0 Gardados para despois

'Os Fenómenos' e 'A Esmorga', grandes triunfadoras dos Mestre Mateo

Redacción | @prazapublica

Os Fenómenos, o filme drixido por Alfonso Zarauza, fíxose cos galardóns máis importantes nesta edición dos Premios Mestre Mateo, entre eles o de mellor longametraxe, mellor director e mellor guion (para o propio Zarauza e Jaione Camborda), ademais do de mellor interpretación feminina de reparto, para Ledicia Sola.

O filme compartiu o protagonismo na noite do audiovisual galego con A Esmorga, que se fixo con seis premios, entre eles a maior parte das categorías técnicas: Dirección de Arte, Dirección de Fotografía, Música Orixinal, Vestiario, Maquillaxe e Perruquería. Tamén levou o premio á mellor interpretación masculina, para Antonio Durán Morris, que tamén gañou o de mellor interpretación de reparto, por O Códice. O outro filme favorito, Schimbare, finalmente acadou os galardóns de Mellor Dirección de Produción e Mellor Son. Mabel Rivera fíxose co premio á mellor actriz protagonista por Pazo de Familia. E Maimiño levou o galardón á mellor longametraxe de animación.

O galardón á Mellor Serie de Televisión foi para Serramoura, acompañado dun interminable aplauso do público, aínda que esta foi a única vez que o equipo da serie, candidata en nove categorías, subiu ao escenario para recoller un premio. ZigZag Diario foi elixido mellor programa de televisión e Marga Pazos, mellor comunicadora. Moi grande foi tamén o aplauso para o equipo de El Método Sueco, gañadores do Mestre Mateo á Mellor Serie Web, que reivindicaron o papel motor dos máis novos no audiovisual galego e salientaron a gran cantidade de webseries que se fan en Galicia “con moitas ganas e sen cobrar un peso”. Pola súa banda, Unary, de Elena Olivares, Nacho Caballero, en coprodución con Píxel Films, foi a gañadora á mellor curtametraxe. 

Os responsables de El Método Sueco reivindicaron o papel motor dos máis novos no audiovisual galego e salientaron a gran cantidade de webseries que se fan en Galicia “con moitas ganas e sen cobrar un peso”

Outro dos momentos destacados da gala foi a dedicatoria do Colectivo Audiovisual Lentes Diverxentes, gañadores do premios ao Mellor Documental por Angrois no esquecemento. O reducido equipo do filme, formado unicamente por catro persoas, dedicoulle o premio ás vítimas do accidente e aproveitou o momento para reivindicar a petición dos familiares de que “se faga xustiza e se busque a verdade”.

Foi unha noite tamén de mensaxes de fondo, de reivindicacións e de apelacións e agradecemento ao público do audiovisual galego. Comezando pola proxección dun vídeo-homenaxe aos fans da ficción galega, e seguindo polo propio discurso do presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, que abandona o cargo tras catro anos ao fronte da Academia. Mourelos, que remata o seu mandato coa vista posta nun futuro cheo de “cambios por vivir” e “infinidade de retos”, destacou "o papel necesario" do sector nun discurso marcado polos agradecementos, en especial ao público máis fiel, “un público sen complexos”, que acompañou ao audiovisual galego ao longo destes trinta anos. Mourelos destacou ademais que estes premios son "a viva mostra" de que na sociedade galega existe un audiovisual de calidade, que ademais atravesa un bo momento, “un audiovisual creativo, rico e con futuro que segue loitando por mellorar e abrir as súas fronteiras e colocarnos no mundo”.

Mourelos destacou "o papel necesario" do sector nun discurso marcado polos agradecementos, en especial ao público máis fiel, “un público sen complexos”, que acompañou ao audiovisual galego ao longo destes trinta anos

Outro dos momentos máis destacados da noite chegou cando Mabel Rivera entregou, tras un longo e emotivo abrazo, o premio de honra Fernando Rey á actriz Fely Manzano, a súa compañeira de rodaxe na clásica serie da TVG Pratos Combinados. No seu discurso, Fely Manzano pediu que non se esqueza a súa xeración, ademais de agradecerlle ao público o seu apoio ao sector. O público asistente ao evento respondeulle á actriz cun grande aplauso ao seu grito de “Viva o audiovisual galego!”.

'Os Fenómenos'

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.