“Os boxeadores foron os primeiros e auténticos heroes, deportivamente falando, da clase obreira”

Capa do libro © Editorial Galaxia

A Sebastián Faraldo, xornalista cincuentón, obeso e sentimental, sácano por uns días da crónica de sucesos para mandalo a cubrir, en Barcelona, uns combates de boxeo nos que vai participar o prometedor púxil galego Manuel Ramírez O Camión. É 1934, e a cidade recomponse tras o intento frustrado da proclamación do Estado catalán, nos días do estourido da revolución de Asturias. Coa loita de clases en plena efervescencia, os depredadores volven impoñer a súa lei. E Faraldo vese envolto na investigación dun asasinato e dunha desaparición que non son o que parecen. Diso vai Olympia Ring, 1934 (Galaxia), a nova novela de Xabier López.

O xornalista Sebastián Faraldo segue case igual desde a última vez que vos atopastes, en A vida que nos mata. Como foi o reencontro? Por que decidiches volver a este personaxe?

Segue case igual, certo; se cadra unha miga máis descrido , porque, ao cabo, temo que niso consiste realmente facerse maior. E sobre o noso reencontro, algo apunto nas notas finais da novela: de verdade que non me explico como apenas avellou un  par de anos (a trama de A vida que nos mata desenvolvíase principalmente en 1932) cando para min pasaron case... unha ducia. Será que o tempo é relativo, no fin de contas! Brincadeiras á marxe, sempre souben que as andanzas de Sebastián Faraldo non podían quedar nunha única novela. Non está ben que o diga eu, pero creo que é un personaxe que deixa pegada; el, e máis algúns outros secundarios que tamén “se deixan querer”: o Notario, Valiña, o doutor Barallobre... Certos proxectos adiaron o momento do retorno, mais o importante, para min, é que xa está aquí de volta.

"Á II República non a liquidou o Alzamento do 18 de xullo; o principio da fin chegou co programa de “goberno” desenvolvido pola dereita radical vitoriosa nas urnas en novembro de 1933"

A vida que nos mata desenvolvíase na Segunda República. Olympia Ring tamén. Desta volta, interesáronche sobre todo a revolución de Asturias do 34 e a proclamación do Estado catalán. É a etapa do “bienio negro”: a represión política, a censura, a Lei de Vagos e Maleantes... Tivo algo que ver a escolla desta época co intento de destacar, precisamente, a época menos progresista da Segunda República?

Resístome a crer que a historia sexa cíclica –iso sería realmente terrible- pero penso que existen certas cousas que cómpre non esquecer: entre elas, que cando comezaron a respirarse aires de cambio neste país –e por extensión en toda España- sempre apareceron movementos políticos  dentro do propio sistema dispostos a dinamitar as cativas conquistas do progreso. Á II República non a liquidou o Alzamento do 18 de xullo; o principio da fin chegou co programa de “goberno” desenvolvido pola dereita radical vitoriosa nas urnas en novembro de 1933: a amnistía prometida aos partícipes do golpe de estado de Sanjurjo, a paralización da reforma agraria, o restablecemento de relacións coa Santa Sede e a revisión da política de laicidade e as súas consecuencias prácticas (entre elas, póñase por caso, a que limitaba que fose o Estado quen pagase o salario do clero)... Por non falar do “desinterese”, cando non da aberta belixerancia, que amosaron a respecto das reivindicacións dos territorios diferenciados con ou sen autogoberno, como era a esas alturas o noso caso. Ademais, literariamente falando, todo “paraíso corrompido” ofrece unha chea de posibilidades ben  interesantes.   

"Xa case é un lugar común dicilo, pero a novela negra negra é un perfecto calidoscopio da sociedade que a produce"

En que se basea ese "revival" do xénero negro ao que parece que estamos a asistir? Que ten que ver co tempo de crise económica, política..? Por que ese interese, tamén, pola novela histórica (algo tiña diso O caderno...)?

Xa case é un lugar común dicilo, pero a novela negra negra é un perfecto calidoscopio da sociedade que a produce.  E por suposto que seríamos ben inxenuos se nos cremos que non houbo quen vivise xa as nosas  “crises”. Chamámoslle “novela histórica” (pola ambientación, e todo iso) pero a verdade é que, de analizármolas polo miúdo,  pouco mudaron as cousas dende os anos trinta do século pasado: cando menos  na mentalidade e nos problemas que se formulaban. E pode que ata nas respostas.

Outro aspecto histórico ao que lle prestas atención é o "pistoleirismo". "Días nos que os poderosos, coma sempre, conseguen que sexan os fillos da fame os que se maten entre eles". É dicir, xente de clase obreira que era recrutada para matar outra xente de clase obreira: os anarquistas...

Aínda que a novela se desenvolve durante os últimos días de 1934 (o combate entre Josep Gironès e Freddie Miller que serve de catalizador ten lugar o primeiro de decembro dese ano) moitas das cousas que suceden na Barcelona da época traen causa dos primeiros anos vinte. Aí está por exemplo a memoria de Francesc Layret, o avogado, o amigo de Companys, abatido a tiros en 1920 polos pistoleiros “brancos” do Sindicato Libre, unha auténtica forza de choque pagada polos empresarios para manter no seu sitio os da CNT e as protestas obreiras. Como se sostén no libro (de feito, dándolle título a unha parte) ,“O pasado sempre volve”: e nese tumultuoso pasado, os que empuñaban as pistolas nos dous bandos non deixaban de ser, en terminoloxía da época, compañeiros de camada. “Monicreques”, se non é ousado dicilo así. Eran outros os que movían os fíos.  

"Tanto Manuel Ramírez Castro, O Camión, coma o Martell, non deixan de ser abstracción de todos aqueles mozos da época que vían no boxeo unha maneira de saír adiante, deixando atrás as máis das veces un entorno cheo de penurias"

O teu protagonista é un boxeador galego, que ademais é membro do Partido Galeguista. Fíxome pensar en Sangue sobre a neve de Manuel Forcadela: un boxeador, crónica negra, retrato dunha cidade e dunha clase social... Como xorde este personaxe?

Ben. Tanto Manuel Ramírez Castro, O Camión, coma o Martell, non deixan de ser abstracción de todos aqueles mozos da época que vían no boxeo unha maneira de saír adiante, deixando atrás as máis das veces un entorno cheo de penurias. Durante un tempo, os boxeadores chegaron a gañar máis cartos ca os futbolistas. Dalgún xeito, foron os primeiros e auténticos heroes, deportivamente falando, da clase obreira. Co Camión, non obstante, propúxenme rachar o estereotipo para botarlle máis “pementa” ao asado, se podo dicilo así. O púxil pontevedrés non só é militante do Partido Galeguista: falamos dun mozo que é amigo dos libros, que ten estudos de bacharelato, que escribe poesía, que  planifica ao milímetro os seus adestramentos e as súas dietas... Sempre me gustaron os perfís aparentemente contraditorios.   

Nese sentido, o teu libro está moi marcado, precisamente, pola loita de clases. Aínda que alguén di: "Loita de clases? Eu non a chamaría así: a expresión, no fin de contas, meu amigo, non fai indicación ningunha de quen perde sempre". Estás de acordo co teu personaxe? De que xeito é, esta novela, iso, un retrato a loita de clases na Segunda República?

“En el relato, escrito con estilo desgarrado y un tanto burlesco, aparecen ridiculizados los partidos de la CEDA y Falange que se presentan como principales responsables de las alteraciones sociales. Abundan los comentarios de mal gusto y las expresiones soeces puestas en boca de hombres y mujeres de los barrios bajos de Barcelona”. Créase ou non, isto forma parte da recensión da novela que calquera lector pode atopar na web dunha coñecida rede de librerías cristiás. Eu non sei se chamarlle ou non loita de clases. Ora que, chámese como se chame, parece que a cousa non queda na Segunda República, non si?  

"A novela negra ten as súas regras e un non pode (nin debe) sacar demasiado os pés do testo"

En canto ao xeito en que está contada, non ten por exemplo a complexidade de Cadeas. Pero, malia a narración lineal e o abondoso diálogo, inclúe textos xornalísticos, anacos dun diario... Foi, nese sentido, unha volta a un tipo de narración máis clásica desde Cadeas?

A publicación de Cadeas, amais de moitas satisfaccións, sobra que o diga, tróuxome, e digo como autor, un bo problema: “E agora que fago? Por onde tiro? Que se espera despois disto?”. A volta á novela negra solucionou durante un tempo o asunto. A novela negra ten as súas regras e un non pode (nin debe) sacar demasiado os pés do testo. Dende ese punto de vista, as “ousadías formais” (os textos xornalísticos ou ese diario do que falas) están perfectamente integradas –e xustificadas- na trama. Con outras palabras: non creo que muden a percepción final do lector sobre se está lendo ou non unha novela negra.   

"A Censura, recoiro, a Censura. A Vella. A Comellona. A Innomeable". Cando falas de censura, ou de violencia política (veña de onde veña), parece que tamén estás a falar da actualidade. Era a intención? Por que?

Antes falabamos, con todos os matices,  de estarmos perante unha mestura de novela negra e novela histórica. Pois ben: en realidade, a novela histórica nunca nos está contando a época na que se sitúa a trama. Nunca.

"Non son historiador. Nin sequera vocacional. O que si é certo é que daquela, como agora, Cataluña ía varios pasos por diante dos outros territorios diferenciados de España. E aí está para ben ou para mal como modelo"

Todo acontece en Barcelona. Nunha conversa alí, o xornalista comenta que os galegos non discuten de política entre eles como di o tópico sobre os españois. Malia que el mesmo e Manolo, por exemplo, falan da división no Partido Galeguista. De que maneira o teu libro é tamén retrato do que era Galicia nese momento, aínda que todo aconteza en Cataluña?

Olympia ring, 1934 é ante todo, unha ficción, unha novela. Certo que busquei un escenario, un pano de fondo con reberetes históricos, mais non pretendo nin pontificar nin propoñer teses. Non son historiador. Nin sequera vocacional. O que si é certo é que daquela, como agora, Cataluña ía varios pasos por diante dos outros territorios diferenciados de España. E aí está para ben ou para mal como modelo. O rexionalismo galego, o noso primeiro nacionalismo máis ou menos consciente, non existiría sen o exemplo do rexionalismo catalán, como creo que tampouco poderíamos falar do Rexurdimento sen que antes tivese lugar unha Reinaxença...  Que Cataluña foi sempre espello ou molde queda ben de manifesto cando Emilia Docet, a galega que chegou a ser miss España, se atrevía a dicir á prensa que a Galicia lle facía “moitísima falta” un home coma Macià.

"Dende certo punto de vista, todos son motivos literarios tremendamente violentos"

O libro ten moito de reflexión sobre a violencia: a violencia dos sucesos que sacan os xornais, a violencia e a represión política, a violencia da patronal... Non sei canto pode ter que ver coa túa profesión, (non sei se levas temas penais), mais, cal é a reflexión de fondo que quixeches deitar sobre iso? Nese sentido, fíxome pensar en O mono no espello e na súa banda existencial.

Non, non son penalista (de ser así, talvez non me quedarían ganas de escribir novela negra); o que non quita que poida apreciar, como calquera outro membro da sociedade, que se ben as nosas pautas de conduta social non están ao cento por cento identificadas co hobbesiano “homo homini lupus”, os depredadores levan tempo gañando a partida. Violencia? Pois si. Con todos os matices que se queira  -incluído o recurso ao humor para adozar certas situacións- , pero falamos de novela negra. Da relación temática con outros títulos...  Ben, penso que a violencia que se poida detectar en O mono no espello, por poñermos un exemplo, non é tanto a “violencia social” característica neste xénero narrativo, como unha que se exercería contra un mesmo e enteiramente relacionada, por activa e por pasiva, coas tensións dimanantes da nosa “prezada” individualidade. Os temas do espello, das carautas, das suplantacións, isto é, do “dobre”, en suma, sempre me interesaron moito. E, dende certo punto de vista, todos son motivos literarios tremendamente violentos.

Xabier López Dominio Público Praza Pública
Capa do libro © Editorial Galaxia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.