Os premios Xerais reivindican "o poder sempre vivo da palabra"

Cajaraville, Esmorís e Maceiras, en San Simón tras seren galardoados © Xerais

Un ano máis, festa literaria na illa de San Simón. Boa parte do mundo das letras xuntouse este sábado en plena ría de Vigo para coñecer os nomes e obras nos que recaerían os Premios Xerais, uns dos galardóns senlleiros da literatura do país que nesta ocasión recaeron en Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville, autoras e autor homenaxeados nun marco no que o mantedor literario da velada, o tamén escritor Miguel Vázquez Freire, reivindicou "o poder sempre vivo da palabra".

A música do Cé Orquestra Pantasma foi a banda sonora dun serán no que Vázquez Freire lembrou a Jules Verne nun espazo especialmente acaído para facelo. A obra verniana serviulle de fío para se deter no "exceso de sentimentalización presente na tradición literaria galega", as "relacións entre o real e o fantástico", os contos populares ou a relación entre prosa e poesía. Estas reflexións, di, lánzaas consciente da existencia de "sereas neste mar asañado de moitas crises que nos asolan" e que "están a cantar a morte do libro e con el, da novela, da poesía... da palabra".

"A literatura non é outra cousa ca palabra, aí está todo". E a palabra, precisamente, é o que exerceron as persoas que compuxeron as obras premiadas, a comezar por Érica Esmorís e a súa 'Nena e o mar', unha obra ambientada na vila mariñeira Porto Balea coa que consegue a trixésima edición do Premio Merlín de Literatura Infantil. 'Nena e o mar', di o xurado, consegue "crear unha atmosfera única que configura un relato único e valente". A autora indica que a concibiu como "unha obra circular e coral" que parte "dun sentimento: a desesperanza ou os límites auto impostos". "Eu encarnei ese sentimento nunha vila e nuns anciáns que, cansos da vida, decidiron malgastar os seus días esperando ao esquecemento ou á morte" e teñen como "contrapunto á protagonista, unha nena pequena, independente e valente".

Os premios xerais deste 2015 correspondéronlles a Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville polas súas obras 'Nena e o mar', 'Europa Express' e 'De remate'

Os premios atenden ao público infantil e tamén ao xuvenil, no seu caso co Premio Jules Verne, que nesta ocasión levou 'Europa Express', de Andrea Maceiras, filóloga coruñesa que xa fora premiada por varios relatos curtos e novela. Nesta ocasión a escritora presenta a historia dun grupo de adolescentes que deciden viaxar de Noruega a Galicia en interrail, un periplo no que "descubrirán a vida en liberdade e a complexidade das relacións persoais". Para o xurado, a obra "recrea á perfección a desorientación propia da adolescencia e a melancolía que acompaña, na madurez, a lembranza da mocidade". Andrea Maceiras sinala que na novela buscou a "intriga psicolóxica" e traballou a técnica "multiperspectivista" para retratar aspectos como "a liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor".

Bragado enmarca as autoras e autor galardoados como "membros da Xeración da Esperanza" que "está renovando a literatura galega actual"

A nómina de premiados deste 2015 complétaa Héctor Cajaraville, gañador da trixésimo segunda edición do Premio Xerais de Novela con 'De Remate'. Cajaraville, xornalista e experto en edición e lingua, presenta a obra como un "libro de artigos do columnista Bieito Sanmarful que foi publicado postumamente" e "ao que accedemos na terceira edición", prologada no ano 2025 por  Pablo Cardeiro, ex director de Loaira. Trátase, di o xurado, dunha "novela tremendamente singular no xeito de narrar" na que "asistimos non śo ao retrato sociolóxico da Galicia que habitamos, senón tamén a propia vida e o itinerario persoal do protagonista". O propio autor admite que 'De remate' é calquera cousa menos unha novela convencional"; de feito, idica, "haberá mesmo quen dubide da súa codición de novela". "Retallo a retallo -asegura- o lector vai conformando o personaxe, a súa contorna, a súa historia".

Para o director da editorial, Manuel Bragado, tanto as gañadoras dos premios Merlín e Jules Verne como o autor ao que este ano lle correspondeu o Premio Xerais poden ser considerados membros da "Xeración da Esperanza". Esa xeración, afirma Bragado, "está renovando a literatura galega actual".

As autoras e autor galardoados © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.