Que sería de Cans sen os veciños e veciñas?

Xurado dos veciños e veciñas © Festival de Cans

Este mércores comeza a duodécima edición do Festival de Cans que, coma todos os anos, dedica a súa primeira xornada á veciñanza da parroquia. O Día d@s Veciñ@s é unha xornada de documentais, música e homenaxes coa xente de Cans como protagonista. No primeiro día comeza tamén Cans de Futuro, polo que pasarán 700 escolares. Ata o sábado milleiros de persoas pasarán por este lugar do Porriño, no que as protagonistas indiscutibles serán as 19 curtas e os 20 clips musicais a concurso, das que nesta ocasión só se aceptaron obras de directores e directoras galegas. E tamén a música, cun total de 20 concertos ao longo dos catro días de certame.

Os organizadores do festival destacan que Cans "non sería posible sen o papel que cada ano xogan os veciños e veciñas da parroquia"

Os organizadores do festival destacan que Cans "non sería posible sen o papel que cada ano xogan os veciños e veciñas da parroquia". "Dende os máis novos que guían aos visitantes polos camiños ata os máis veteranos que levan anos prestando as súas propiedades e o seu traballo para que o festival sexa o que é: un xeito diferente de gozar cultura dende fóra dos centros urbanos", engaden. A xente de Cans é ademais protagonista activa no festival, participando en producións audiovisuais e actuacións musicais, recibindo premios e homenaxes, traballando en todas as facetas da organización, montando exposicións e decidindo que curtas merecen o recoñecemento da veciñanza.

De feito, este mércores ás 20 horas inaugurarase un novo espazo: o Muro dos Chimpíns. Atópase na baixada ao río e nel quérese render homenaxe aos veciños e veciñas que colaboran co festival e que ao longo do tempo foron recibindo o chimpín de prata. Se directoras e actores teñen estrelas nun torreiro, os veciños teñen chimpíns nun muro. O recoñecemento nesta edición será para Juan Maceira, coñecido como Juan do Peso, carpinteiro xubilado que colabora estreitamente cos arquitectos e estudantes que participan na sección Cans Proxecta.

Varios grupos escolares de colexios da comarca e arredores pasarán pola aldea para coñecer como se organiza un festival de cine tan singular e descubrir o audiovisual galego

Pero as actividades comezarán mesmo antes, xa ás 10 da mañá coa primeira das xornadas de Cans de Futuro. Varios grupos escolares de colexios da comarca e arredores pasarán pola aldea para coñecer como se organiza un festival de cine tan singular e descubrir o audiovisual galego. Serán centos de escolares que durante tres días. Verán dúas as curtas gañadoras da edición de 2014 (Tupper e Ser e voltar), con subtítulos para persoas xordas, seguidas de coloquios con actores e directores. Ademais, ás 18 horas no Baixo de Bugarín proxectarase Meigallos, de Virginia Curiá, un filme de animación coa que a directora se estrea como directora de longametraxes, logo de pasar por Cans con varias curtas.

 

Catro días de actividades

O festival contará este ano con máis de medio cento de actividades, de todas as disciplinas e para todos os públicos. O director José Luis Cuerda ofrecerá o Coloquio na Leira desta edición, un dos momentos máis especiais ano tras ano, como tamén o é a colocación das novas estrelas no Torreiro das Estrelas, ao que este ano se sumarán Javier Gutiérrez (Premio Pedigree'15) e o propio Cuerda.

O director José Luis Cuerda ofrecerá o Coloquio na Leira desta edición, un dos momentos máis especiais ano tras ano

As protagonistas indiscutibles serán as curtas e clips a concurso. 19 curtas e 20 clips, das que nesta ocasión só se aceptaron obras de directores e directoras galegas. Os xurados que decidirán os distintos galardóns (11 en total, ademais de 5.000 euros en premios), estarán formados por, entre outros, Nerea Barros, Antonio Mourelos, Mercedes Peón, Enrique Otero, Avelino González, Sandra Sánchez, Fran P. Lorenzo, Hendrik Röver, Ángel Sánchez, Tati Moyano e Juan Rivas, ademais de polos propios veciños de Cans. Tamén cómpre destacar a proxección da longametraxe A cambio de nada, de Daniel Guzmán, que ven de triunfar no Festival de Málaga. A outra gran protagonista do festival, ademais do audiovisual, será a música, con concertos de Sidonie, Dos Tenores Def con Dos, Hendrik Röver, Sés, Luar na Lubre, Blues do País, Adrián Costa ou Quempallou, en total máis de 20 actuacións.

Xurado dos veciños e veciñas © Festival de Cans
Os chimpíns seguen sendo o símbolo de Cans © Alberto Pérez Barahona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.