“No mar habería que facer unha revolución, igual que na terra”

Suso Lista © Adriana Fraga

Salseiros (Edicións Embora), é un libro de relatos que respira vida. Frescura. Liberdade. Humor. Crítica e autocrítica. Unha achega ás historias de Corme. Da Costa da Morte. Do mundo enteiro. De mariños mercantes. Percebeiros. De peculiares santos. Soños. Utopías. De loitas. De medos. De sentires. Do que é importante e do que non. É a segunda obra en papel de Suso Lista, e recolle textos publicados no seu blog. Aínda que hai moito que comezou a escribila. Se cadra, cando embarcou aos 16 anos e comezou a ler clásicos. No medio do mar.

Salseiros recolle textos do teu blog. Como foi o paso ao papel?

Tiven o blog activo durante cinco anos. Escribía moito: todos os días. Despois pecheino e abrín unha conta no facebook, onde fago algo parecido: subo fotos e relatos. Un día Xosé Manuel Varela, que é de aquí ao lado, de Malpica, díxome que se non tiña pensado publicalos… Alfredo Conde animoume tamén moito a publicar. Eu nesas andaba falando con Galaxia por outro proxecto, que ía levar ilustracións de Jorge Cabezas. Faleilles tamén deste, pero non foi para adiante: tiña que esperar. Mais os de Embora interesáronse ao momento e, claro, eu encantado. Falei con Francisco Castro e pareceulle ben. Falei con Miguel Toval… e así foi. Son 58 relatos, que mesturan realidade e fantasía. Ao principio custábame escribir en galego. Teño 52 anos e deixei de estudar aos 16, e ademais estivera internado en Valencia para facer a EXB. A escola que tiven foi en castelán, e ademais lía en castelán. Aínda sigo aprendendo galego…

Contas nun dos relatos que escribes o que che sae, sen pensar moito antes. Por iso esa frescura…

É que non tiña ordenador na casa. Ía escribir, despois de traballar, ao local da Asociación de Veciños, e tiña moi pouco tempo antes de que pechasen. Ás veces ía xa no coche pensado un tema, pero nada máis. Non había planificación ningunha. As fotos servíanme de punto de partida, e escribía o que a foto me suxería.

Creo que foi Manuel Lourenzo, que che daba aulas de teatro, outro dos de que te animaron a publicar…

El foi o primeiro, de feito. Xa antes de que eu tivese o blog. Eu ao principio o que escribía eran os contos que me contou miña avoa e cousas así. Manuel Lourenzo animábame moito, e así comecei a escribir máis cómodo. Sempre che gusta que a xente tan importante lle guste o que fas… Tamén Manolo Rivas: foi outro dos que me dicían que escribise... Aínda que eu non son nada vaidoso. Creo que o importante é que te divirta escribir, e eu paseino moi ben escribindo estes relatos. Se non te divirte, non ten sentido. Entendo que Suso de Toro decidise abandonar, por iso.

"Eu o que quero é sacarlle á xente un sorriso coas miñas historias. Ademais, na Costa da Morte somos así. “Guasa” témola nós, e non os andaluces"

Eu o que quero é sacarlle á xente un sorriso coas miñas historias. Ademais, na Costa da Morte somos así. “Guasa” témola nós, e non os andaluces. Ou teñen eles ese humor negro que temos nós co tema da morte? Eu agora traballo de camareiro no bar de meu irmán, e á xente gústalle escoitar este tipo de historias… Ademais, en Corme todo o mundo fala galego. E houbo xente que me dixo que non lera nunca un libro en galego, e que o meu o lera dun tirón. A xente nunca tanto leu: lemos moito en internet. Pero se cadra non hai tempo para textos longos. Por iso funcionan ben os textos curtos, entretidos…

Cando se fala de mestura de realidade e ficción saen os tópicos: realismo máxico, Cunqueiro… Mais se cadra non é máis que a tradición de literatura oral, que é así.

Si, claro. É o tipo de historias que escoitabas. Ademais, eu non lera a Cunqueiro cando comecei a escribir. Despois lin As crónicas do Sochantre e quedei fascinado. Desde entón leo en galego sen problema. Como dicía antes, eu ao principio lía en castelán. De feito, comecei cando estaba embarcado como mariño mercante. Lía as novelas de vaqueiros de Estefanía. Despois xa comecei a ler outras cousas… Mais si, creo que á xente o que lle gusta, cando lle contan historias, é imaxinar. E eu tento escribir así, como se me estivesen contando a min unha historia. Despois, cada salseiro ten a súa gotiña…

"O mar é unha riqueza inmensa, e é incrible que a xente non poida vivir del e teña que marchar. Corme tivo case 5.000 habitantes no 1945. Agora somos uns 1.000. Teriamos que comezar de cero"

Nos relatos saen moitos temas relacionados contigo e con Corme. Como a túa loita pola pesca sustentable.

É un tema que sempre me preocupou, e máis cando fun patrón maior da confraría. É que no mar habería que facer unha revolución, igual que na terra. O mar é unha riqueza inmensa, e é incrible que a xente non poida vivir del e teña que marchar. Corme tivo case 5.000 habitantes no 1945. Agora somos uns 1.000. Teriamos que comezar de cero. Non é “deixar vivir”: hai que cumprir a lei, estar quietos cando é necesario, porque o mar ía agradecelo: a pesca, o marisqueo. Agora o que temos é un pobo case baleiro. Nós somos cinco irmáns e quedamos por aquí, e o traballo que hai é este: o mar. Aínda que sexa precario. E por suposto non defendo a precariedade. Mais temos que respectar o mar.

Tamén comentas que hai unha idea errada do furtivo como un pobre alcohólico que busca a vida… E que é parte da mesma “picaresca” que levou a algunha xente a cobrar indemnizacións do Prestige sen ter sido afectada por unha gota de fuel.

É verdade que á picaresca recorre máis a xente con menos cultura, menos ética… Tamén hai que ter en conta que aquí a xente levou paos durante séculos, e que a picaresca foi un xeito de supervivencia. Pero agora xa non é necesaria para sobrevivir, e segue existindo. O furtivo rouba aos pobres para darllo aos ricos, como digo nun dos relatos. Tamén é verdade que os furtivos son, moitas veces, xente con licencia.

Eu fun percebeiro 23 anos e, claro, tiven diante moitas mazás que trabar. Porque a tentación é forte: coller demais… Mais sempre cumprín a lei. E se picas un día, outro día non podes dicirlle nada a ninguén porque faga o mesmo. Ademais, o da permisividade é algo que vén de arriba. Hai moito politiqueo e moita mafia. Eu alucinei cando era patrón maior. Fun concelleiro do BNG, cun alcalde do PP. Dicíanme que eu tirara a confraría abaixo. E o único que fixen foi abrir o caixón. Se non somos honestos, non somos nada.

"A xente vai morrendo e hai cousas que podían ter cambiado hai 20 anos e seguen igual. Chegaba con que houbese tres persoas en cada pobo dispostas a poñer todo patas arriba"

De honestidade, e de humanidade, falas moito nos relatos. E de loitar, e non deixarse levar polo mar, que é máis doado. Nese sentido, non hai idealización de Corme como unha sorte de lugar feliz e perfecto. Falas de inmobilismo...

É que o que nos fai humanos é iso. Poder falar, mudar de idea se nos equivocamos… Mais é verdade que é máis fácil deixar que o mar te leve que loitar contra el. E ese inmobilismo non o hai só aquí. A xente vai morrendo e hai cousas que podían ter cambiado hai 20 anos e seguen igual. Chegaba con que houbese tres persoas en cada pobo dispostas a poñer todo patas arriba. Por iso nos meus relatos mandan os nenos, a xente nova. Pero é só metáfora…

Tamén comentas que é unha sociedade “tribal”, na que todos sodes iguais. E que cadaquén busca o xeito de gozar da vida. Con liberdade.

O da liberdade ten unha explicación fácil. En Corme sempre se traballou na mariña mercante. Nós, os pais, os avós, os bisavós… Sempre tivemos contacto co exterior, coas cousas novas. Iso fai que a xente sexa máis liberal. Aquí houbo dous cines e catro bandas de música. Paraban moitos barcos, era un pobo moi cosmopolita. Chegou a ser o segundo ou terceiro porto máis importante en exportación de madeira. Ademais, as casas están moi pegadas. A vida non é privada: xa nada se esconde porque todo se sabe. Cando se proclamou a República, aquí chegou a noticia antes, por mar, e izaron a bandeira republicana. Cando viñeron os cataláns montar as fábricas de salga, en Corme era xente de aquí a que montou todo, aprendendo dos outros. E así todo. Somos un pobo moi libre, e con moitas ganas de vivir e de facer cousas.

"En Corme sempre se traballou na mariña mercante. Nós, os pais, os avós, os bisavós… Sempre tivemos contacto co exterior, coas cousas novas. Iso fai que a xente sexa máis liberal"

Embarcaches como mariño mercante aos 16 anos. Aos 25 volviches á terra para traballar como percebeiro. Moito mundo debiches ver, xa que falas de cosmopolitas.

Era o traballo que había se non querías estudar. Tiña 16 anos, case 17. Fíxeno, ademais, de costas a meu pai, que tamén estaba embarcado. Un día chegou, preguntou por min e dixéronlle que embarcara. Eu andaba, si, descubrindo mundo. Europa, norte de África. Era o normal: falábase de Hamburgo, de Nova York, de Nova Orleáns…, como quen falaba do pobo de ao lado. Cando deixei de pasalo ben así decidín quedar na terra. Ademais, o do percebe era un traballo polo que loitar. O plan de explotación de Corme foi un éxito, imitado despois noutros sitios. Navegando foi como descubrín a literatura, ademais. Porque no barco hai moito tempo. Fíxenme un lector de clásicos moi asiduo.

A imaxe do traballo do percebeiro pode converterse en estampa turística. Mais ti falas de medo. Non de heroicidade, de épica.

Claro que tes medo. E un día collín medo de verdade. Estiven a micronésimas de segundo de soltarme, porque non aguantaba dos brazos. Souben o que era o medo. Eu sempre digo que respecto téñollo a meu pai. Ao mar, medo. Vin como sacaban xente do fondo. Unha nai que deixou catro fillos pequenos. Amigos mortos. Un vello que en vez de ir á festa foi ao mar e non volveu. Hai que estar alí para saber o que é o mar: o ruído que mete, a impresión. O inferno debe ser algo parecido.

"Navegando foi como descubrín a literatura, ademais. Porque no barco hai moito tempo. Fíxenme un lector de clásicos moi asiduo"

Falas tamén do Gran Sol. Dis que é xunta moi dura, porque se non o fose non aturaría esa vida. E que ás veces parece que non teñen sentimentos. Nese sentido, dis o contrario de Xurxo Souto, que ve poesía no medio da dureza.

Falo por exemplo de Villaverde, que é amigo íntimo. Poetas somos un pouco todos, ata o enterrador e o verdugo. O que pasa é o que eu destaco é a dureza, porque é unha vida moi dura. Eles mesmos contan cousas como que cando afoga un miran a ver se levaba un reloxio de ouro a ver se llo sacan. Por iso digo que ás veces parece que non son humanos. Supoño que será, tamén, ese humor negro que serve de mecanismo de defensa. É verdade, tamén, que era a xente excluída a que moitas veces embarcaba. Xente alcohólica, enganchada… que ao volver a terra gastaban a marea enteira en priva, en putas, en droga… Agora xa non é así. Xa se controla. Antes bebíase moito nos barcos.

Hai humor negro tamén no que contas da seita de Suso. E como unha crítica á hipocrisía que pode haber arredor da Igrexa.

Algo diso hai, si, cando me presento a min mesmo como un santo. E humor negro, claro, porque descubríronme un tumor na garganta, e cando te ves así… Cando me ían operar pensei que ía quedar sen voz. Pero quedoume unha voz mellor da que tiña. Antes tiña unha voz rota… Ademais, fun monaguillo, así que coñezo ben o tema dos santos, as misas, as xentes…

O que non comentas é nada do teu traballo como actor. O primeiro foi o papel en Mareas Vivas, supoño.

É que tampouco lle dou máis importancia cando non ando niso. En Mareas Vivas foi McGregor quen tirou por min. Que é ademais outro dos que me animaron a escribir. Como guionista, e con Omar Rabuñal, fixen Para mariñeiros, nós, primeiro en youtube e despois en V Televisión. E sigo escribindo. Gústame escribir diálogos e guións. Tamén teño pensado publicar un segundo libro de relatos.

"Pondal tivo relación con Corme. Era un pobo moi comunista para el. Seu irmán foi un dos que levaron o concello da Ponteceso, e nós sempre quixemos ser independentes"

Está ben o que contas de que Pondal se revolvería na tumba de ver a cultura actual, sen señoritos nin mansións.

É que Pondal tivo relación con Corme. Era un pobo moi comunista para el. Seu irmán foi un dos que levaron o concello da Ponteceso, e nós sempre quixemos ser independentes... Cóntanse moitas cousas de Pondal, como que atendía os enfermos pobres desde o balcón, para que non o contaxiasen. A min de himno gustábame máis que Queixumes dos pinos unha de Celso Emilio Ferreiro. Este é un pobo de moitas historias, de moitos personaxes.

Suso Lista © Adriana Fraga
Suso Lista © Xosé Manuel Varela
'Salseiros', de Suso Lista © AELG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.