Que facía Kaurismäki en Compostela?

Cartaces de NUMAX, xa distribuídos por Santiago CC-BY-SA NUMAX

"Programando este filme tan malo, con certeza esta iniciativa non é comercial". "Están pola cultura, e eu tamén". Que fala é o director de cine Aki Kaurismäki, que o pasado venres apareceu "por sorpresa" en Compostela. E, para que? O autor foi o inesperado e máis celebrado convidado da preapertura de NUMAX, o cinema independente cooperativo que, apenas seis meses despois de lanzarse á procura de avais económicos, está a piques de botar a andar na capital galega.

As persoas impulsoras desta cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro quixeron agradecer o apoio de quen as avalaron programando unha proxección dunha copia restaurada do filme Nubes pasaxeiras e o director "apareceu por sorpresa" na sala. "Termos a Aki Kaurismäki no acto de preapertura, entre os cascallos da obra en marcha, é máis do que eramos capaces de imaxinar e desexar", sinalan dende NUMAX. "O comezo da  nosa andaina acompañados" por "unha grande parte" das persoas que "fixeron isto posible non puido ser máis feliz", aseguran.

Tras a preapertura, reservada ás persoas avalistas, NUMAX anunciará nos vindeiros días a data de apertura para o público xeral

Esa felicidade semella que irá a máis nos próximos días cando, nunha data aínda por confirmar, NUMAX abra as súas portas para o público en xeral. A presenza das persoas avalistas e do propio Kaurismäki tornou a velada en "algo moi especial", recollen dende a revista de crítica cinematográfica A cuarta parede. Na súa curta estancia en Santiago Kaurismäki tamén deixou outro "gran titular", destacan: "O mal non existe sen ideas tan burras como esta sociedade".

Cando NUMAX bote a andar será a única sala independente do país con filmes en versión orixinal que serán proxectados nunha sala de 70 butacas "equipada coa última tecnoloxía de proxección dispoñíbel para o cinema dixital". A súa programación incluirá "entre 6 e 8 filmes diferentes por mes, con proxeccións diarias de martes a domingo" e combinará "as últimas estreas" coa "reposición de filmes clásicos en copias cabadas de dixitalizar", así como co "descubrimento de novas e novos cineastas". Ademais do cinema, nos case 200 metros cadrados da cooperativa inclúense "unha libraría de literatura, arte e pensamento e un estudo de deseño gráfico, comunicación e produción audiovisual".

Kaurismäki, nunha imaxe amosada por NUMAX CC-BY-SA NUMAX

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.