O teatro perdeu 200 mil espectadores en Galicia dende o 2009

Evolución do número de espectadores e espectadoras do teatro en Galicia Dominio Público Praza Pública

As artes escénicas, nomeadamente o teatro, atravesan en Galicia unha fonda crise á que este mércores un informe do Observatorio da Cultura Galega lle puxo cifras. O Panorama estatístico das artes escénicas galegas, que recolle datos dos últimos anos de distintas fontes, revela un descenso continuado, dende o ano 2009, no número de representacións, de espectadores e espectadoras e de recadación, que continuou en 2013. Esta situación tamén provocou unha redución no número de compañías teatrais. A situación é semellante no tocante á danza e ao xénero lírico.

Os datos son claros. Das 2.944 obras de teatro representadas en 2009, pasouse a 1.495 en 2013, un descenso do 49%. O mesmo sucedeu coa cifra total de espectadores e espectadoras, que caeu das 549 mil de 2009 (chegara a acadar os 580 mil en 2007) ata as 355 mil de 2013; una caída de case 200 mil persoas, ao redor do 35% en catro anos. A recadación total diminuíu nunha proporción semellante, dende os 3,2 millóns de euros de 2009 ata os 2,4 millóns de 2013.

É certo que o descenso no número de espectadores e obras é xeral en toda España, pero a caída é maior en Galicia en termos proporcionais: no conxunto do Estado en 2013 representáronse un 26% menos obras que en 2009 e o público total caeu un 28%. Galicia é a oitava comunidade autónoma en número de representacións teatrais, por detrás de territorios coma Euskadi, Aragón ou Castela-León con menor poboación. 

  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013
Representacións 2.747 2.597 2.944 2.611 1.857 1.506 1.495
Espectadores (en miles) 580 563 549 491 430 397 355
Recadación (miles de euros) 2.490 2.539 3.200 2.607 2.445 2.368 2.364
Compañías 221 249 267 267 249 221 213

Podemos realizar unha análise semellante do que atinxe á danza e ao xénero lírico. En 2013 houbo en Galicia menos da metade de espectáculos de danza que en 2009, pasando de 169 a 77. E o mesmo sucedeu co xénero lírico, que pasou de 51 a 22 representacións. En paralelo, o número total de espectadores destes dous xéneros pasou de 100 mil a 48 mil. 

En xeral, como destaca o informe do Consello da Cultura Galega, o gasto medio en acceso a espectáculos das familias galegas sitúase no derradeiro lugar entre todas as comunidades autónomas, cunha media de 36,5 euros por fogar e ano, por debaixo da metade da media española (77,8 euros). O dato galego está moi lonxe mesmo do de comunidades como Estremadura (46,5), Castela-León (48,6) e Castela-A Mancha (53,8) e, ademais, experimentou un descenso constante dende o 2007, cando era de 74,4 euros por fogar e ano. En total, os galegos e galegas gastan 34 millóns de euros menos en acceso a espectáculos cada ano do que facían en 2007.

Evolución do número de espectadores e espectadoras do teatro en Galicia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.