Anxo Lugilde recibe o Puro Cora cunha reivindicación do xornalismo honesto

Lugilde (segundo pola esquerda), con autoridades asistentes ao acto © El Progreso

Vinte e cinco anos despois do inicio da súa carreira profesional o xornalista, politólogo e doutor en historia Anxo Lugilde recolleu o pasado mércores en Lugo o premio Puro Cora, un dos principais galardóns xornalísticos do país e, posiblemente, un dos premios máis lucenses que é posible recibir. Nun acto inzado de "autoridades" -entre elas, citou o autor con retranca, a súa nai-, Lugilde recolleu o premio a súa traxectoria profesional cunha reivindicación do traballo dos "plumillas galegos", dos redactores de base, e do xornalismo honesto.

Na sede do Grupo El Progreso, que convoca o premio, Anxo Lugilde realizou un percorrido pola súa bagaxe profesional, ampla aínda que, como destaca o xurado, o xornalista aínda é novo. "Con 44 anos, xa non son tan novo", ironizou, nun contexto no que, reflexiona, a súa idade é propia da mocidade se se compara coa "demografía lucense" no seu conxunto, caracterizada por un importantísimo avellentamento poboacional.

Lugilde destaca o seu empeño por non caer no "comportamento" dalgúns analistas que "asesoran a políticos e teñen empresas de comunicación": "Non podes analizar e cobrar dos que analizas"

Alén de idades Lugilde fai bandeira da credibilidade que debera destilar o xénero da crónica política, que el cultiva cada domingo no "espazo de liberdade semanal" que, afirma, supoñen para el as crónicas que asina en El Progreso e no Diario de Pontevedra. Como recolle este xoves o xornal lucense o premiado subliña o seu empeño en "non ter comportamentos" que si é posible observar noutras latitudes da crónica política do país, con analistas que "asesoran a políticos e teñen empresas de comunicación" que tiran réditos da xestión deses mesmos políticos. "Non podes analizar e cobrar dos que analizas", destaca, nun contexto no que cre necesario dar paso á "nova xeración" de cronistas políticos en Galicia. Algúns, lamenta, "empezaron coa Transición e seguen sendo popes con sesenta ou setenta anos".

Con esta declaración de principios Lugilde deu en dedicarlle o premio a unha das principais materias primas das mesmas: as fontes. Ante un auditorio cunha nutrida representación política, encabezada polo presidente da Xunta e no que sentaban tamén os líderes de PSdeG e BNG, entre outros, o xornalista indicou que sería posible atopar algunhas desas fontes "entre os que están, os que se imaxinan e outros que non, compañeiros no colexio de Lugo, nalgúns casos"

Ademais do seu labor semanal como cronista no Grupo El Progreso Anxo Lugilde exerce tamén actualmente como correspondente do xornal La Vanguardia para Galicia e Portugal. É, asemade, o autor do volume De Beiras a Podemos: A política galega nos tempos da troika (2012-2014), editado por Praza Pública en colaboración con Meubook, 

Lugilde, durante o seu discurso © El Progreso
O autor, tras recibir o premio © El Progreso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.