A música galega esixe a restitución de 'Planeta Furancho'

Imaxe da rolda de prensa Dominio Público Praza Pública

Representantes da escena musical galega deixaron patente este mércores o seu descontento ante o cese de emisións do programa de Radio Galega Música Planeta Furancho nunha rolda de prensa conducida por Ada Seoane, Josito Porto e Alex Sevilla e que serviu tamén para lembrar a convocatoria dunha concentración de protesta, que terá lugar este xoves ás 20.30 horas na Praza do Toural de Compostela.

"Non imos quedar de brazos cruzados ante o último desaire á cultura deste país levado a cabo pola directiva do ente público CRTVG", destacaron, en referencia á retirada de Planeta Furancho, un espazo que "actuou como un altofalante da música galega durante máis de 1.400 programas" e que deixa a Radio Galega Música "sen ningún formato de visibilización das bandas do país", destacaron. O anuncio da suspensión inminente de Planeta Furancho chega xusto o mesmo día que o director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, salientaba no Parlamento o traballo de difusión da cultura galega realizado polo ente.

"Nos pensamos o mesmo que Don Alfonso. A cultura musical deste país ten que contar cun tempo na Radio Galega en horario non intempestivo! E, aproveitando as súas boas intencións, tamén a TVG ten a obriga de crear un programa con música ao vivo recollendo a cantidade e calidade de artistas contemporáneos galegos! É unha vergoña que non exista un solo programa de música moderna con entrevistas e actuacións en directo", sinalaron.

Os músicos e músicas galegas reunidas esixiron "a rectificación inmediata por parte da direción da CRTVG e a permanencia en antena do Planeta Furancho, nun horario máis acaido para algo que é central nas nosas vidas, gozar en liberdade das nosas músicas e na nosa lingua; e o cumprimento da Lei na CRTVG, cumprindo así a finalidade coa que foi creada". 

"Temos en conta que a Radio e os seus micros son nosos porque son públicos e estamos a falar dunha radio pública. A nós, como propietarios dun arma tan perigosa como pode resultar un instrumento musical, parécenos fundamental dispoñer de canles de difusión públicas", engadiron, convocando a toda a cidadanía para a concentración deste xoves.

 

Imaxe da rolda de prensa Dominio Público Praza Pública
Imaxe da rolda de prensa Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.