O audiovisual galego prepara a súa festa

Unha das edicións anteriores dos Mestre Mateo © Academia Galega do Audiovisual

O Palexco da Coruña acollerá este sábado a gala de entrega da décimo terceira edición dos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual. O espectáculo será conducido por Roberto Vilar e homenaxeará a Fely Manzano co Premio Mestre Mateo de Honra. A Esmorga (16), Os Fenómenos (11), Schimbare (8) e a serie Serramoura (9) suman o maior número de candidaturas.

Ademais das tres longametraxes sinaladas tamén El Niño competirá polo premio ao mellor filme. A tropa de trapo na selva do arco da vella, Maimiño e Noite de paz? Holy Night! son finalistas na categoría de mellor longametraxe de animación. A viaxe de Leslie, A volta dos nove, Angrois no esquecemento e Funes o inventor da lúa optan ao premio ao mellor documental.

Álex Sampayo (Schimbare), Alfonso Zarauza (Os Fenómenos), Ignacio Vilar (A Esmorga) e Miguel Conde e Jorge Saavedra (Serramoura) pelexarán polo premio ao mellor director. Alberto Guntín, Víctor Sierra e Xose Morais (Serramoura), Alfonso Zarauza e Jaione Camborda (Os Fenómenos), Ignacio Vilar e Carlos Asorey (A Esmorga) e  Xavier Bermúdez (O Ouro do Tempo) son finalistas na categoría de mellor guión.

Antonio Duran "Morris" (A Esmorga), Karra Elejalde (A Esmorga), Luis Tosar (El Niño) e Miguel de Lira (A Esmorga) son candidatos ao galardón ao mellor actor protagonista. E Candela Peña (Schimbare), Lucia Regueiro (Serramoura), Mabel Rivera (Pazo de Familia) e Nerea Barros (O ouro do tempo) son candidatas á mellor actriz protagonista.

 

Televisión

Casa Manola, de Filmanova para TVG; Era Visto!, de Producidos Zopilote para TVG; Pazo de Familia, de Central de Telecontenidos para TVG; Serramoura, de Voz audiovisual para TVG optarán ao premio á mellor serie para televisión. A Casa da Conexa (Ficción Producciones e TVG), Galegos no mundo (Portocabo e TVG), Luar (TVG) e Zigzag Diario (TVG) loitarán polo galardón ao mellor programa de televisión. E Fernanda Tabarés (Vía V), Marga Pazos (Telexornal Mediodía), Marta Doviro (Mais galego) e Xosé A. Touriñán (A casa da Conexa) poden levar o premio ao mellor comunicador ou comunicadora de TV.

 

Outras categorías

Polo premio á mellor webserie competirán Clases de lo social. La webserie (Volvemos a Primera, Pablo Cacheda e Claqueta Coqueta), El método sueco (Porco Bravú), Fame Webserie (Audiobeesual) e Te quiero, pero (Pronettia).

Ser e Voltar (Xacio Rodríguez Baño), Tupper (Gromland Producciones), Unary (Elena Olivares e Nacho Caballero en coproducción con Pixel Films) e Véndese. Baixo prezo. Pouco uso (Psico Pictures e Kaorecords), son as finalistas na categoría de mellor curtametraxe.

"Garden's Road" (Escuchando Elefantes) de Miss Movies (Juan Galiñanes e Olga Osorio); "Robin" (Escuchando Elefantes) de Carlos M. Tajes e Silvia Rábade; "Si muero esta noche", de Fernando Tato e Soledad Rebollo; e "Si vas al olvido" (Luz Casal), de Control Z optarán ao galardón ao mellor videoclip.

Xuntanza de candidatos e candidatas aos Mestre Mateo 2015 © Academia Galega do Audiovisual
Fely Manzano, Premio Mestre Mateo de Honra © Academia Galega do Audiovisual

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.