Lapis galegos contra a barbarie

Unha das ilustracións recollidas pola AGPI © Leandro Barea

Os e as debuxantes, ilustradores e humoristas gráficas sentiron en carne propia o ataque contra os traballadores do Charlie Hebdo máis ca ninguén. Tamén aquí prodúcense decote accións de censura (por exemplo os casos de El Jueves ou Retranca nos últimos anos), pero os asasinatos de París fixeron emerxer a mesma sensación de medo e repulsa que seguramente seguíu ao atentado contra El Papus hai máis de 30 anos. A reacción deste colectivo, que en Galicia realiza dende hai moito tempo unha gran actividade e que conta co recoñecemento unánime da súa calidade, deu lugar a unha manchea de debuxos e cadriños de homenaxe.

Sete días despois do ataque contra o semanario publicábase o especial Eu son Charlie, que se distribuíu de balde con Diario de Pontevedra e El Progreso, con tal demanda que mesmo fixo que en moitos quioscos e puntos de venda se esgotasen estes dous xornais. A revista foi coordinada por Kiko da Silva (con quen faláramos o mesmo día do masacre) e nela colaboraron un gran número de creadores, como Ricardo Peregrina, Mel Prats, Judas, Rodrigo Cota, Jano, Fernando Ruibal, Orballo, María Varela, Kohell, Malagón, Gerardo Vilches, Castelao 2015, Kiko da Silva e os alumnos do Curso Profesional de O Garaxe Hermético, que nestes días realizaron algunha outra homenaxe aos asasinados.

Nese especial podíamos ler tamén algúns textos, coma o de Gerardo Vilches, que escribía que "a corrección política é perigosísima; non sabedes canto. Devén nun novo conservadurismo que rapidamente se volverá na nosa contra. Xa o está facendo". Ou Rodrigo Cota, que sinalaba que "detrás dos asasinatos do outro día hai algo máis absurdo que matar a alguén por facer unha viñeta: hai un intento de dicirlle ao mundo que é o que pode facerlle graza e que non".

De igual xeito, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) organizou un acto de homenaxe, a pasada fin de semana na Praza do Humor da Coruña, en colaboración coa Asociación Cultural Alexandre Bóveda, para manifestar "o seu firme compromiso coa liberdade de expresión a través do humor gráfico e a ilustración en xeral". Nesa concentración leuse un manifesto no que se afirmaba que "non existe ningunha razón que xustifique o asasinato dunha persoa por moito que a súa opinión contradiga ou mesmo poida chegar a ofender as opinións e crenzas propias" e que "a vida humana, a liberdade de prensa e a liberdade de expresión deberían estar por riba de calquera diverxencia ou conflito, e a súa garantía, por parte de todos os estados e todos os cidadáns, debería ser un compromiso incuestionable e irrenunciable".

A AGPI tamén foi recollendo unha serie de ilustracións realizadas polos seus asociados e asociadas, como Santy Gutiérrez, Leandro Barea, Nuria Díaz, Víctor Díaz, José Domingo, Bernal Prieto, Alfredo López ou Paula Mayor, entre outros. Todas as imaxes poden verse na páxina de Facebook da asociación.

Houbo máis reaccións, coma a da revista dixital O Botafumeiro, que escribía "Os tiraboleiros non estamos para moitas bromas despois do acontecido en París nas oficinas de Charlie Hebdo. Máis aló de debates, controversias e instrumentalizacións que xera un atentado coma este, queremos lembrar aos debuxantes e traballadores mortos da revista e defender o dereito a ofender".

E, por suposto, moitas máis fóra de Galicia. Dende o especial publicado por El Jueves, o de Orgullo y Satisfacción, a propia edición publicada por Charlie Hebdo en resposta aos asasinatos e moitas outras, realizadas por creadores de todo o planeta. As respostas tamén chegaron por parte dos debuxantes e humoristas gráficos dos países árabes, que denunciaron a hipocrisía de moitos dos líderes políticos que denunciaron os ataques á liberdade de expresión en Francia mentres limitan esa mesma liberdade nos seus países.

Unha das ilustracións recollidas pola AGPI © Leandro Barea
Debuxo de Santy Gutiérrez © Santy Gutiérrez
Capa do especial publicado por El Progreso e Diario de Pontevedra Dominio Público Praza Pública
Homenaxe das alumnas e alumnos de O Garaxe Hermético Dominio Público Praza Pública
O 'Nacho Camacho' de Cota e Jano Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.