Os antigos cárceres de Málaga e Murcia serán centros culturais. E o da Coruña?

O antigo cárcere provincial da Coruña, nunha foto tirada o pasado verán Dominio Público Proxecto Cárcere

Os antigos cárceres provinciais de Murcia e Málaga, abandonados dende hai anos, serán rehabilitados nos vindeiros meses e convertidos en centros culturais, segundo anunciaron nas últimas semanas os gobernos municipais de ambas as dúas cidades. Nos dous casos trátase dunha vella demanda do tecido cultural e asociativo murciano e malagueño, que levan anos alertando da degradación destes valiosos e céntricos edificios e reclamando que se lle dean novos usos públicos. Unha situación previa e unhas demandas moi semellantes ás que dende hai anos se veñen realizando na Coruña. Porén, na cidade herculina non se albisca unha solución próxima, coa prisión aínda en mans do Ministerio do Interior.

No caso de Málaga, o edificio pertencía á Sociedade Estatal de Infraestruturas e Equipamientos Penitenciarios (SIEP), o mesmo que o da Coruña. Porén, en 2012 o concello malacitano negociou con este organismo dependente do Ministerio do Interior e conseguiu a súa cesión. O mesmo fixo Murcia en 2013 para facerse coa propiedade da prisión, propiedade do Ministerio de Facenda.

As cousas van máis lentas na Coruña. Neste senso, o colectivo Proxecto Cárcere esíxelle "tanto ao goberno da Coruña como á Sociedade de Infraestruturas e Equipamentos Penitenciarios" que "estean á altura e axilicen canto antes os trámites para o traspaso á cidade da nosa antiga prisión provincial". Hai unhas semanas o alcalde coruñés, Carlos Negreira, invalidou o convenio de 2005 polo que o Concello debería pagar 1,2 millóns para recuperar o cárcere, un convenio criticado polo Consello Consultivo. Porén, o Ministerio do Interior teima en manter a propiedade do cárcere e xa recorreu ante a Audiencia Nacional a decisión do Concello, polo que a batalla xudicial continuará.

Proxecto Cárcere denuncia que o Concello da Coruña está inmerso "nunha contenda xudicial sen ningún resultado práctico máis alá dos gastos xudiciais que conleva"

Proxecto Cárcere destaca que nos casos de Murcia e Málaga as súas corporacións municipais, ambas do PP, o mesmo que a coruñesa, "foron quen de conseguir por parte da Administración central a cesión destes edificios nesta última lexislatura". Pola contra, denuncian, o Concello da Coruña "ignorando dende o primeiro día a este colectivo cidadán" está inmerso "nunha contenda xudicial sen ningún resultado práctico máis alá dos gastos xudiciais que conlevan, sen esixir responsabilidades da anterior administración municipal e co edificio cada vez en peores condicións en pleno paseo marítimo e na zona de protección da Torre de Hércules". A entidade pídelles a Concello e Ministerio que "aforren os cartos que supón manter esta loita xudicial" e que os dediquen "a acondicionar o edificio e poñelo en mans da cidadanía, que tanto precisa dun espazo de seu nestes momentos".

Murcia e Málaga, gobernadas tamén polo PP, "foron quen de conseguir por parte da Administración central a cesión  destes edificios nesta última lexislatura"

O colectivo sinala que aínda que non comparte o "modelo de xestión" escollido para os futuros espazos culturais e artísticos en Málaga e Murcia, o "proceso de posta en valor", o seu destino público e as funcións que terán si coinciden coas propostas que Proxecto Cárcere leva facendo dende hai catro anos. A antiga prisión provincial de Málaga, construída en 1933 e pechada en 2009, recibirá un investimento de seis millóns de euros para ir poñendo en uso os seus distintos espazos. O Goberno municipal da cidade comprometeuse en buscar a cooperación dos "artistas" para o "deseño da xestión". Durante anos un movemento cívico loitou pola recuperación da propiedade da prisión para darlle un "uso cívico, social e cultural". Agora, vén de reactivarse para fiscalizar o proceso iniciado polo concello a dous meses das eleccións municipais.

En Murcia a Concejalía de Cultura prometeu a pasada semana iniciar un programa de consultas con participación cidadá e de expertos para decidir o seu modelo de xestión e os seus usos buscando cubrir “as demandas e iniciativas culturais da cidade”. Entre as posibilidades de transformación do antigo cárcere están, por exemplo, a creación dunha biblioteca e un centro de documentación, a creación de espazos de traballo para artistas e residencias, salas de exposición multimedia

Fachada do antigo cárcere provincial de Málaga © Por un uso cívico, social y cultural de la antigua prisión de Málaga
Xornada de portas abertas realizada no cárcere coruñés hai uns anos CC-BY-SA nosolosw
Cárcel Vieja de Murcia © carcelviejamurcia.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.