0 Gardados para despois

IlMaquinario e Chévere triunfan nos María Casares

Redacción | @prazapublica

O "ceo de mil bombillas" creado por Elefante Elegante no Teatro Rosalía Castro da Coruña serviu na noite deste xoves como escenario para a entrega dos XIX Premios de Teatro María Casares, aos que concorrían 16 espectáculos en 14 categorías e nos que as compañías IlMaquinario Teatro e Chévere foron as grandes triunfadoras. A gala tornou, asemade, en toda unha declaración de "amor ao teatro.

A montaxe Perplexo, de IlMaquinario, foi a que aglutinou un maior número de premios, ao obter a distinción ao mellor vestiario, para Yaiza Pinillos, mellor iluminación (Tito Asorey e Germán Gundin), mellor adaptación-tradución (Catuxa Pato e Tito Asorey), e tamén dous dos principais galardóns, a mellor dirección, para Tito Asorey, e a distinción como mellor espectáculo. Pola banda de Chévere o espectáculo galardoado foi a súa celebrada Ultranoite no país dos ananos, que levou tres premios: mellor música orixinal (Xacobe Martínez Antelo), mellor texto orixinal (Manuel Cortés) e mellor actor secundario (César Goldi).

Ademais de IlMaquinario e Chévere outras seis compañías foron distinguidas na festa do teatro do país. Elefante Elegante, Sarabela Teatro, A Panadaría, CatroCadeiras, Eme2 e Tanxarina tamén obtiveron premios nunha gala na que a vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Victoria Pérez, lle puxo voz ao discurso da directiva da asociación. Nesta intervención Pérez agradeceu a colaboración das entidades que colaboraron na gala, "compañeiras de viaxe" e reivindicou un oficinio no que, salienta, "defendemos que as condicións do traballo sexan boas, que as emocións non teñan incómodos prescindibles".

A Asociación de Actores e Atrices reivindica o "amor ao teatro" e "unhas boas condicións de traballo"

Nun contexto no que a asociación está a negociar o segundo Convenio do Teatro de Galicia e seguindo, asemade, a negociación do Convenio do Audiovisual, Pérez resalta que "queremos facer o noso traballo ben e en boas condicións, queremos facer bos espectáculos e presentarllos ao noso público como se merecen". De aí, indica, a "importancia do convenio", porque "o seu cumprimento leal favorece a todo o mundo". Neste sentido, resalta, "unha das armas máis importantes que todos temos é dicir non; dicir non cando se pretenda que traballemos" xa "non por debaixo do convenio", senón "por baixo do mínimo". "Pódese dicir non", evidencia.

A reivindicación dun "trato axeitado por parte da TVG" e o convite ao novo conselleiro Román Rodríguez, a que "se mergulle na Cultura" estiveron tamén presentes nunha gala conducida por Elefante Elegante e concibida como unha "viaxe cara á multiculturalidade". A intención da cerimonia foi amosar un "espello de vida dos actores" no tempo en que se movían "como viaxeiros polo mundo". O elenco da gala estivo formado por Iria Pinheiro, Ángela Blanco, Pablo Sánchez e os propios María Torres e Gonçalo Guerreiro e Suso Montero ideou a escenografía, confeccionada por Iluminaciones Santiaguesas e o Centro Dramático Galego.

Todos os premios

1. Mellor Maquillaxe

Raquel Fidalgo ‘Pequenas certezas’ Sarabela Teatro

2. Mellor vestiario

Yaiza Pinillos ‘Perplexo’ ilMaquinario Teatro

3. Mellor iluminación

Tiso Asorey e Germán Gundín ‘Perplexo’ ilMaquinario Teatro

4. Mellor música orixinal

Xacobe Martínez Antelo ‘Ultranoite no país dos ananos’ Chévere

5. Mellor adaptación-tradución

Catuxa Pato e Tito Asorey ‘Perplexo’ ilMaquinario Teatro

6. Mellor texto orixinal

Manuel Cortés ‘Ultranoite no país dos ananos’ Chévere

7. Mellor escenografía

Carolo Losada Soto ‘Kassa’ Elefante Elegante

8. Mellor actriz secundaria

Areta Bolado ‘PAN! PAN!’ A Panadaría

9. Mellor actor secundario

César Goldi ‘Ultranoite no país dos ananos’ Chévere

10. Mellor actriz protagonista

Elina Luaces ‘Meu ben’ Eme2 Producións

11. Mellor actor protagonista

Machi Salgado ‘O Feo’ CatroCadeiras

12. Mellor dirección

Tito Asorey Perplexo ilMaquinario Teatro

13. Mellor espectáculo infantil

‘A CASA DO AVÓ’ Tanaxarina

14. Mellor espectáculo

‘Perplexo’ ilMaquinario Teatro

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.