"Cómpre combater a idea de amor que perpetúa os roles de 'machito' e princesa"

Carlos Negro © Xerais

Carlos Negro desprende sensibilidade, pódese apreciar a suavidade do lilá nas súas palabras. Cando recita transfórmase, muda, con forza e enerxía, coa experiencia das aulas e o sentir da vida. E é esa capacidade que atesoura de empatía a que fai que publique libros como Penúltimas Tendencias, editado na colección Fóra de Xogo de Xerais. E é importante por que ese libro está dirixido, ao igual que Makinaria, a unha franxa de idade, a xuvenil, na que combater estereotipos, roles de xénero prefixados, violencia contra as mozas e na que transmitir valores.

Por que te decidiches a escribir Penúltimas tendencias?
En cada poemario gústame cambiar de voz, xogar coa poesía. Neste caso quixen poñerlle voz a unha moza contemporánea. Nas mozas os roles de xénero están moi marcados, expostos totalmente ás mensaxes cargadas de estereotipos grazas aos medios de comunicación. Pretendo que reflexionen sen xulgalas, sementando dúbidas. Hai dez anos non vivían no inmediato das redes sociais e, aínda que existe máis información, tamén hai máis lixo. Penúltimas tendencias é a resposta a un retroceso na liberación dos estereotipos.

Como te documentaches para o proceso de creación?
Estiven unha temporada vendo series de televisión que, pola miña experiencia docente, sei que seguen as mozas, vin vídeos na rede, películas e lin revistas de beleza, atendendo á publicidade comercial que estas trasladan do mundo da moda e da imaxe: a Superpop, a Bravo, etc. Trátase dun mercado publicitario ao que as nosas mozas están expostas e que está especializado por idade e por sexo.

Cal era o teu obxectivo?
Empregar esa linguaxe pop, a que falan as mensaxes que dirixe a publicidade e crear unha moza ficticia que esta cambiando e que cuestiona ese mundo ou que dubida del. Combater esa linguaxe de Crepúsculo, Xogos da Fame, One Direction, Hanna Montana... e provocar emoción a través dos versos, quitarlles o medo, o medo á poesía, tamén a súa transcendencia. O libro aposta pola diversidade de emocións das adolescentes para que sexan libres, pula polo dereito á intimidade para que sexan conscientes de que hai experiencias persoais que non teñen porque compartir. Turra para que se cuestionen a realidade.

"Eles son cada vez máis conscientes da idea de igualdade, pero apenas perciben os micro-machismos como agresión"

Cal cres que é o maior reto á hora de combater os estereotipos?
Un dos hándicaps é o de combater a idea de amor romántico que empregan novelas como A tres metros sobre el cielo, de Federico Moccia e que tanto dano fan entre as rapazas, xa que perpetúan o rol de machito duro nos mozos e o rol de princesa nas mozas e, aínda que eles son cada vez máis conscientes da idea de igualdade, apenas perciben os micro-machismos como unha agresión.

Como son os obradoiros que desenvolves nas aulas e cal é a túa experiencia?
Adoito levar comigo unha serie de obxectos que emprego para combater o consumismo e os roles de xénero, a violencia tamén. Levo espellos, gloss, maquillaxe, pinta unllas... Creo certo misterio arredor deles para que se amosen atentos botando man de bonecas góticas ou barbies e fágoos pensar sobre o que quero transmitir en poemas meus como por exemplo en Casual look, Monster girl, Gótica ou en Princesa (contra) Disney. Tamén facemos cuestionarios como o que hai no libro e achego a visión da protagonista en poemas como Superpop e Guapa y a la última, entre outros. Emprego a poesía como ferramenta de aproximación e elas responden moi ben. Nun dos últimos obradoiros que desenvolvín no CPI Miño regaláronme unha morea de poemas contestando ao meu A que sabe o amor? e fiquei moi feliz.

"Desgraciadamente, parte do profesorado non le poesía"

Cres que hai suficiente presenza da poesía nas aulas?
Nós, os docentes, debemos exercer de mediadores para que se lea máis poesía e, desgraciadamente, parte do profesorado non le poesía. A poesía é moi produtiva dentro da aula, porque ademais de servirlles para coñecer vocabulario e aprender, é útil para falar en público, para transmitir emoción, serve para que reflexionen e fai que non se expresen como se estiveran a ler un prospecto dun medicamento. É un punto de partida e debe ser divertido, por que como en outros xéneros, existe de todo. Hai tamén poesía aburrida pero deben probala, é como a comida, para saber se che gusta debes probala, debes ler. Eu propoño no libro xogos intertextuais, que pensen, quitando transcendencia, e incluso fago un plaxio descarado, unha chiscadela rosa co poema Longa noite de pedra de Celso Emilio en Barbie girl.

"A escola é un factor castelanizante"

Penúltimas tendencias é tamén unha reflexión sobre a linguaxe e os prexuízos. Segundo a  última enquisa do IGE a presenza do galego nas mozas é alarmante. Que opinas sobre estes datos e que pretendes transmitir?
Todo o que está en inglés é guay, cool, sexy, happy e fashion, e é o idioma que usan as revistas, a publicidade, os estereotipos... No libro xogo con iso, fágoos cavilar arredor do uso da gheada e do seseo, fágolles que se cuestionen a lingua que empregaron os seus avós, falo sobre o galego. Entre a mocidade á que lle imparto aulas en Dodro afortunadamente hai galegofalantes pero a realidade noutros contextos é grave. Non sei cal é a forma de atallar o abandono da nosa lingua por parte dos adolescentes, pero a escola é un factor castelanizante. Hai un fracaso evidente das políticas lingüísticas cun retroceso claro e coido que se educamos en galego saberán utilizalo na vida diaria.

Carlos Negro © Xerais
Capa do libro © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.