Voadora, Chévere e Il Maquinario copan as candidaturas aos María Casares

Presentación dos nomeados e nomeadas © Premios María Casares

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) anunciou este xoves os nomes dos finalistas aos XIX Premios María Casares, uns galardóns que se entregarán o vindeiro 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro, no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os nomeados déronse a coñecer nunha presentación que se celebrou esta mañá na sede do Consello da Cultura Galega.

A tempestade, de Voadora, convértese neste 2015 na produción con maior número de finalista, ao obter un total de 10 candidaturas. Perplexo, de ilMaquinario Teatro, aspira a 9 galardóns. A terceira gran favorita é Ultranoite no País dos Ananos, de Chévere, que opta a sete premios. Estas tres montaxes disputaranse os galardóns ao mellor espectáculo e á mellor dirección. Fran Lareu e Fernando González (Perplexo) e Machi Salgado (O Feo) competirán polo premio ao mellor actor protagonista. Melania Cruz e Laura Míguez (Perplexo), Elina Luaces (Meu Ben), Luisa Merelas (Longa viaxe cara á noite) e Sheyla Fariña (Roedores) optarán ao premio á mellor actriz.

Roedores, de Redrum Teatro; As fabas máxicas, de Caramuxo Teatro; e A Casa do Avó, de Tanxarina, son as tres obras finalistas ao galardón ao mellor espectáculo infantil

A gran novidade da edición 2015 dos María Casares é que por primeira vez se outorgará un galardón ao mellor espectáculo infantil. Roedores, de Redrum Teatro; As fabas máxicas, de Caramuxo Teatro; e A Casa do Avó, de Tanxarina, son as tres obras finalistas.

Kassa, de Elefante Elegante, consegue tres nomeacións, ao igual que As fillas bravas, de Chévere. Pola súa banda, Pequenas Certezas, de Sarabela Teatro; Pan! Pan!, de A Panadaría; Meu ben, de Eme2; e Roedores, de Redrum Teatro, acadaron dúas nomeacións. Finalmente, Ra, Ra, Ra, de Abrapalabra Creacións Escénicas; Demolición, de Talía Teatro; Bobas&Galegas, de Producións Teatrais Excéntricas, Longa viaxe cara á noite, do Centro Dramático Galego; O Feo, de CatroCadeiras, As fabas Máxicas, de Caramuxo Teatro, e A Casa do Avó, de Tanxarina aspiran a un galardón.

Un total de 43 montaxes e 370 profesionais participaron no proceso neste 2015, cifras moi superiores ao do curso anterior

Durante a presentación, ademais, destacáronse as cifras que se rexistraron ao longo do proceso de inscrición aos premios, xa que un total de 43 montaxes e 370 profesionais participaron no proceso neste 2015, cifras moi superiores ao do curso anterior onde só 26 montaxes e 240 profesionais presentaron as súas candidaturas, unhas cifras que para a AAAG amosan "que malia o panorama de crise, o sector teatral galego segue a traballar para o público e a realizar un traballo de calidade".

Ademais, fíxose fincapé na proxección exterior que está a conseguir o teatro galego pola súa calidade. Mostra diso é a repercusión máis alá do noso país que están a ter as compañías con maior número de nomeacións nestes María Casares. Neste senso, subliñouse o Premio Nacional de Teatro outorgado a Chévere en 2014, as xiras de Voadora fóra de Galicia (e o seu vínculo especial co público luso) e ilMaquinaria, que malia ser unha compañía de recente formación constituída por valores novos do noso teatro, está a visitar teatros de fóra de Galicia e, como se deu a coñecer hai poucos días, visitará en marzo Dferia, mostra de teatro de Donostia, entre outras actuacións que ten previstas en Euskadi.

Cartaz da XIX edición dos galardóns Dominio Público Premios María Casares

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.