As aulas non son lugar para o cinema

Proxección dun filme para o alumnado dun centro de ensino CC-BY-NC-SA Aula Sur

Ou iso parece, á vista da circular que nas últimas semanas a Consellaría de Educación lles remitiu aos centros de ensino, e da que este martes se fixo eco La Voz de Galicia. Ese texto lembráballes aos docentes a prohibición de proxectar filmes completos ou calquera outro material audiovisual na súa totalidade, segundo o previsto na Lei de Propiedade Intelectual.

Nas aulas, sinala a norma modificada hai uns meses, si se poderán exhibir fragmentos de obras audiovisuais sempre que "tales actos se fagan unicamente para a ilustración das súas actividades educativas", que a difusión teña lugar no horario lectivo (isto é, non como parte dunha actividade extraescolar), "que se trate de obras xa divulgadas" e "que as obras non teñan a condición de libro de texto, manual universitario ou publicación asimilada".

Na circular, Educación advirte de que, no caso de que non se respecten estes límites, as xestoras de dereitos poderán esixirlles aos centros autorización previa e mesmo poderían demandar compensacións económicas. En realidade a nova Lei de Propiedade Intelectual non modifica substancialmente a anterior nestes aspectos, pero a Consellaría xustifica o envío da nova circular na presión que recentemente tería recibido por parte das entidades que xestionan os dereitos de propiedade intelectual das produtoras. Ata agora, de feito, a lei (de 1996, modificada en 2006) permitía unicamente a proxección nas aulas de "pequenos fragmentos de obras".

Para González, a prohibición de proxectar filmes completos nas aulas “non ten ningún sentido” e constitúe "un elemento desmotivador"

Manuel González é pioneiro na formación audiovisual en Galicia a través do traballo que desenvolveu durante anos na Escola de Imaxe e Son da Coruña e hoxe segue reivindicando, coa práctica, a importancia pedagóxica do cinema na súa actividade docente no IES Concepción Arenal de Ferrol. Nas súas clases de Historia emprega habitualmente fragmentos de filmes, con tanto éxito que a súa canle de youtube (Cliphistoria), centrada na difusión de contidos didácticos sobre historia para o seu uso por estudantes, achégase aos cinco millóns de reproducións. Para González, a prohibición de proxectar filmes completos nas aulas “non ten ningún sentido” e constitúe "un elemento desmotivador", pois "se eu teño que pedir unha autorización para poñer un filme na clase para apoiar a materia que imparto, se teño que encher unha chea de papeis, seguramente o que farei será non poñer o filme”, di.

“O audiovisual abre as mentes e cambia unha persoa, interna e externamente. Os filmes son un elemento motivador, dinamizador, informativo e formativo. É lamentable que se poñan obstáculos burocráticos ou legais”, destaca. Para González, “o problema é que o cinema non está presente nos centros de ensino. Un rapaz ten que saber quen é Delibes ou quen é Suso de Toro, pero non sabe quen é John Ford ou Hitchcock ou Chano Piñeiro ou Zarauza. Creo que é tan importante que os rapaces vexan Sempre Xonxa coma que lean unha novela de Otero Pedrayo”. A cuestión fundamental desta prohibición, para o mestre, "é que demostra que non se entende o que debe ser o ensino. Denota unha falta de coñecemento absoluto sobre os procesos de socialización e aprendizaxe dos rapaces hoxe en día. A consecuencia é que un rapaz da ESO non ten ningún tipo de cultura audiovisual, aínda que practique esa mesma cultura audiovisual todos os días”, explica.

“O problema é que o cinema non está presente nos centros de ensino. Un rapaz ten que saber quen é Delibes ou Suso de Toro, pero non sabe quen é John Ford ou Chano Piñeiro"

“Non creo que a ningún autor ou produtor lle preocupe ou estea en contra de que un mestre proxecte nunha aula un filme seu”, comenta, e engade que “estas cousas non suceden en Francia". "A razón da boa saúde do cinema francés en boa medida vén da importancia que o audiovisual ten en todos os niveis educativos. E aí é onde os produtores cinematográficos españois deberían facer fincapé; cantos máis espectadores formados nunha cultura audiovisual haxa, mellor será para o cinema”, conclúe.

Proxección dun filme para o alumnado dun centro de ensino CC-BY-NC-SA Aula Sur

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.