas sobre o seu debuxo.

Hai poucas semanas que chegou ás librarías o primeiro volume de Bella Muerte, a serie coa que a galega Emma Ríos está a triunfar en Estados Unidos

Hai tamén poucas semanas que chegou ás librarías o primeiro volume de Bella Muerte, a serie coa que a galega Emma Ríos está a triunfar en Estados Unidos. Con guión da escritora norteamericana Kelly Sue DeConnick, a obra mestura western, folclore e fantasía, sintetizando influenzas de todo tipo nun relato de paixóns extremadas. De Ríos abonda con dicir que asina o que probablemente sexa o seu mellor traballo ata a data.

Lembremos que Ríos foi candidata este ano aos prestixiosos premios Eisner, como tamén o foi José Domingo, cuxo Aventuras de un oficinista japonés está aínda dispoñible nas nosas librarías. Os que queiran descubrir unha faceta diferente de Domingo poden probar con Conspiraciones, publicado tamén neste ano, un libriño de humor corrosivo a costa de lendas urbanas e relatos conspiranoicos conducido por un personaxe memorable, o profesor Domenikus.

Pensando nos máis cativos, Jacobo Fernández Serrano vén de presentar Dragoneta, terceiro capítulo da súa exitosa serie Marcopola, unha cabeceira que vai camiño de converterse en referente do cómic infantil galego. Aventuras e humor co engaiolante despregue visual ao que Fernández Serrano nos ten afeitos.

Enma Ríos foi candidata este ano aos prestixiosos premios Eisner, como tamén o foi José Domingo, cuxo Aventuras de un oficinista japonés está aínda dispoñible nas nosas librarías

Malia que a súa distribución resulta mellorable, tamén se pode atopar en librarías a obra gañadora do Premio Castelao 2013. Trátase de Catálogo oneroso de beleza gratuíta, unha celebración da beleza cotiá a cargo dun todoterreo da BD galega, Fran Bueno, que asina un dos traballos máis persoais.

Pola súa banda, a editorial El Patito acaba de publicar en galego, en versión de Xavier Queipo, un clásico do cómic independente norteamericano. Trátase de Cidade de cristal, a adaptación á banda deseñada da novela homónima de Paul Auster que levaron a cabo o escritor Paul Karasik e o debuxante David Mazzuchelli. Un cómic que fascina tanto polo atractivo do relato coma pola súa forte aposta formal. Tamén El Patito ofrece a publicación máis recente de Miguelanxo Prado, Mar interior, catálogo da exposición antolóxica do debuxante coruñés que se celebrou en Santiago nesta segunda metade de ano. Unha nova ocasión para saborear a característica beleza mariña das pranchas do noso autor máis internacional.

Jacobo Fernández Serrano vén de presentar Dragoneta, terceiro capítulo da súa exitosa serie Marcopola, unha cabeceira que vai camiño de converterse en referente do cómic infantil galego

Mentres agardamos por Destino Hergüss, o novo traballo de Manel Cráneo que verá a luz a principios de ano, podemos gozar dalgunhas das publicacións máis recentes de Demo, o selo editorial da súa creación e unha das apostas máis fortes da edición de BD do país. Nesta segunda metade de ano apareceron A causa do crime de Tokio, un relato policial ambientado no Vigo da movida, e Nacho Camacho de Jano, compilación das pranchas cómicas protagonizadas por este macho alfa do cómic galego.

E xa que falamos de Jano, non deberían perder ocasión de pasar pola web de O Botafumeiro e descargar os dous números aparecidos ata a data desta nova revista galega de humor satírico. Sexa para regalar ou para consumo propio.

'Bella Muerte',de Enma Ríos Dominio Público Praza Pública
'Dragoneta', de Jacobo Fernández Serrano © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.